Nas eleccións municipais de 2015 algúns dos mellores resultados do BNG rexistráronse en concellos nos que xa gobernaba, mentres que algunhas das peores novas chegaron de municipios nos que exercera a oposición nos catro anos anteriores. A xestión local vén sendo nos últimos anos, nesta liña, un dos principais argumentos electorais do Bloque, cuxa candidata á Presidencia esgrimiu este xoves esa "experiencia" como mellor mostra "do ben que sabemos facer as cousas" e, polo tanto, da "transformación" que suporía a chegada da formación soberanista ao Goberno galego.
Acompañada por alcaldes, alcaldesas e representantes do BNG en gobernos de coalición Ana Pontón asinou publicamente os "20 compromisos" que, afirma, se compromete a "levar adiante dende a colaboración entre o futuro Goberno galego e os gobernos municipais" para, conxuntamente, "abrir un tempo novo", di, en sintonía co lema electoral da organización. Mellorar o financiamento municipal, medidas de ordenación territorial e planificación urbana, rehabilitaicón de vivendas ou loita contra a violencia machista son algúns dos eidos abordados nun documento que, asegura Pontón, se traducirá en "feitos".
Pontón asinou con alcaldes, alcaldesas e edís unha vintena de "compromisos para levar adiante entre o Goberno galego e os gobernos locais"
Eses "feitos", afirma a nacionalista, son os mesmos que "demostran" a capacidade de gobernar do BNG. "Como candidata á Presidencia é unha garantía saber que contamos para esa tarefa con persoas que xa abriron un tempo novo dende os concellos" e que "veñen protagonizando un cambio real" no ámbito municipal. Alcaldes, alcaldesas e edís, acrecenta, "manifestan hoxe o seu compromiso de colaborar, poñer toda a experiencia para que as cousas empecen a facerse ben na Xunta".
Pontevedra como referente
Lores: "Non basta con saber o que se quere facer, hai que saber facelo"
No nome dos cargos municipais presentes no acto tomou a palabra o titular dun dos gobernos locais que o BNG presenta como referente da súa xestión, o de Pontevedra. O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, apela á "amplísima bagaxe de coñecemento e experiencia de xestión" como a mellor mostra de que o Bloque está "na situación de poder gobernar". "Non basta con saber o que se quere facer, hai que saber facelo, e aí é onde entramos todos e todas as que estamos aquí", afirma.
Os gobernos liderados ou con participación do BNG, afirma Lores, son "referentes en temas que van do urbanismo ao medio ambiente, tratamento do lixo e aproveitamento do monte, políticas culturais e recuperación do patrimonio, políticas sociais e de igualdade", así como apoio aos sectores produtivos ou o comercio, cita. Así as cousas, conclúe, a opción electoral que o 25S lidera Ana Pontón é "clara e solvente, avalada pola experiencia e o bo facer dos gobernos nacionalistas nos concellos".