Pontón lanza en Allariz un plan para "rexenerar zonas queimadas" fronte ao "aquapark" do PP

Mitin do BNG en Allariz CC-BY-NC-SA BNG

A parada da caravana electoral en Allariz sempre está marcada en lugar preferente nas campañas do BNG. A vila ourensá é presentada polo Bloque como modelo de "cambio transformador" que é quen de perdurar décadas e co aval das urnas. Desta volta esa parada produciuse case ao inicio, o pasado sábado, e fíxoo co pano de fondo da vaga de lumes que aínda atinxe a provincia de Ourense, a mesma para a que o PP prometeu un parque acuático cando aínda se loitaba contra as lapas. É neste contexto no que a aspirante do Bloque á Presidencia, Ana Pontón, debulla o que sería o seu "plan de rexeneración de zonas queimadas" e "custodia" do monte.

Xunto á cabeza de lista da formación soberanista por Ourense, Noa Presas, e mais co alcalde alaricano, Francisco García, Pontón instou a ir "alén dos incendiarios" para abordar "a causa principal" do incendios, "o abandono do rural". Partindo desta base, di, se o BNG chega ao goberno lanzará dúas liñas de actuación. A primeira, unha "medida de urxencia": "un plan de rexeneración da zonas queimadas" con principal atención a Ourense.

A continuación, explica, sería o momento da "posta en marcha dun contrato de sustentabilidade", unha "achega económica" do Goberno galego "ás persoas que vivan no rural e que ademais de facer actividade agraria, se comprometan a conservar e custodiar o territorio". Ambas iniciativas, sinala Pontón, comparten "filosofía": "mudar a política de extinción pola de prevención e aproveitar a masa forestal en colaboración coas comunidades de montes, outros propietarios, gandeiros e ecoloxistas", así como "coas agrupacións veciñais de vixilancia e voluntariado". Na banda da extinción o obxectivo inmediato do proxecto sería "retomar a profesionalización do dispositivo, cen por cen público e cun mando único".

Pontón propón un "contrato de sustentabilidade" con achegas económicas á veciñanza que "se comprometa a conservar e custodiar" o monte

Ana Pontón contrapón este paquete de iniciativas co devandito parque acuático prometido por Feijóo en Ourense ao carón de José Manuel Baltar. Só o "endeusamento" do candidato á reelección, di, pode explicar que "un aquapark sexa a súa gran proposta menres arden 8.000 hectáreas de monte na provincia". Este, di, é un motivo máis para "acabar con oito anos indo cara a atrás en dereitos, en servizos, en benestar" e facelo apoiando ao Bloque, que en vilas como Allariz "demostramos que sabemos facer as cousas moi ben cando gobernamos".

Se un eventual cambio de Goberno depende do BNG, asegura Pontón, en Galicia non se producirá o "espectáculo da política madrileña" para conformar o Executivo nin para exercer o autogoberno. "Estamos na campaña galega e o que está en xogo non é o futuro de Rajoy, Sánchez ou Iglesias". "É indigno -remata- que PP, PSOE ou Podemos pretendan facer do 25S un ensaio das terceiras eleccións no Estado".

Ana Pontón e Noa Presas, durante o mitin do BNG en Allariz CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.