Por que os partidos portugueses maioritarios sobreviviron á austeridade e os gregos non?

Evolución dos dous partidos maioritarios en Grecia e Portugal entre 2009 e as eleccións de 2011 e 2012 © El Diario

Nestes momentos gobernar un país do sur de Europa non é precisamente un traballo envexable. Coa diminución dos ingresos fiscais, os altos déficits, o desemprego disparado e un endebedamento que non para de crecer, calquera goberno debe estar preparado para facer fronte a un revés electoral. As medidas de austeridade xeraron un descontento popular que se expresa a través de protestas masivas, folgas xerais, e a ira xeral contra o poder. E todo o que os partidos no goberno poden facer é tratar de evitar ou tranquilizar a culpa por levaren a cabo medidas impopulares (recortes de gastos e aumentos de impostos) que se ditan desde o exterior. Este é o caso de Grecia e Portugal, países que foron rescatados en 2010 e 2011 respectivamente, e que están a pór en práctica os programas de axustes acordados coa Troika. As medidas de austeridade nestes dous países, as máis drásticas en Europa, provocaron a contracción das súas economías. Con todo, as consecuencias políticas da devandita austeridade foron moi distintas.

En Grecia os dous grandes partidos implosionaron. Nas eleccións de 2009, Nova Democracia e PASOK obtiveron conxuntamente un 77% dos votos. Nas eleccións de maio de 2012, esta porcentaxe diminuíu até o 42%

En Grecia os dous grandes partidos implosionaron. Nas eleccións de 2009, Nova Democracia e PASOK obtiveron conxuntamente un 77% dos votos. Nas eleccións de maio de 2012, esta porcentaxe diminuíu até o 42%. A formación de centro-esquerda foi a máis afectada, quedando por baixo do 15% e perdendo dous terzos dos seus votos entre 2009 e 2012, mentres que a Nova Democracia caeu até o 18%. Ante a imposibilidade de formar goberno volvéronse celebrar eleccións en xuño de 2012. Nova Democracia conseguiu sumar once puntos até o 29%, pero o PASOK mantívose nun discreto 13%, perdendo outros 8 deputados. Desde entón o partido maioritario de esquerda é Syriza.


Partidos_austeridade

Tanto o PASOK coma Nova Democracia recompensaban os seus partidarios con postos de traballo no sector público, pensións, e outros beneficios, como unha forma de asegurar o seu apoio e lealdade

En Portugal, en cambio, os partidos maioritarios resistiron á crise. En 2009 o PSD de centro-dereita e o Partido Socialista obtiveron un 65% do total de votos emitidos. Os socialistas formaron un goberno de minoría que durou até abril de 2011, momento en que o PSD se negou a apoiar o seu cuarto paquete de austeridade e provocou o rescate da Troika. Tras as eleccións de xuño de 2011 os socialistas perderon pero aínda así recibiron un 28% dos votos. O PSD obtivo o 38% e formou unha coalición de goberno co CDS-PP. PS e PSD sumaron un 66% do total de votos, é dicir, aproximadamente a mesmo porcentaxe que antes da crise. E as últimas sondaxes apuntan que esta cifra non variaría moito.

Por que a austeridade debilitou os grandes partidos gregos, especialmente o PASOK, mentres que os partidos portugueses mantiveron niveis semellantes de apoio? É certo que a crise está a ser moito máis dramática en Grecia pero isto non parece suficiente para explicar a magnitude da caída. Existen dous aspectos particularmente importantes: o grao de clientelismo político e a claridade da responsabilidade.

En primeiro lugar, os partidos gregos dependen en gran medida das chamadas pork-barrel politics ou políticas clientelares para obter o apoio do seu electorado, polo tanto o seu éxito electoral está vinculado ao gasto público. Tanto o PASOK coma Nova Democracia recompensaban os seus partidarios con postos de traballo no sector público, pensións, e outros beneficios, como unha forma de asegurar o seu apoio e lealdade. As análises comparadas indican que o clientelismo político en Grecia era o máis estendido de Europa. O problema é que se trata dun sistema que dependía da dispoñibilidade de fondos públicos e dos baixos custos de endebedamento anteriores á crise.

En Portugal a austeridade chegou moito antes que a crise. Isto pode provocar que os partidos portugueses sexan máis resistentes, en parte porque os votantes sabían que non podían esperar moito deles.

Cando estes custos subiron, á vez que se implementaban as drásticas medidas de austeridade, os partidos gregos quedaron sen nada que ofrecer aos votantes. Isto, sumado a que ambos os partidos non eran moi distintos ideoloxicamente falando, provocou que os votantes os abandonasen por outros partidos que prometían alternativas ás políticas de austeridade. Os partidos portugueses, en cambio, non confiaron en prácticas tan estendidas de clientelismo político. Ademais, unha década de lento crecemento económico e o aumento do déficit despois do ano 2000, ocupáronse de descartar esta estratexia definitivamente. A austeridade chegou moito antes que a crise. Isto pode provocar que os partidos portugueses sexan máis resistentes, en parte porque os votantes sabían que non podían esperar moito deles.

Os recortes de gastos negociáronse efectivamente co PSD, co que é máis difícil atribuír a responsabilidade

En segundo lugar, sabemos que os custes electorais da austeridade dependen en gran medida da capacidade para identificar os seus responsables. No caso grego, o PASOK foi o obxectivo obvio, xa que gobernaba en solitario no momento do rescate e non podía compartir a responsabilidade con outros partidos. Tiñan maioría no Parlamento, e Nova Democracia ocupouse de culpalos constantemente polas medidas de austeridade. En cambio en Portugal o partido socialista de José Socrates encabezaba un goberno en minoría que dependía do PSD para implementar as políticas de austeridade. Os recortes de gastos negociáronse efectivamente co PSD, co que é máis difícil atribuír a responsabilidade. Ademais, hai que ter en conta que unha gran parte dos portugueses tenden a absterse en lugar de votar partidos de protesta, o cal tamén nos axuda a entender por que os partidos maioritarios sobreviviron.

Despois da crise política que case provocou a caída do goberno actual, o presidente portugués Cavaco Silva pediu volver formar unha coalición de salvación nacional cos dous grandes partidos. Dalgunha forma isto é o que acabaron facendo Grecia ou Italia mediante a formación de gobernos tecnocráticos ou a partir de grandes coalicións reunindo todos os partidos. Ao final o obxectivo é crear un pacto político no que os participantes se comprometen a evitar culparse entre eles co fin de minimizar os custos electorais. Quizais sexa unha estratexia que non dure moito tempo, pero agora mesmo é a única que atoparon os partidos para sobrevivir á situación actual.

Evolución dos dous partidos maioritarios en Grecia e Portugal entre 2009 e as eleccións de 2011 e 2012 © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.