“O serviço de transporte de passageiros na relação Porto-Vigo é assegurado exclusivamente por automotoras equipadas com Asfa Digital”. Así certifica Comboios de Portugal, en resposta ao Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que todos os trens Celta contan co sistema que puido evitar o accidente do Porriño de hai un ano.
“O serviço de transporte de passageiros é assegurado exclusivamente por automotoras equipadas com Asfa Digital”, respóndelle Comboios ao Eixo Atlántico
No accidente do Porriño de setembro do ano pasado o tren circulaba a 118 quilómetros por hora, a velocidade habitual ao paso pola vila, na que non fai parada. Porén, o día do sinistro Adif decidiu comprobar o funcionamento dos desvíos da estación e orientou o tren cara unha vía secundaria pola que tiña que circular a un máximo de 30 quilómetros por hora. Segundo as comprobacións realizadas polos investigadores, os sinais previos indicáronlle ao maquinista ese desvío, pero por motivos aínda non aclarados o condutor non reduciu a velocidade e o tren descarrilou. A bordo do tren, o sistema ASFA (Anuncio de Sinais e Freado Automático) analóxico avisa ao maquinista do sinal existente na vía e este ten que pulsar un botón conforme é consciente desa orde ou do contrario o convoi detense. Porén, unha vez pulsado ese botón de recoñecemento do sinal, o ASFA analóxico non frea o tren se non o fai o maquinista, mentres que o ASFA dixital si adecúa a velocidade ao que indica o sinal aínda que non o faga o condutor.
Comboios di que os trens sen ASFA dixital só circulan cando teñen que desprazarse ata os talleres de Redondela e sempre sen pasaxeiros
Tras o accidente, Comboios decidiu que só operasen o servizo trens equipados con ASFA dixital, pero no aniversario do accidente denunciouse que ás veces seguían a circular vehículos co ASFA analóxico. Agora, en resposta ao Eixo Atlántico, Comboios de Portugal asegura que os trens sen ASFA dixital, que Portugal segue a empregar noutras liñas, só circulan entre Valença e Redondela, sempre sen pasaxeiros, cando teñen que desprazarse para revisións e mantemento ata os talleres desa localidade, e só o fan “em marcha não comercial, acompanhada por um Inspector da Renfe, de modo a respeitar a Regulamentação de Segurança”.