PP e PSOE apláudense entre eles para negar a consulta en Cataluña

Os tres representantes da Generalitat no Congreso © eldiario.es

O debate sobre o dereito a decidir de Cataluña chegou ao Congreso precedido dun spoiler con detalles como que o 84% da Cámara ía dicir que non ao si do Parlament. Coñecido o resultado da votación moito antes da fin da sesión, o debate centrouse no estilo para matizar as posicións coñecidas dos dous bandos. Sete horas despois de empezar o debate, a proposta foi rexeitada por 299 votos. Outros 47 apoiárona e deuse unha soa abstención.

PP e PSOE aplaudíronse entre si para pechar todas as portas ao referendo catalán e incluso o grupo popular admitiu que lle gustara o discurso de Rubalcaba, que recibiu o apoio dalgún dos seus deputados.

Rajoy asegura que "a democracia non está por riba da lei" e Rubalcaba aposta por unha reforma profunda da Constitución

Os propoñentes, CiU, ERC e ICV, insistiron en pedir a consulta para que os cataláns decidan o 9 de novembro independizarse ou non. Mariano Rajoy puxo a Constitución como barreira e ofreceu coa boca pequena reformala, aínda que sen asegurar que estivese de acordo con esa teórica reforma. Mentres tanto, "a democracia non está por riba da lei", dixo. Alfredo Pérez Rubalcaba, moi interesado é desmarcarse do PP a pesar de coincidir no sentido do seu voto, propuxo sentar a negociar unha reforma profunda da Carta Magna "para seguir xuntos" e defendeu o federalismo como solución global.

A gama de apostas polo si da primeira parte do debate foi desde o ton historicista de Jordi Turull (CiU) ao discurso sentimental dunha Marta Rovira que se confesou "feliz", falou de "abrazos" e á que en ocasións se puido ver dominada pola emoción. Antes de subir á tribuna, achegouse ao escano de Rajoy para estreitarlle a man. O xesto pillou tan desprevida a Soraya Sáenz de Santamaría que aínda tardaron uns segundos en tender a súa.

Jordi Turull (CiU): "Se se quere, pódese"

Turull empezou o seu tempo de palabra armado de argumentos históricos como a antigüidade de Cataluña, de forma moi similar a cando Rajoy argumenta que España "é unha das nacións máis antigas do mundo". A súa sentenza de que "se se quere, pódese" facer posible a consulta veu acompañada do aviso de que non se renderán porque teñen "outras vías" para logralo, incluída unhas eleccións adiantadas e plebiscitarias.

A desafección é en Cataluña "non sentir a España do noso lado", di ERC

Rovira tirou de sentimentos para defender que a desafección é en Cataluña "non sentir a España do noso lado". Na súa exposición houbo oco para a queixa pola falta de investimentos: "Queremos un Estado que invista en trens cargados de oportunidades e emprego". 

Herrera (ICV) reprocha ao PP as súas firmas contra o Estatut

Joan Herrera subiu á tribuna coa soltura da súa experiencia como deputado. E, desde ela, falou con claridade sobre a caducidade do modelo político e a falta de visión dos dous grandes partidos "para entender a plurinacionalidade do Estado".

Herrera acusounos de "estar a dinamitar o pacto constitucional" e anticipouse ás expresións de agarimo e admiración por Cataluña que Rajoy ía expresar despois para botarlle á cara a recollida de sinaturas que o PP impulsou contra o Estatut. Herrera lembroulles que iniciativas como esas si "rompen España".

Rajoy: "Eu creo en Cataluña máis que vostedes"

Na súa quenda de palabra, Rajoy referiuse indirectamente á ausencia de Artur Mas, "escoitamos a todos agás a aqueles que non quixeron vir". E definiu a Carta Magna como "un testamento" que impide a consulta e a petición como "un proxecto de ruptura". As súas bases foron o recordo do gran nivel de autogoberno, "teñen vostedes moitas competencias" e o máis agoreiro sobre as consecuencias económicas da independencia, aínda que iso non lle impediu afirmar, tras desculparse pola v"aidade": "Eu creo en Cataluña máis que vostedes".

Rajoy ve a Constitución como "un testamento" que impide a consulta e a petición como "un proxecto de ruptura"

Se Cataluña ten un gran autogoberno é grazas ao PSOE, veu lembrar Alfredo Pérez Rubalcaba antes de insistir en que é necesario un pacto para reformar a Constitución a fondo e solucionar a cuestión catalá e tamén acometer o resto de reformas pendentes.

"Diálogo para seguir unidos"

"Este problema resólvese sentándose e falando". Pero Rubalcaba tamén deixou claro o seu rexeitamento de plano ao referendo e ao "daniño" do discurso de "Espanya ens roba" empregado polos independentistas.

Xa na quenda de réplica, e despois de escoitar os portavoces dos grupos parlamentarios no Congreso, Turull insistiu en que a consulta é viable e apoiouse nunha cita de Nelson Mandela, a de que "todo parece imposible ata que non se fai". A segunda intervención da representante de ERC, Rovira, quentou a bancada socialista até o punto de que Rubalcaba pediulle que retirase as súas palabras. A deputada do Parlament acusou o PSOE de chegar tarde ao federalismo "despois de acabar coa vida política de Pasqual Maragall".

ERC e ICV acusaron o PSOE de "chegar 36 anos tarde e con trampa" ao federalismo

Na súa segunda intervención, Herrera tamén reprochou ao PSOE de "chegar 36 anos tarde e con trampa" e aos dous grandes partidos de estar a pensar nas eleccións europeas máis que de debater de forma construtiva: "Son bos estrategas e pésimos gobernantes". Aínda que o reproche principal foi ao PP por "fosilizar a Constitución" e "agrandar a distancia", Herrera tamén incidiu en que a proposta federal do PSOE "fai trampa e chega 36 anos tarde".

Pequena liorta polo dereito de autodeterminación

O socialista devolveu o ataque coa acusación de que ICV non defende igual as súas posturas en toda España e de falta de solidez no seu proxecto: "Sexamos serios, con que Estado queren federarse?". As diferenzas en canto ao tipo de federalismo encerellou tamén a Rubalcaba con Joan Coscubiela por defender o dereito a decidir. Coscubiela, retado polo socialista, dixo ser capaz "de defender o mesmo en Puente Genil que en Hospitalet" e e negou a acusación de non poder defender o dereito á autorderminación fóra de Cataluña.

A pesar de todo, a súa mensaxe final ha consistida na promesa de que vai tentar convencer ao presidente" de que dialoguen para reformar a Constitución. "Primeiro dialogar, segundo pactar e terceiro votar" foi a orde dos pasos a seguir.

BNG: "Os tempos actuais non son os de hai 40 anos"

Pola súa banda, o BNG amosou o seu apoio á consulta porque "negar a realidade non fai que desapareza o feito nacional que representan Galicia, Cataluña e Euskadi". Olaia Fernández Davila, voceira do BNG, defendeu o proceso catalán e pediu a PP e PSOE que "non sigan escudándose en que o referendo non o ampara a lei porque depende de quen a interprete e, ademais, as normas non son inmutábeis e pódense reformar". "Os tempos actuais non son os de hai 40 anos", lembroulle a deputada nacionalista ao Executivo.

"Non obstaculicen o dereito a que se manifeste con liberdade a diferenza nas urnas", di o Bloque

"Non obstaculicen o dereito a que se manifesta con liberdade a diferenza nas urnas", rematou Fernández Davila, que acusou a socialistas e populares de "ofrecer un diálogo deixando claro que os acordos estarán suxeitos" ao que eles "decidan".

Rajoy, no Congreso © Congreso dos Deputados
Os tres representantes da Generalitat no Congreso © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.