Hai pouco maís dun ano, PP e PSOE impulsaron unha nova lei electoral que modificaba tamén a normativa do voto emigrante. Os dous grandes partidos estatais acordaron a implantación do voto rogado no exterior, o que implica a obriga de solicitar expresamente a participación nos comicios, e coa que se procuraba engadir garantías e credibilidade ao cuestionado voto da emigración, especialmente en Galicia.
PP e PSOE queren cambiar a Lei Electoral logo da elevada abstención (96%) no voto emigrante nas últimas eleccións autonómicas
Agora, PP e PSOE en Galicia apostan por volver cambiar a lei pouco máis dun ano despois. O motivo: a escasa participación da emigración nos últimos comicios autonómicos, onde a abstención na diáspora superou o 96%, votando uns 13.000 electores dun total de case 400.000 que conforman o Censo de Residentes Ausentes (CERA). A obriga de solicitiude do voto fixo que tan só algo máis do 3% da diáspora participase nos comicios, fronte a media de entre o 30 e o 40% que adoitaba facelo co anterior sistema e que recibiu críticas e denuncias que incluso demostraron que ata persoas falecidas chegaran a exercer o dereito a voto.
Santiago Camba, secretario xeral de Emigración -que deixará o seu cargo axiña para incorporarse á Embaixada en Arxentina-, teno claro. "Os partidos estaban avisados desde Galicia e sabían que as consecuencias podían ser estas", asegura, tras intentar xustificar o voto favorable do PP a unha Lei Electoral que agora se quere volver modificar. "O PP a nivel estatal era reacio a aprobar esta norma, pero na procura dun consenso cedeu no tema do voto exterior e estas son as consecuencias", engade o que foi principal cargo da Xunta na emigración durante os últimos anos.
"PP e PSOE estaban avisados desde Galicia e sabían das consecuencias do voto rogado", di Santiago Camba
Marisol Soneira, voceira de Emigración do PSdeG, aclara tamén que desde a federación galega do partido sempre houbo voces críticas á implantación do voto rogado. "Os que cuestionamos esta modificación sempre fomos os mesmos e ao final demostrouse que tiñamos razón; as garantías non se conseguen instaurando o voto rogado porque o único que fai isto é restrinxir o dereito dos emigrantes; o que houbo foi dificultades para votar", explica. "O que hai que facilitar nunha democracia consolidada como a española é que a xente vote e que o seu voto teña garantías, por iso sempre fun crítico coa parte da Lei Electoral referida ao voto exterior; para cambiar unha lei hai que pensar antes as graves consecuencias que pode ter ese cambio", insiste Santiago Camba, que lembra que malia que máis de 30.000 persoas pediron o voto, algo menos de 13.000 o exerceron. "Os correos funcionan mal, a información é escasa e os prazos son curtos", xustifica.
PSdeG e PPdeG amósanse claramente en contra dunha modificación consensuada por PSOE e PP en Madrid
Xa que logo, PSdeG e PPdeG amósanse claramente en contra da decisión tomada por consenso hai pouco máis dun ano polos seus partidos desde Madrid e apostan por chegar a acordos para volver modificar a lei e facilitar así o voto emigrante. "Se o PSOE está concienciado de que se cometeu un erro, e tendo en conta que a lei se aprobou tendo eles maioría no Congreso, imaxino que non será difícil chegar a un consenso para modificar a norma", di Santiago Camba. Pola contra, Marisol Soneira coincide tamén na necesidade de cambios, pero veo "máis complicado". "Xa se conseguiu que o voto emigrante fose irrelevante e se cadra o PP ten medo a un castigo electoral", manifesta a deputada socialista, que afirma que "moita xente do PP estaba en contra da Lei Electoral", pero "non Feijóo, que a aceptou convencido de que o PSOE sería o gañador dos comicios no exterior".
As bases para un novo cambio están postas. O PSOE xa presentou no Congreso dos Deputados unha proposición para modificar a lei electoral e eliminar o voto rogado, aínda que isto requiriría un gran pacto entre os dous partidos. Ademais, a principios de ano o PP aprobou unha proposición dos socialistas galegos no Parlamento para abrir un debate sobre a modificación da norma. O propio Feijóo vén de recoñecer en Arxentina a súa intención de variar a lei para acabar cos problemas do voto rogado.
O PSdeG aposta por unha circunscrición electoral no exterior coa que os emigrantes escollerían representantes propios
Agora, ambos os dous partidos están dispostos a afrontala, pero as diferenzas están no sistema de voto que habería que instaurar. O PSdeG insta a crear unha circunscrición electoral no exterior, un modelo semellante ao italiano, para que os emigrantes teñan os seus propios candidatos e representantes electos. "Sería de xustiza histórica, unha forma de recoñecer a quinta provincia galega", asegura Marisol Soneira, que se pregunta se "de verdade o PP quere ir á raíz do problema".
"Que os residentes ausentes voten o mesmo día que nós, que o reconto se faga alí no exterior con garantías e que elixan os seus representantes", insiste Soneira, que cre que "non se pode confiar o dereito a voto a servizos de Correos doutros países que, ademais, en moitos casos nin tan sequera son estatais". No PP están dispostos tamén a facilitar o voto na emigración, ben sexa a través dos consulados ou outras institucións, pero con seguridade e incluso instaurando opcións telemáticas. Non son tan favorables á creación dunha circunscrición electoral propia para os emigrantes.
Se así o desexan, e se chegan a un acordo, PP e PSOE non terán difícil cambiar de novo a Lei Electoral, aínda que terán que aturar as críticas de quen considera inapropiado modificar unha norma que foi aprobada hai pouco máis dun ano e que, precisamente, buscaba maiores garantías para o exercicio do voto no exterior. Desde AGE e BNG xa deixaron claro que estes novos intentos no cambio da lexislación responden ao intento de favorecer os intereses dos dous grandes partidos, mentres outros aspectos da normativa electoral permanecen inalterables desde hai tempo malia as continuas críticas.