Os dous grupos maioritarios do Congreso, PP e PSOE, tiveron durante estes últimos anos máis dunha oportunidade para impulsar a reforma do sistema hipotecario e abrir unha porta á esperanza sobre a dación en pago. Pero non o fixeron. É máis, mentres milleiros de desafiuzamentos eran executados ou estaban en marcha, varias plataformas cidadás presentaban no Congreso Iniciativas Lexislativas Populares (ILP) para que os políticos tomasen conciencia do drama. Ningunha destas ILP chegou a ser debatida nun pleno.
Un dos primeiros rexeitamentos a calquera modificación na lei produciuse en febreiro de 2011, durante o último ano de mandato de Zapatero. Protagonizárona o PP e o PSOE, que non apoiaron unha proposta de ERC, IU e ICV a pesar de que o drama xa era palpable.
PP e PSOE rexeitaron en 2011 propostas de BNG, ERC, IU e ICV malia que o drama era xa palpable
A seguinte negativa chegou en xuño dese mesmo ano cando o pleno do Congreso debatía unha proposición de lei presentada polo BNG na que volvía pedirse que a lei contemplase a dación en pago en caso de insolvencia ante unha hipoteca. A proposta só foi apoiada pola Izquierda Plural. O PSOE, que seguía gobernando con grandes dificultades, votou en contra mentres o PP e os demais grupos se abstiñan. Os socialistas xustificaron o seu rexeitamento en que o Congreso acababa de aprobar a finais de abril a creación dunha subcomisión para analizar precisamente a posibilidade de reformar o sistema hipotecario español. A subcomisión segue aberta pero sen actividade desde setembro.
O PSOE xustificou o voto en contra pola aprobacion dunha subcomisión para reformar o sistema hipotecario que segue sen actividade
En marzo de 2012, gobernando xa o PP, o partido de Rajoy rexeitou tamén unha moción presentada por Izquierda Plural na que se pedía a dación en pago con carácter retroactivo e medidas urxentes para os desafiuzamentos en marcha. "Non podemos continuar así, non pode ser que as familias se vexan perseguidas", clamou daquela o deputado de ICV-EUiA Joan Coscubiela. O PP votou en contra e o PSOE, malia estar de acordo coa gravidade do momento, abstívose alegando que había que impulsar primeiro un proxecto de lei de insolvencia persoal, establecer unha moratoria e promover o aluguer de vivendas baratas.
Pouco despois de rexeitar esta iniciativa, o Goberno de Rajoy deu un tímido paso ao aprobar por decreto un "código de boas prácticas para os bancos" aos que "convidaba" a aceptar a dación en pago no caso de que se tratase de familias con todos os seus membros en paro ou en situación comprobada de pobreza. Ao ter carácter voluntario, poucas entidades se sumaron a este código mentres a sangría de desafiuzamentos continuaba.
Nos dous últimos anos, cando menos tres plataformas presentaron ILP sobre a dación en pago. Ningunha chegou ao pleno
Nestes dous últimos anos -o último de Goberno de Zapatero e o primeiro de Rajoy-, cando menos tres plataformas cidadás tamén presentaron no Congreso Iniciativas Lexislativas Populares (ILP) sobre a dación en pago. Con todo, ningunha delas conseguiu chegar ao pleno. Algunhas -poucas- destas iniciativas adoitan ser admitidas pola Mesa pero para que poidan ser debatidas polos grupos parlamentarios deben estar apoiadas polo menos por 500.000 sinaturas que á súa vez deben de ser verificadas pola Xunta Electoral Central.
Con todo, en toda a historia da democracia, que as súas señorías lembren, só logrou este obxectivo unha ILP, a lei de Televisión sen Fronteiras -debatida o pasado mes de setembro- para que as cadeas de televisión autonómicas se puidesen ver noutras comunidades limítrofes coa mesma lingua. Deu igual porque foi rexeitada por PP e UPyD.
As caixas coas sinaturas destas iniciativas populares, conseguidas con tanto esforzo, son enviadas a un almacén do Congreso situado nos arredores de Madrid onde dormen o soño dos xustos. O volume de espazo que ocupan é tal que a Mesa da Cámara estuda a esixencia de que se presenten nun futuro en soporte electrónico.
Unha dos colectivos máis activos contra os desafiuzamentos, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), loita desde a anterior lexislatura para que o Congreso asuma a súa iniciativa popular. Tentouno durante o verán de 2011. Pero o feito de que con anterioridade se presentasen outras iniciativas populares moi parecidas, unha por parte dun colectivo verde-ecopacifista e outra da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae), fixo paralizar a súa proposta xa que o Regulamento impide tramitar na mesma lexislatura dúas IPL similares e sempre ten prioridade a que se presentou primeiro.
Despois de moitas tiras e afrouxas, os ecopacifistas retiraron finalmente a súa o que propiciou o desbloqueo da do PAH. Pero Adicae -que no seu día estaba dentro da PAH- negouse a iso, o que provocou queos acusasen de boicot. A plataforma, no entanto, volveu á carga e leva meses recollendo firmas para evitar máis desafiuzamentos. Mesmo conseguiu que a Mesa do Congreso amplíe o prazo da súa presentación ao 25 de xaneiro de 2013.
Ao PSOE lástrano os anos que gobernou sen impulsar cambios na lei hipotecaria; agora todo son présas
Pero os acontecementos, desgraciadamente, precipitáronse e o suicidio en Barakaldo dunha muller que ía ser desposuída da súa vivenda levou ao Goberno a anunciar medidas de urxencia, xunto co PSOE, partido ao que o lastran os anos nos que gobernou podendo impulsar os cambios na lei hipotecaria e non o fixo. Agora todo son présas.
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca vén de emitir un comunicado no que responsabiliza politicamente a PP e PSOE dos desafiuzamentos, tras acusalos do seu "enésimo acto de arrogancia".