PP e PSOE 'tragan' cun informe "descafeinado" de Europa sobre as rías galegas

Esteiro da ría do Burgo CC-BY-SA ElBuhonº30

PP e PSOE aceptaron na Eurocámara un informe "descafeinado" sobre a situación das rías galegas e cuxo borrador final, malia non contar co consenso dos eurodeputados que formaron parte da misión que visitou Galicia, será finalmente votado o vindeiro día 16 de decembro na Comisión de Peticións. Determinaranse alí as recomendacións do Parlamento Europeo ás autoridades para limpar a contaminación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo.

O informe final proposto para votación non conta co apoio de dous dos tres membros da misión que visitou as rías galegas

O borrador consta finalmente dun texto resumo onde se inclúen as valoracións tanto do xefe da misión que visitou as rías galegas, o conservador Philippe Boulland, como as das outras dúas eurodeputadas da delegación europea, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka, e que son claramente contraditorias. A pesar disto, o debate deste relatorio mixto -que conseguira ser paralizado por estas dúas parlamentarias na última xuntanza co apoio de Socialistas, Os Verdes/ALE, GUE/NGL, reformistas británicos e liberais- si saíu agora adiante grazas ao voto a favor dos europarlamentarios socialistas e dos populares nun debate que se poder ver en vídeo.

Xa que logo, será o vindeiro día 16 cando se voten as 84 emendas presentadas -40 delas por parte da europarlamentaria do BNG, Ana Miranda- e cando se aprobe definitivamente un texto que, agás sorpresa, confirmarase "descafeinado", tal e como denuncia o Bloque ou eurodeputados de IU como Willy Meyer, xa que recoñece o "descoido" das autoridades pero tamén o seu "esforzo", malia que no primeiro texto elaborado en maio incluíanse duras críticas á Xunta e se censuraban os graves erros e eivas no tratamento das rías, consideracións que foron logo eliminadas. De feito, as dúas eurodeputadas da misión presentaron unha emenda á totalidade das recomendacións e conclusións, propoñendo un novo texto que reflicta "a posición inicial dos membros da misión tras a visita" a Galicia e que data do 20 de xuño.

O documento recoñece o "descoido" das administracións pero tamén o seu "esforzo" e evita as críticas á Xunta que si se redactaran no primeiro informe

Tanto Angelika Werthmann como Tatjana Zdanoka xa advirten de que retirarán a súa sinatura do documento final se non se inclúe un anexo onde pretenden amosar a súa disconformidade cun relatorio que non cren que recolla a realidade sobre a pésima situación das rías e que se contrapón á visión do xefe da misión Philippe Boulland, que é a que predomina. "Sería algo inédito na UE que se aprobasen unhas recomendacións coa única sinatura dun dos membros da misión e coa súa única visión, unha mostra dun déficit democrático importante", denuncian eurodeputados consultados por Praza.

Porque as diverxencias que agora se confirman non foron sempre así. Boulland quedara impresionado coa situación das rías galegas, especialmente coa do Burgo. A súa idea era a de facer un informe moi crítico, tal e como advertira e tal e como lembran varios eurodeputados. Pero foi virando a posición e optou por redactar o seu texto sen contar coas outras europarlamentarias e obviando as críticas ás administracións presionado polo PP, segundo denuncian parlamentarios que reparan nunha situación anómala, nunca vista e que provoca un atraso inédito en informes deste tipo.

As dúas eurodeputadas disconformes co relatorio retirarán a súa sinatura do texto se non se inclúe un anexo coas súas críticas á situación das rías

O conservador Boulland achegou un documento apoiado polo PP no que se evitan críticas á xestión das administración, óbviase a súa responsabilidade e destácanse os esforzos realizados pola comunidade autónoma e as administracións locais para resolver a contaminación. No entanto, Zdanoka e Werthmann foron moito máis críticas, destacando as continuas denuncias cidadáns e ecoloxistas sobre a situación das rías -en especial a do Burgo- e relatando unha contaminación que en declaracións tras a viaxe a Galicia non dubidaran en cualificar de "escandalosa" e na que falaban de "inmundicia inxustificable".

Agora, o borrador repite estas diverxencias, pero centra as súas conclusións en "recoñecer os esforzos realizados polas autoridades públicas en materia de depuración, que deron lugar á mellora de varias zonas" tras lembrar que desde a década dos 80 construíronse 150 plantas de tratamento de augas. Malia que se sinala que as setenzas dos tribunais europeos contra España supoñen "unha primeira medición do nivel de gravidade das infraccións e dos atrasos na aplicación das directivas europeas medioambientais", o documento evita incluír as graves denuncias dos peticionarios que si se incluían antes.

Sobre a planta de Reganosa, o borrador sinala que "recibiu todas as autorizacións necesarias para as súas actividades", aínda que "algúns eurodeptuados observaron certa proximidade con algunhas casas". Ademais, recomenda aos críticos que se apunten ás visitas guiadas que a empresa ofrece polas instalacións. En canto á ría do Burgo, destaca que varios parlamentarios quedaron "sorprendidos ante o espeso lodo acumulado que afectaba negativaente ás actividades cotiás da poboación e ao emprego local".

 

PP e PSOE aceptan o texto entre as críticas de BNG e IU

Así, todos os eurodeputados presentes no debate lamentaron o atraso á hora de acordar unhas recomendacións que para nada foron consensuadas, senón aceptadas por maioría á espera das emendas. O eurodeputado do PP Francisco Millán Mon cre que "quedou claro que queda por facer, pero tamén que moito xa se fixo e que as autoridades amosaron a súa vontade de cumprir a normativa". Pola súa banda, o socialista Antolín Sánchez Presedo dixo sentirse "representado" polo texto provisional tras lamentar os continuos aprazamentos.

No entanto, Willy Meyer, de IU, denunciou que o único obxectivo do presidente da misión e relator do texto foi "salvar o goberno popular de Galicia e non facer caso aos peticionarios", algo no que coincide Iñaki Irazabalbeitia (Aralar), que presentou as emendas en nome de Ana Miranda, e que cre que o documento "non reflicte" as denuncias feitas durante anos. O temor de boa parte dos eurodeputados é que PP e PSOE pactasen o apoio final ao texto a cambio da aceptación dalgunha das emendas socialistas.

O BNG denuncia as "presións de PP e PSOE para descafeinar o texto e lavarlle a cara á Xunta e ao goberno local de Vigo"

Precisamente, a nacionalista Ana Miranda, eurodeputada ata o verán e membro da delegación oficial de investigación, destacou que o BNG "quere que da Eurocámara saia un informe que contribúa a dar solucións, que responda ás demandas dos peticionarios e da sociedade galega de acadar o saneamento integral das nosas rías". "Iso malia as presións do PP para descafeinar o informe coa única finalidade de lavarlle a cara ao Goberno central e da Xunta, e tamén do PSOE, neste caso para deixar quedar ben o goberno local de Vigo”, dixo, tras advertir de que de consumarse o texto na votación do 16 de decembro sería "unha fraude á cidadanía galega".

O Bloque presentou 40 emendas nas que propón que o texto final inclúa unha petición expresa ao Estado español para que use os fondos europeos que recibirá con cargo ao paquete financeiro 2014-2020 a garantir o financiamento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento integral das rías, “tendo en conta que no orzamento estatal de 2014 non hai prevista ningunha partida para a ría do Burgo, pese a ser das máis afectadas”.

Tamén demanda un programa específico para completar a limpeza do noso litoral co correspondente apoio orzamentario, un recoñecemento expreso ao traballo realizado polos colectivos sociais, confrarías e persoas a título individual e considera prioritario que o Estado membro leve a cabo as medidas necesarias para “recuper a actividade extractiva”.

Ana Miranda na Comisión de Peticións © Delmi Alvarez
Vista da ría de Ferrol © Concello de Ferrol
Vista da ría de Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.