Preferentes e desafiuzamentos disparan as queixas ao Valedor a niveis históricos

Manifestación dos afectados polas preferentes na Coruña © Daniel Candal

"Vivimos tempos axitados". O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández, empezou deste xeito a súa longuísima exposición ante a prensa para debullar algúns dos detalles do informe anual da institución que preside de forma interina dende maio de 2012. A crise económica e o seu impacto nos "dereitos sociais" das persoas dispararon a actividade do autodefinido como "comisionado de dereitos humanos" malia contar con case un 12% menos de orzamento e menos persoal para traballar. Dous dos fenómenos que lle poñen rostro á treboada socioeconómica, a estafa das preferentes e os desafiuzamentos, destacan entre un total de 2.782 queixas, que son 14 máis dende o punto de vista formal, pero moitísimas máis ao baixar á letra miúda.

As preferentes son, precisamente, a causa do estoupido no número de queixas. "Ante a gravidade deste problema abrimos unha queixa de oficio á que se sumou un elevado número de queixas". Na área de actuación na que se enmarcan, a de "administración económica e transportes", rexistráronse 252 queixas pero unha das vinculadas ás preferentes está "asinada por 3.000 persoas". "Tomámola como unha" porque moitos dos asinantes "non estaban totalmente identificados -faltaban datos como o enderezo-" aínda que o Valedor se amosa "convencido de que eran 3.000 persoas reais". Esta cuestión formal impide incluír este "problema multitudinario" nas estatísticas oficiais da institución. Se así fose o total de queixas situaríase por riba das 5.700, o que suporía unha suba de máis do 108% a respecto do ano anterior.

Unha das queixas das preferentes viña asinada por 3.000 persoas; se fosen computadas a suba sería do 108%

Para o Valedor a "gravidade deste problema" radica non só no seu carácter "multitudinario", senón tameń "na relevante repercusión social", acompañada pola "sensación sociolóxica dun exceso de protección á banca" fronte a un "déficit de protección ao consumidor", que "na maioría dos casos foi enganado". Durante os últimos meses o comisionado parlamentario estivo en contacto coa Comisión Nacional do Mercado de Valores, co Instituto Galego de Consumo, cos afectados e coas propias entidades, conversas das que logrou tirar datos máis ou menos concretos -as persoas afectadas en Galicia poden ser ata 100.000 e os cartos atrapados, 1.077 millóns de euros- e varias conclusións, entre outras, que "a actuación da CNMV, do Banco de España e do Ministerio de Economía foi nefasta para protexer a cidadanía dos abusos".

O Valedor compartiu estas consideracións nos últimos meses coa Fiscalía superior de Galicia, coa que colaborou na elaboración da súa inaceptada demanda civil. Neste ámbito tamén "consideramos que debía analizarse a vía penal" porque, di, cómpre "castigar os responsables destes enganos". Nas queixas "presentadas directamente polos afectados", di o informe, coinciden circunstancias "que se repiten en todos os casos: "tratábase de clientes de sempre da oficina bancaria, cun alto grao de confianza cos empregados ou o director da oficina", moitos deles "aludían a que o investimento non fora iniciativa súa, senón que llelo propuxo a entidade" e "manifestaban que a súa principal preocupación era a de poder recuperar o capital investido". En síntese, un engano.

O Valedor pregúntase "por que non hai ninguén perseguido penalmente" polas preferentes

Pero, se se "fala continuamente de engano" e de "fraude, por que non hai ninguén imputado, por que non hai ninguén perseguido penalmente?", pregúntase Fernández, para quen resulta "surrealista" que "non haxa responsabilidades penais" cando "alguén asina co dedo" un produto financeiro destas características. "Iso non é un delito de fraude?", cuestiónase, nun contexto no que tamén, ao seu xuízo, cabe preguntarse "que pasou cos responsables dos bancos" e "onde están as súas primas e comisións millonarias". "Entendo a inquietude social que xera", di o Valedor", que de todas as actuacións realizadas tira a conslusión que "as persoas que foron informadas deficientemente", a maioría, "deben recibir de inmediato a devolución dos seus aforro" e facelo "sen quitas, sen esperas" nin "maiores circunloquios".

Desafiuzamentos

O Valedor tamén tivo que contactar cos bancos para outro dos principais problemas abordados, os desafiuzamentos. Neste caso, o informe "subliña" a "existencia dalgúns problemas á hora de contactar cos responsables dalgunhas entidades bancarias", reticencias que a institución "critica de xeito contundente", toda vez que as entidades bancarias, "privilexiadas neste momento de crise", deben amosar "unha actitude de maior respecto social e sensibilidade polos problemas que afectan á cidadanía". "Os seus erros e vicios do pasado repercutiron negativamente en moitas familias, polo que é inadmisible unha posible falta de colaboración neste tema". O Valedor, explica o informe, "usou esta argumentación e conseguiu mellorar tal colaboración co paso do tempo". Así, o Banco Popular, BBVA e Caixabank "facilitáronnos datos concretos, en particular de índole económica e xudicial, sobre cada un dos casos". Outra entidade "acudiu á oficina do Valedor facilitando datos sobre os casos expostos, pero a maioría de carácter xeral". No caso do Santander e de Novagalicai Banco, "quedou pendente para unha data posterior a achega de información máis concreta".

Fernández subliña que, tras os seus "erros e vicios", é "inadmisible" que a banca non colabore para evitar desaloxos

Estes contactos producíronse tanto na queixa de oficio aberta polo alto comisionado como nas queixas achegadas pola cidadanía, 17 durante o pasado ano "formalmente falando", pero "pasa algo parecido ao das preferentes", xa que "unha permítenos apoiar a un conxunto de cidadáns". Non obstante, dende o punto de vista formal no que vai de 2013 "xa levamos 32 queixas e isto é malo, porque están medrando". Con todo, "aínda que houbese unha soa queixa xa sería un tema importante" porque "ataca a falta de construción real do Estado social", argumenta o Valedor. "Cando o sistema non pode garantir a vivenda" mentres "hai 300.000 vivendas baleiras é un tema constitucional".

O Valedor entrégalle o seu informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia
Fonte: Valedor do Pobo © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.