Privatizar o Rexistro Civil, o próximo obxectivo de Gallardón?

Manifestación en Bilbao contra a privatización do Rexistro Civil CC-BY-SA Gorka Ascorbebeitia

Os sindicatos teñen máis que sospeitas. Tanto UGT como CCOO cren que a futura privatización do Rexistro Civil vén de camiño. A sección de Xustiza de Comisións vén de advertir dun perigo do que  nas últimas semanas advertiron outras centrais. En todos os casos fan referencia a reunións secretas entre altos cargos do ministerio do que é titular Alberto Ruiz Gallardón e os colexios de Rexistradores da Propiedade, aos que o Goberno entregaría a xestión dos rexistros civís.

Os sindicatos alertan de xuntanzas entre Xustiza e rexistradores da propiedade para que asuman as novas competencias

"Non é información oficial, pero si de fontes totalmente fiables", reivindican ambos os dous sindicatos, tamén CCOO-Galicia, que advirte que as conversas e negociacións entre o Ministerio de Xustiza e os rexistradores da propiedade xa abordan aspectos normativos, materiais e organizativos "para a asunción das novas competencias que lles serán entregadas".

A decisión, que está na folla de ruta do Goberno do PP desde hai meses, suporía a supresión directa duns 3.000 empregos no conxunto de Estado e duns 240 en Galicia, ademais de traslados forzosos e amortizacións de cadros de persoal. Pero suporía, sobre todo, "o afastamento do servizo público dos cidadáns e un novo imposto involucionista para a sociedade".

Os cidadáns teriamos que pagar por certificados de adopción, defunción ou duplicado de libros de familia

Segundo advirte CCOO-Galicia, de non impedir esta privatización, os cidadáns veriamonos obrigados a pagar polas certificacións de fe de vida, de matrimonio, de adopción, de defunción, de nacemento ou polo duplicado de libros de familia. Todos estes trámites son imprescindibles para presentar no Inem, para o cobro das pensións, declaración de herdeiros, visados, matriculacións en centros escolares, demandas de divorcio, matrimonios ou parellas de feito, entre outros trámites.

As intencións privatizadoras do Rexistro Civil foran paralizadas no pasado ano pola presión dos traballadores da Administración de Xustiza e da cidadanía, pero o Executivo volve agora á carga. Os sindicatos lembran que a privatización tamén suporía a supresión dos rexistros civís exclusivos e "poñer en risco máximo todos os Xulgados de Paz e agrupacións, aos que Gallardón xa lles tiña botado o ollo desde hai tempo".

"É unha decisión rastreira e miserable demostrando o pouco ou ningún respecto que lle ten á Administración de Xustiza, aos seus traballadores e á cidadanía. Empeza así o seu desmantelamento coa supresión dun servizo directo, público e gratuíto de todos os cidadáns, etnregándoo a mans privadas, cos datos privados de toa a cidadanía", asegura CCOO, que acusa a Gallardón e ao Goberno de "defender só os privilexios dos seus amigos". Ademais, recordan que "Rajoy, varios dos seus irmáns ou a nora de Gallardón son todos eles rexistradores". "Intentan salvar esa profesión que xa foi posta en cuestión pola UE", di.

"Para que minoría de privilexiados gobernan Rajoy, Gallardón e o resto dos seus ministros?", pregúntase Comisións, que piden que se comece "unha campaña de mobilizacións contundentes e de carácter permanente".

Xa  hai unha semana, diversos funcionarios protestaron en diversos puntos do Estado para denunciar o deterioro premeitado do Rexistro Civil para xustificar a súa privatización.

Manifestación en Bilbao contra a privatización do Rexistro Civil CC-BY-SA Gorka Ascorbebeitia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.