"Propoñemos gravar as propiedades de máis valor catastral para ampliarmos o gasto social"

María Rozas, edil de Facenda e tenente da Alcaldía de Santiago CC-BY-SA Compostela Aberta

María Rozas leva dende xuño á fronte das contas públicas do Concello de Santiago. Tras chegar ao goberno local como número dous da candidatura de Compostela Aberta e procedente do eido profesional da xestión económica para Administracións públicas, dende a tenencia de Alcaldía e a Concellería de Facenda e Orzamentos asegura levar "catro meses a facer malabarismos con partidas orzamentarias totalmente esgotadas" para, por exemplo, afrontar cuestións tan inmediatas como as festas do Apóstolo, apenas un mes despois do inicio do mandato. Tras apagar os primeiros fogos, atópase inmersa na negociación das ordenanzas fiscais para 2016, na que o pacto coa oposición é imprescindible para sacar adiante un proxecto no que a "revisión" do imposto de bens inmobles, o IBI, é a liña primordial.

Catro meses despois de telas na man, como están as contas municipais?

A situación económica do Concello está mal, porque a herdanza que temos é difícil de xestionar. O PP excedeuse do teito de gasto, unha norma de Montoro que obriga a non gastar máis do fixado cada ano e, no caso de excederse, cómpre facer un plan económico-financeiro, un plan de axustes. E a maioría pasan por reducir gastos. É unha situación complicada na que temos que traballar cara aos orzamentos de 2016. A auditoría continúa, así que non descartamos que aparezan máis cousas; atopámonos cuns orzamentos de 2015 irreais, con gastos nos que non había contrapartida de ingresos. Os investimentos, na súa maior parte, baseábanse en ingresos para os que non se comezara ningún trámite nin había perspectiva e agora temos que xestionar compromisos adquiridos polo PP sen posibilidade de execución. A miña visión é que estivemos catro meses desbloqueando cousas do anterior goberno, que de partida estaban mal formuladas.

Teñen xa decidido onde van aplicar esas reducións?

A nosa vontade é presentar o plan económico financeiro xunto cos orzamentos de 2016. Estase a elaborar e xa temos unha previsión, sobre todo, de onde non recortar.

Ficará fóra a área social do recorte?

Por suposto. Tiñamos o compromiso de ampliar as contías para políticas sociais e témolo claro. Non imos recortar esa área de gasto.

Unha vía para o equilibrio é o recorte e outra, obviamente, aumentar a recadación vía impostos. Que marxe teñen para facelo?

"O PSOE propón reducir impostos e triplicar o gasto social; non cómpre ser economista para saber que eses números non dan"

Iso é de primeiro de Administración e de Economía, pero na primeira rolda de contactos coa oposición para falar de ordenanzas e de como aumentar ingresos, houbo propostas, neste caso pola banda do PSOE, de reducir impostos mentres triplicamos o gasto social. Non cómpre ser economista para saber que eses números non dan. Que queremos facer cos ingresos? Estamos traballando na proposta de ordenanzas, que pasa por gravar máis a quen máis ten. A lei estatal permite, no imposto de bens inmobles, gravar de forma diferenciada a quen ten inmobles non residenciais de maior valor catastral. Estou orgullosa, porque é a primeira vez que no Concello de Santiago se fai unha proposta de progresividade no IBI. Propoñemos un gravame un pouco máis alto para grandes superficies, grandes industrias. Estamos a falar do 10% de maior valor catastral, non entra o pequeno comercio. Non é algo esaxerado, é achegalo á media española de cidades de poboación similar. Para o resto, manteremos o gravame e ampliaremos bonificacións.

Canto prevén recadar adicionalmente se a súa proposta sae adiante?

Se a proposta do goberno de gravar as propiedades con maior valor catrastral sae adiante, serían 2,5 millóns de euros máis que poderíamos destinar a ese compromiso de ampliar o gasto social. Agora mesmo a área de Políticas Sociais ten orzamentados en torno a 5 millóns. Non desbotaríamos, tampouco, axustar outras propostas de gasto.

Nestes días, a respecto desta proposta viñeron falando de que Compostela é unha cidade con fortes desigualdades en canto a renda, como o detectan? É un esquema distinto ao doutras cidades galegas?

"En Santiago existiu unha maior burbulla inmobiliaria e hai multipropietarios, por iso propoñemos gravar as vivendas baleiras"

Si. De feito, Santiago é [segundo o INE] a décima cidade con máis renda do Estado e, no entanto, hai moita xente que o está a pasar mal. Hai moitas desigualdades. Case a metade das vivendas de Santiago están baleiras; Santiago si que é diferente ao resto de concellos nese sentido. Existiu unha maior burbulla inmobiliaria, moita xente investiu en Santiago a través do ladrillo mentres a moita outra lle custa chegar a fin de mes, e eses non son propietarios ou multipropietarios. Por iso propoñemos gravar as vivendas baleiras, pero sendo conscientes de que é difícil facelo sen o abeiro dunha lei galega ou estatal.

A estrutura do parque de vivendas en Compostela é, cando menos, peculiar, con moito peso da vivenda para alugueiro. Terían que afrontar o mesmo gravame os propietarios dese tipo de pisos que, por exemplo, quen ten un único piso e paga unha hipoteca para vivir nel?

O IBI réxese por unha normativa estatal, é moi ríxido e ten poucas formas de ser máis redistributivo. A min gustaríame poder incorporar criterios como a renda, familiares e sociais. Eu coido que non se pode gravar de igual forma unha familia que apenas chega a final de mes que a unha persoa con catro ou cinco vivendas desocupadas. Hai diferentes ordenanzas, como as de Barcelona ou Zaragoza, nas que se detalla que se considera vivenda desocupada tendo diferentes variables, tendo en conta por exemplo se está alugada, se leva desocupada máis de dous anos para ter en conta desprazamentos ou que, por exemplo, unha persoa marchase vivir a unha residencia de anciáns. Tense en conta que unha vivenda non está desocupada unicamente por especulación. 

Diante destas propostas, o PP local acúsaos de promover unha “asfixia para as familias” e o PSOE asegura que Compostela Aberta está a impulsar un “catastrazo”. Como van as negociacións? A priori, as posicións semellan afastadas e o Grupo Socialista é necesario para sacar adiante as ordenanzas...

"Decepcionoume a posición do Partido Socialista, en materia fiscal é a mesma que a do PP"

Eu estou bastante decepcionada, non tanto pola banda do PP, que todos sabemos como é, alén de que non deixe de ser sorprendente a súa posición cando se trata de manter o tipo que eles tiñan en 2014. Pero o que me decepciona é a posición do Partido Socialista, porque facemos propostas claramente redistributivas, para que quen máis teñen, acheguen máis, e foron rexeitadas.

Ve marxe para o acordo?

Eu son optimista por natureza, pero a posición de Paco Reyes [voceiro local do PSOE] é non entrar a negociar nin ao diálogo. A súa posición non foi moi esperanzadora. As súas propostas en materia fiscal son as mesmas que as do PP.

Coida que, nos últimos anos, parte da esquerda deu en caer nun esquema ata certo punto perverso, de reclamar máis investimento social e ao tempo, menos impostos?

Pode ser, porque falar de impostos non é popular. A todos nos afecta e todos miramos polos nosos petos. O popular é dicir "vou baixar os impostos", pero se queremos ter servizos de calidade precisamos ingresos, e estes veñen sobre todo polo IBI. Non creo que o futuro teña que pasar pola redución de ingresos, porque entón teríamos que privatizar, externalizar e desmantelar a Administración, que é o que quere o PP.

Nos últimos anos, falar de IBI é tamén falar da Igrexa, coa que Compostela ten unha relación intensa por motivos obvios. Pensan en formularlle ao Arcebispado ese pagamento nos edificios non de culto e non dedicados a fins sociais?

"A normativa é clara en canto ao IBI da Igrexa; velaremos por que pague o IBI por todos os bens polos que teña que facelo segundo a lei"

A normativa é bastante clara en canto ao IBI da Igrexa, non só no que atinxe aos edificios de culto senón a todos aqueles que non estean afectados polo imposto de sociedades, que non teñan beneficios económicos. Estes están exentos. Eu coido que é necesaria unha reforma desta normativa, pero o que faremos dende o Concello de Santiago é que, todos os bens que segundo a lei teñan que pagar o IBI, velaremos por que así sexa.

En todo caso, o diálogo dende o Concello co Arcebispado está a ser fluído para, cando menos, abordar ese diálogo...

Hai moi boa relación co Arcebispado. Non creo que sexa unha fonte de conflito falar do IBI.

En campaña electoral afirmaron que Santiago tería orzamentos participativos neste mandato e que esa aposta xa se comezaría a notar en 2016. Como?

"Imos facer un piloto de orzamentos participativos xa para 2016"

Imos facer un piloto de orzamentos participativos xa nos de 2016. Está xa a iniciarse e presentarémolo para a vindeira semana. Decidimos que sexa na área de Mocidade e facémolo por varios motivos: porque na mocidade se pode adaptar ben ás novas tecnoloxías e ao propio orzamento participativo, e porque é unha área á que darlle un pulo. Faremos ese primeiro piloto nunha partida de actividades para mocidade e estableceremos un cronograma para 2016, para ter o que entendemos por uns verdadeiros orzamentos participativos, con asembleas de barrio que decidan determinada porcentaxe do capítulo de investimentos xa en 2017. Para ter orzamentos participativo hai que ter ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema orzamentario.

Do orzamento municipal saen tamén as subvencións, moi comentadas en Santiago nos últimos meses. Toca tamén revisar os criterios de concesión e os controis?

Coido que si. Cómpre non só ter máis control, que tamén, para que non sexa só facer unha transferencia de crédito sen seguimento. Tamén é necesario un cambio de criterios. No programa de Compostela Aberta, na área de Cultura, en concreto, está cambiar que as subvencións non fosen todas nominativas, senón por concurso. E nese sentido está tamén a traballar a Deputación da Coruña, para non deixalas á discrecionalidade política, senón ao concurso aberto.

María Rozas, edil de Facenda e Orzamentos de Santiago © Óscar Corral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.