Protocolo entre a Xunta e as deputacións no tempo de desconto

Feijóo e os presidentes provinciais asinan o protocolo © Xoán Crespo

Unha foto que case é foto finish. Hai máis dun ano, coincidindo coa precampaña das eleccións municipais, o presidente da Xunta anunciaba que inmediatamente despois deses comicios "sentaría" á mesma mesa que os novos presidentes das deputacións provinciais e cos alcaldes das sete cidades para "planificar mellor" e "coordinar" políticas e investimentos. O encontro cos rexedores urbanos segue a agardar pero o dos dirixentes provinciais chegou este martes, na recta final da lexislatura e nunha mañá que ben pode valer de resumo do adiamento previo. Case dous anos despois da última xuntanza coas deputacións, daquela para asinar un protocolo sobre administración electrónica, o Goberno galego buscou a imaxe do acordo de Alberto Núñez Feijóo con Diego Calvo (A Coruña, PP), Manuel Baltar (Ourense, PP), Rafael Louzán (Pontevedra, PP), pero tamén con lugués e socialista José Ramón Gómez Besteiro. E a foto case sae velada precisamente pola banda luguesa. Besteiro chegou ao Pazo de Raxoi, escenario dos actos solemnes, con moitas dúbidas baixo o brazo. Dúbidas de tipo xurídico que, de non solventarse, lle impedirían rubricar o texto proposto pola Xunta.

Besteiro detectou "irregularidades xurídicas" no documento proposto pola Xunta que, de non ser modificadas, impedirían a sinatura

Así, a imaxe da concordia cos dirixentes provinciais, o titular da Fegamp, o conselleiro da Presidencia e o propio Feijóo compartindo café tornouse en algo máis que nunha imaxe cara aos medios. Besteiro puxo sobre a mesa as "irregularidades xurídicas" que o seu equipo detectara "hai unha semana" e que lle "notificara por escrito ao Goberno galego mediante o envío dun detallado informe" sobre o que a "non recibiu ningunha contraproposta", asegúrase dende a institución luguesa. "É máis", resaltan, "ao día seguinte" de ser achegado ese documento, a proposta inicial do Executivo galego era "informado favorablemente" no Consello da Xunta.

Con estes condicionantes previos e "sobre a marcha" houbo que redactar un novo borrador, modificación da que a Xunta non deu conta oficialmente pero si de facto, cun atraso de máis dunha hora na sinatura do convenio. Finalmente, e sempre segundo o revelado pola Deputación de Lugo, o Goberno galego accedeu a "modificar" cuestións relativas ao financiamento do servizos sociais, "que agora se axustan á lei", non como "o decreto que impuxo a Xunta" e os grupos municipais de intervención rápida (Grumir) "seguirán sendo responsabilidade autonómica". Ademais, "foron eliminadas as referencias aos concellos menores de 15.000 habitantes para axustarse ao marcado por lei, 20.000 habitantes" e introducíronse "asuntos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico" como "o sector primario ou a demografía".

O documento inicial, di Besteiro, "non se axustaba á lei" e ademais era "un cheque en branco co que a Xunta pretendía pasar as súas cargas financeiras aos lucenses, xa que obrigaba a Deputación a asumir os seus deberes pero sen transferencias económicas". Unha vez introducidas as modificacións o socialista garante "lealdade institucional" e sinala que "nun mes teremos a proba do algodón e veremos se o protocolo é papel mollado" porque é precisamente ese prazo o que recolle o protocolo para que a Xunta asine coas deputacións senllos convenios para concretar as "actuacións e achegas" de cada Administración a un dos puntos máis delicados, a prestación dos servizos sociais comunitarios, regulados por un decreto do Goberno galego que a Deputación de Lugo valorou recorrer ante os tribunais.

Loubanzas de Feijóo e dos presidentes do PP

"Non hai tanto tempo esta sinatura podería resultar estraña", di o presidente

As reticencias de Besteiro non se reproduciron, cando menos publicamente e como era de agardar, nos seus tres homólogos. Así, o presidente de deputación máis próximo a Feijóo, o coruñés Diego Calvo, viu no documento asinado a base para que, cando volva a "bonanza" económica non se "repitan erros do pasado". "As cousas non volverán ser igual" e ademais, asegura o conservador, o papel das deputacións sairá "moi reforzado". Nun sentido semellante, o ourensán Manuel Baltar apostou por que a "clave" sexa a "cooperación" na "era da intermunicipalidade", se ben aproveitou tamén para deixar un recado dirixido á Xunta, as administracións locais deben "camiñar xunta" pola vía da "fusión de facto", isto é, pola compartición de servizos, sen perder as súas lindes políticas. Tamén o pontevedrés Rafael Louzán gaba o acordo como vía para superar a "descoordinación" mentres o Goberno central non reforma "en profundidade" a Lei de Bases de Réxime Local.

Pola súa banda o presidente da Xunta observa no documento unha "anticipación" máis de Galicia no contexto de crise, cunha estratexia "útil" para todas as administracións implicadas. Segundo Feijóo o acto deste mércores "é proba dunha evolución do noso país" e un "cambio xeracional dos políticos que están á fronte das deputacións e da Administración autonómica". "Non hai tanto tempo esta sinatura podería resultar estraña" e "hoxe, aquí estamos, en plena crise económica, dicindo que é moito máis o que nos une que o que nos separa".

Feijóo, con Rueda e os presidentes das deputacións e da Fegamp © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.