PSdeG e BNG esixen que Feijóo sexa "serio" e non "frivolice" coas fusións de concellos

Rueda e Feijóo, durante a sesión plenaria © Ana Varela

Tras o anuncio, o soporte para termar del. Dúas semanas despois de que o presidente da Xunta tentase capitalizar o debate de política xeral dando por feita a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras -a cal foi reducida a "intencións" polos alcaldes de ambos municipios tras apenas vinte e catro horas- o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, acudiu este martes ao Parlamento para darlle ao anuncio presidencial certo soporte político. Sobre o papel, a comparecencia do número dous do Goberno tiña o obxectivo de "informar sobre as actuacións da Xunta de Galicia para impulsar a cooperación municipal" se ben, case na súa totalidade, estivo destinada a glosar a "valentía política" de quen se decide a impulsar as unións municipais" e a "responsabilidade histórica" dos alcaldes das dúas localidades coruñesas. Fronte a Rueda, os voceiros de PSdeG e BNG coincidiron na súa reclamación: "seriedade".

Como adoita acontecer nos debates nesta materia o conselleiro tivo diante de si a dous dos parlamentarios máis experimentados na Cámara, o socialista José Luis Méndez Romeu e o nacionalista Alfredo Suárez Canal. Sen a necesidade de apoiaren as súas intervencións en notas escritas, os tamén ex conselleiros do Goberno bipartito lamentaron que, malia aos actuais problemas de Galicia, tanto no ámbito municipal como noutras materias, o presidente tente, en verbas do nacionalista, gobernar á procura dos "titulares" de prensa. "Parece que é o único que lle preocupa", di.

Nesta liña, Suárez Canal encadra a incerta operación de Oza e Cesuras na necesidade que, ao seu xuízo, tivo Feijóo de "compensar" os "pratos da balanza" da súa xestión". "Puxo no prato das luces" só "palabras" como "solvencia, responsabilidade e austeridade" e "no das sombras os problemas da xente", caso do "paro e as listas de espera". "A descompensación era tan potente que o presidente tivo que sacar un coello da chistera para tentar desviar a atención. "Nin sequera as corporacións" dos dous concellos "eran coñecedoras" do anuncio. Polo tanto, sinala o nacionalista, a Xunta inaugura "unha nova vertente, a da frivolidade" que pasa por riba trazos esenciais dun posible reordenamento da planta municipal, como "o financiamento" ou "a supresión das deputacións", así como "o boicoteo por parte da Xunta aos recursos para que os concellos poidan mellorar os servizos". Primeiro Feijóo e despois Rueda, conclúe Suárez Canal, tenta "tomar por necios" a deputados e cidadáns tentando que "falen do dedo" das fusións e non "da lúa" dos "problemas" como o paro, a sanidade ou o naval. "Manda chover na Habana", ironiza.

Suárez Canal coida que Rueda "toma por necios" os cidadáns e Méndez Romeu sinala que a fusión non veu avalada por "un só" documento

Non foi menos crítica a intervención de Méndez Romeu, quen lamenta, "vinte anos despois" de que Manuel Fraga iniciase o malogrado proceso de comarcalización de Galicia, ter que debater sobre "outra ocorrencia" dos populares en materia de ordenación territorial e, ademais, telo que facer "por sorpresa, sen que medie documentación" ou estudos previos. "Non se inicia tentando fusionar concellos periurbanos, onde poidan existir coincidencias", senón "concellos pequenos, rurais, que teñen a mesma viabilidade xuntos que por separado", dada a súa "poboación recesiva" e a súa falta de base produtiva.

"Saben cantos documentos e informes foron achegados ás corporacións?", pregunta retoricamente Méndez Romeu. "Ningún", contéstase, nun contexto no que "aos veciños non lles preocupan as grandes verbas" do presidente, senón "como vai quedar a prestación de servizos no seu concello". Mentres isto acontece, censura, a Xunta limítase a realizar o propio anuncio e a poñer en marcha "premios para os concellos -os galardóns Coopera, cos que o Goberno galego distinguirá os mellores proxectos de colaboración entre municipios-". "Isto non é un concurso escolar", advertiu ao seu sucesor na Consellería de Presidencia".

Ante o aluvión de críticas, Rueda optou por botar man dunha técnica dialéctica recorrente tamén nas intervencións do presidente, a das preguntas á oposición. "Están a favor de que haxa fusión voluntaria de concellos en Galicia ou non?", cuestionou. "Son especialistas en ir contra o que pensa a maioría", lamenta o conselleiro, en cuxa opinión socialistas e nacionalistas ignoran que xa hai "un consenso moi elevado" sobre as fusións municipais, limitándose a dicir "que é unha cortina de fume". "Estamos no inicio dun camiño ilusionante, que abriron valentemente dous concellos" para "superar o minifundismo municipal", conclúe.

Rueda, durante a comparecencia sobre as fusións © Ana Varela
Alfredo Suárez Canal CC-BY-NC-SA BNG
José Luis Méndez Romeu © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.