PSdeG e BNG tentan picar o salvavidas orzamentario de Rajoy a Feijóo

Francisco Jorquera e José Blanco CC-BY-SA Praza Pública

A estada gobernamental está montada e agora tócalle á oposición tentar derrubala ou, cando menos, afrouxarlle as porcas na medida do posible. Vinte e catro horas despois de que o Goberno central presentase os Orzamentos Xerais do Estado (PGE, nas súa siglas en castelán) para 2012, inzados de recortes pero con dous únicos e significativos incrementos, os das asignacións para as dúas autonomías con eleccións á vista, Galicia e Euskadi, PSdeG e BNG ofreceron as súas respectivas avaliacións. A estratexia de socialistas e nacionalistas pasa, esencialmente, por dous aspectos: mover o foco de onde o deixaron colocado o Goberno e o PP, as importantes asignacións para infraestruturas -sobre todo para o AVE- que lle tocan a Galicia e, no caso de non dalo movido, cuestionar que o que está reflectido nos cadros numéricos fiados polos ministerios de Fomento e Facenda chegue a transformarse en cartos que paguen quilómetros de vía férrea.

Pola banda socialista a resposta foi alén da rolda de prensa protocolaria -o PSOE organizou máis de 50 simultaneamente noutros tantos puntos do Estado-, dado que tivo un importante compoñente de morbo político. O encargado de darlle a réplica dende o PSdeG aos primeiros orzamentos de Rajoy foi o ex ministro de Fomento, José Blanco, pero non en Lugo, provincia pola que é deputado, senón na sede nacional dos socialistas galegos, en Compostela. Dende alí Blanco explicou que o seu silencio dende as eleccións xerais só obedeceu á "cortesía" que, di, debe ter un membro do Goberno saínte durante os 100 primeiros días. "Unha vez que transcorreron, vou exercer co madnato que expresaron os cidadáns cando me elixiron deputado pola provincia de Lugo", di.

Aínda poñendo en práctica boa parte das maneiras dialécticas da súa etapa como ministro e vicesecretario xeral do PSOE Blanco combinou a crítica xeral á política económica do PP, debuxando un panorama de "recortes laborais, recortes sociais e cívicos que tanto denunciábamos porque intuíamos que ía pasar" co cuestionamento do emblema das contas en Galicia, o AVE. O que fora o seu proxecto estrela, no que moitos viron o trampolín para unha eventual candidatura a Xunta, está agora para Blanco en perigo a causa dos "trucos contables" da súa sucesora. O ánimo do Goberno central, di o socialista, non é outro que "inchar" para "enganar os galegos". Así, por exemplo, di, "consígnanse teoricamente" 700 millóns para o treito entre Lubián e Ourense "cando no mellor dos casos non se poderán executar máis de 200. Neste contexto, di, non deixa de "sorprender" que o noutrora "esixente Feijóo" pase a ser o "o sumiso Feijóo, ademais con nocturnidade e aleivosía, sabendo estes trucos contables". Sobre a súa comparecencia pública, Blanco aclara: é o "único socialista galego" na comisión de Orzamentos e non, "non forma parte das miñas previsións ser candidato á Xunta", aclarou a preguntas dos xornalistas.

"Tesoirada brutal ás políticas sociais"

A intención de colocar o foco nas políticas sociais é máis intensa da banda do BNG. O seu voceiro no Congreso e candidato á Xunta, Francisco Jorquera, recolle as posturas políticas defendidas polos nacionalistas nos últimos meses para observar unhas contas "que sacrifican a recuperación, a xeración de emprego e as políticas sociais polas políticas de axuste". Ese recorte é especialmente grave, a xuízo do candidato do Bloque, no ámbito das políticas sociais, unha "tesoirada brutal", por riba da media, que se agudiza coas normas de estabilidade orzamentaria, isto é, coas esixencias legais, a comezar pola reforma da Constitución, que obrigan a priorizar o pagamento das débedas públicas por riba de calquera outro gasto.

Blanco e Jorquera coinciden en ver "artificios contables" nas contas de Fomento; o BNG pon o acento na "brutal tesoirada" social

E se no ámbito xeral Jorquera considera "unha fraude" estas contas, o mesmo acontece ao observar as partidas destinadas a Galicia. "Reemprázanse compromisos fiábeis pola propaganda", resume o parlamentario. Non en van, di, "no investimento territorializado dos ministerios contémplanse en Galiza 397 millóns, isto é, 250 millóns menos que o pasado ano". Neste escenario, di Jorquera, o Goberno central "tenta compensar o descenso creando un artificio contable mediante a consignación de 1.304 millóns" para o AVE, pero a través dunha empresa pública, como é Adif. "Estamos ante pura propaganda", salienta, e coincide con Blanco en que, por exemplo, no treito Lubián Ourense "é imposíbel executar 704 millóns de euros", senón "como moito, 200 millóns".

Mentres dende as sedes de PSdeG e BNG arreciaban as críticas en San Caetano o presidente da Xunta repartía agradecementos con destino a Madrid. O proxecto de Rajoy é para Alberto Núñez Feijóo "unha gran noticia positiva", "canto máis baixa" o orzamento xeral "máis sobe o investimento en Galicia e iso "hai que valoralo". "En escaseza económica, cada euro ten dobre valor", asegura. Dende o punto de vista do presidente, Galicia parte dun punto "inmellorable" e, como xa fixeran os voceiros do PP na propia xornada en que se coñeceron os PGE, aférrase ao AVE, "ás autovía se aos aeroportos" para asegurar que os intereses galegos quedan fóra do balance de danos dos "orzamentos máis dolorosamente realistas que se aprobaron nos últimos anos en España".

Jorquera, candidato do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG
Blanco valora os PGE na sede dos socialistas galegos CC-BY-NC-SA PSdeG
Feijóo "agradece" as contas tras o Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.