PSdeG, En Marea e BNG esixen debates cara a cara con Feijóo, que saca o seu propio xornal

Fragmento do xornal propagandístico publicado polo PP Dominio Público PPdeG

Ao tempo que tentan achegarse ao cidadán con actos de proximidade e lemas inclusivos, os principais partidos que aspiran a ocupar escanos no Parlamento de Galicia logo das autonómicas do 25 de setembro buscan maior protagonismo nos medios de comunicación. Así o fan PSdeG, BNG e En Marea, que reclaman debates cara a cara entre os seus respectivos candidatos e o aspirante a revalidar a presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mentres que este vén de publicar o seu propio xornal no que repasa os logros do seu Goberno e carga contra as liortas da oposición.

A semana pasada a CRTVG lanzou a súa proposta dun debate a cinco entre os candidatos á presidencia da Xunta de PP, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos argumentando que esas cinco son as formacións que a Xunta Electoral considera “significativas” en Galicia. O día elixido para o anuncio foi un xoves, xornada na que se reúne o Consello da Xunta, así que só un par de horas despois o propio Feijóo daba o seu visto bo ao debate a cinco desde o atril de presidente, rectificando anteriores reticencias súas a intercambiar propostas e críticas con máis dun opoñente.

BNG, PSdeG e agora En Marea consideran insuficiente un debate a cinco e piden cadanseu cara a cara

Case ao mesmo tempo que Feijóo eloxiou a importancia dos debates, o BNG criticou por “insuficiente” o formato elixido pola CRTVG e reclamou un debate cara a cara entre Feijóo e a súa “candidata feminista” Ana Pontón. Tamén insuficiente considerou o mesmo xoves o debate o candidato socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen a “tensión política” en Galicia sitúase aínda entre o PP e o PSdeG, polo que reclamou tamén un encontro cara a cara. Pola súa banda, o candidato de En Marea, Luis Villares, amosouse ese mesmo día “encantado de asistir” ao debate da CRTVG, algo que matizou este luns ao considerar tamén “insuficiente” o seu formato e reclamar un cara a cara con Feijóo por considerar que a súa formación é a “única alternativa” a un goberno do PP.

Villares reclama "un 15-M" no Consello de Administración da CRTVG para que deixe de ser "un balneario para vacas sagradas"

Villares explicitou a postura de En Marea sobre o debate nunha comparecencia na que expuxo as súas propostas de reforma dos medios públicos galegos. O candidato asegurou que o Consello de Adminitración da CRTVG “necesita un 15-M” para que deixe de ser “un balneario para vacas sagradas” ou unha vía de financiamento encuberto dos partidos políticos. Segundo dixo, En Marea promoverá a creación dun Consello de Informativos formado por profesionais que “impida a manipulación” do ente público. Do mesmo xeito, Villares defendeu establecer uns criterios obxectivos para o reparto de publicidade institucional entre os medios de comunicación privados e supervisar que estes cumpren as súas obrigas de uso do galego cando operen en réxime de concesión pública, como no caso das radios ou televisións. Villares tamén asegurou que, se é presidente, se someterá regularmente a preguntas dun grupo de xornalistas elixido polo Consello de Informativos da CRTVG.

O PP lanza un xornal no que dedica tanto espazo a louvar os logros do Goberno como a criticar á oposición

As críticas de En Marea ao PP por manipular os medios públicos e financiar os privados afíns a través de publicidade institucional chegaron nun día no que os populares sacaron á rúa o seu propio xornal, un panfleto propagandístico similar aos que tiraron no seu día Marea Atlántica ou En Marea. Nel, baixo o nome “Galicia, Galicia, Galicia!”, os populares eloxian a situación na que se atopa Galicia en comparación con outras comunidades. Nas súas 12 páxinas apenas hai espazo para propostas á espera de que o PP presente o seu programa electoral. Descontando a portada, tres páxinas dedícanse a louvar os logros do Goberno galego, tres a criticar as liortas da oposición, outras tres a presentar un Feijóo próximo que debulla os seus gustos e teimas persoais e dúas máis a recoller peticións dos cidadáns na súa xeira co banco azul.

A saída do xornal non freou a campaña de proximidade que vén realizando Feijóo, co seu banco azul no que sentan cidadáns cos que dialoga cara a cara e que este luns o levou a Porriño. Alí o presidente insistiu en que a dispersión do voto da dereita favorece “ás mareas de Podemos” mentres que o PP é, ao seu ver, o único que ofrece un goberno estable.

O BNG presenta o seu lema "Construír Galiza con ilusión, Galiza contigo" e unha campaña que incluirá "cafés para cinco"

Se o lema do PP para esta xeira de Feijóo co seu banco azul é “A Galicia que ti queres”, este luns o BNG tamén presentou o seu lema “Construír Galiza con ilusión, Galiza contigo”, co que apela a facer unha Galicia mellor “da man de todos e cada un dos galegos e as galegas”. A campaña do BNG xa viña tendo actos sectoriais nos que a candidata, Ana Pontón, se achega a intercambiar ideas cos diversos sectores económicos e sociais de Galicia, pero agora incluirá tamén “cafés para cinco”, encontros reducidos de carácter informal nos que os nacionalistas darán conta das súas propostas.

O candidato do PSdeG continúa coa súa xeira de actos sectoriais compaxinados con visitas a diversas comarcas

Pola súa banda, o PSdeG, lastrado aínda pola limitada implicación na súa campaña das direccións provinciais de Pontevedra e Ourense, tamén tenta atopar o seu espazo compaxinando Leiceaga as súas propostas sectoriais con visitas a diversas comarcas. Así, este luns, logo de explicar en Santiago as súas propostas en materia de saneamento, o socialista reúnese en Vimianzo con cargos do seu partido na comarca.

Fragmendo do xornal propagandístico do PP no que compara titulares sobre a Xunta con outros sobre a oposición Dominio Público PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.