Pugna entre os aspirantes do PSOE para ser o segundo de Madina

Eduardo Madina e Patxi López © El Diario

Non hai descanso na crise soterrada que atravesa o PSOE. A calma das últimas semanas é só unha aparencia. En realidade, as augas non paran de axitarse e cada nova enquisa empurra os que apostan por un cambio na dirección do partido a percibir a substitución como unha necesidade máis urxente. Os aspirantes a candidatos de primarias non son alleos a esa marusía e acumulan indicios, apoios, desercións, enquisas, sumas, restas... Prepáranse, en definitiva, para afrontar un proceso que podería precipitarse.

A irrupción de Eduardo Madina hai unhas semanas entre os posibles candidatos a participar na carreira sucesoria removeu as bases socialistas e obrigou os outros dous aspirantes coñecidos, Carme Chacón e Patxi López, a repasar os seus apoios. Ante a nova competencia, a catalá exhibiu o mellor dos seus sorrisos, coma se ela mesma animase o deputado vasco a decidirse por entrar en xogo. O exlehendakari, consciente do tirón do seu paisano, admitiu esta mesma semana nun almorzo informativo en Madrid que non rexeitaría compartir cartel co seu antigo apadriñado.

A irrupción de Eduardo Madina hai unhas semanas entre os posibles candidatos a participar na carreira sucesoria removeu as bases socialistas e obrigou os outros dous aspirantes coñecidos, Carme Chacón e Patxi López, a repasar os seus apoios

Ningún dos dous descarta a día de hoxe formar un ticket electoral co actual secretario xeral do grupo parlamentario, segundo fontes socialistas. Calquera das dúas posibilidades, Madina/Chacón ou Madina/López, acabaría dun golpe coas opcións do terceiro e erixiríase en gañadora mesmo antes de presentar batalla. A proposta de baile en parella insinúase nos comentarios de varios dirixentes, aínda que non consta se se consumara. Consultado o desexado, Madina non se permite ningún descoido que leve a concluír con cal dos dous bailaría máis cómodo. Nin sequera acepta confirmar o que sosteñen algúns dos que mellor o coñecen: se se lanza á pista, será para bailar só.

Non todas as opcións contarían coa mesma simpatía da actual dirección do PSOE, segundo algunhas fontes, que sitúan a Alfredo Pérez Rubalcaba como o inspirador dunha desas combinacións: a de Madina con López. O líder do PSOE, segundo esa mesma análise, aplaudiría a unión dos dous vascos, veríase obrigado a aceptar o dúo Madina/Chacón porque a súa potencia vencería a súa resistencia, e poría todas as trabas posibles á opción de que Madina pelexe en solitario.


Os baróns esixen a Rubalcaba

Os baróns do PSOE están a preparar unha posición común para forzar a Alfredo Pérez Rubalcaba a revisar o seu calendario de primarias, establecido actualmente nunha indeterminada data posterior ás eleccións autonómicas e municipais de 2015

Sexa cal for o elenco final de aspirantes, os que mandan no partido e queren volver facelo nas súas respectivas comunidades autónomas, os baróns do PSOE, están a preparar unha posición común para forzar a Alfredo Pérez Rubalcaba a revisar o seu calendario de primarias, establecido actualmente nunha indeterminada data posterior ás eleccións autonómicas e municipais de 2015.

Son varios os dirixentes rexionais que xa expresaron en público e sobre todo en privado o seu convencemento de que o partido non pode esperar até 2015 para elixir candidato. O descontento coa dirección actual crece a medida que as enquisas desvelan que o PSOE non aproveita o desgaste do PP e que son outros partidos, Esquerda Unida e UPyD principalmente, os que reciben o favor dos votantes. A novidade é que agora decidiron coordinar a súa frustración e expor como grupo de forza unha posición común favorable ao adianto de primarias a 2014, mesmo antes das eleccións europeas previstas para dentro un ano exacto.

O momento para formalizar a súa petición será o comité federal, que se reunirá na segunda quincena de xullo

O momento para formalizar a súa petición será o comité federal, que se reunirá na segunda quincena de xullo. Nese conclave, máximo órgano do PSOE entre congresos, este grupo de baróns (que veñen mantendo nos últimos días encontros e conversacións cruzadas) pretende forzar a Rubalcaba a adiantar as primarias ou convocar un congreso extraordinario.

Pero para que o aquelarre triunfe é imprescindible contar co respaldo de José Antonio Griñán. Nada pode facerse sen contar co presidente de Andalucía, a día de hoxe o home con máis peso no PSOE, ademais de Rubalcaba. Traballarse o veredicto do andaluz é a tarefa que teñen por diante eses baróns. El segue empeñado en buscar un candidato andaluz para que participe no proceso de primarias e iso pode ser un escollo para apoiar a quen queren adiantalas. En pouco máis dun mes coñecerase o final desta historia.

Eduardo Madina e Patxi López © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.