Que facemos co encoro da Baxe, no Umia?

Encoro da Baxe © Quinteiro do Umia

Na primavera do 2011, ante a gravidade da contaminación da auga do encoro da Baxe, no río Umia, a Consellaría de Medio Ambiente presentou o chamado Plan Umia. Agustín Hernández prometía un gasto de 22 millóns de euros en catro anos para loitar contra a eutrofización por microcistina, que estaba a provocar problema non só medioambientais, senón tamén de saúde pública, ao estar presente na captación de augas que bebían os veciños e veciñas de Caldas. Agora, cando falta menos dun ano para que remate o período comprometido, o proxecto comunicativo Quinteiro do Umia analiza a promesa, o estado actual do río e do encoro, e as propostas de solución. 

Dende Quinteiro do Umia destácase que "a construción do encoro da Baxe foi polémica dende o primeiro día, e cada unha das noticias que xera dá lugar a discusión". Na reportaxe entrevístase a Antonio Pena (PP), alcalde de Cuntis; Eva Villaverde, concelleira do BNG de Moraña; Fernando Pérez, de Independentes de Caldas de Reis; Serafín Escariz, da Asemblea Nacionalista de Cuntis; Fins Eirexas, ecoloxista e xeólogo de ADEGA; e Chus Gómez, xornalista do Diario de Pontevedra. Grupos da oposición e entidades ecoloxistas amósanse moi críticos, tanto polo mantemento dos problemas de contaminación, a limitación das propostas de saneamento, o elevado custe do plan e tamén por algunhas das iniciativas experimentais de solución, coma o uso de codia de eucalipto.

Todos eles propoñen o derrubo do encoro ou, cando menos, a apertura das súas portas, para facilitar a limpeza do río, e destacan que o custe desta actuación sería moi inferior aos cartos que nestes anos se levan gastados en medidas para diminuír a contaminación. Fins Eirexas (ADEGA) demanda que a administración mire máis "por cumprir a lei" e "por aforrar 22 millóns de euros", apostando "por medidas brandas, medidas baratas que pasan por abrir as comportas ou ben demoler a instalación". Tamén se denuncia que non foi até o vertido da empresa Brenntag que se detectou a grave contaminación por microcistina. E critícase, así mesmo, o beneficio económico obtido neste tempo por unha serie de empresas privadas encargadas de limitar os niveis de contaminación. Moi distinta é a visión ofrecida por Antonio Pena, alcalde de Cuntis, que defende a efectividade das actuacións postas en marcha pola Xunta.

Encoro da Baxe © Quinteiro do Umia
O 'Plan Umia' contaba cun investimento inicial de 22 millóns de euros © Quinteiro do Umia
Encoro da Baxe © Quinteiro do Umia
Fins Eirexas © Quinteiro do Umia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.