O Corredor do Morrazo ten o seu primeiro treito pechado por completo ao tráfico desde as dez da mañá deste mércores e ata o próximo día 21 de decembro, e logo volverá pechar novamente do 8 ao 23 de xaneiro. Así o decidiu a Xunta para facilitar as súas obras de desdobramento en autovía, que inicialmente asegurara que só precisarían cortes puntuais dunhas poucas horas. O Goberno galego rectifica agora a súa planificación, igual que sucedeu hai dez anos coas obras da Autovía do Salnés, e di que xa non pode garantir a seguridade se non desvía por completo o tráfico varias semanas mentres realiza voaduras e estabiliza varios noiros da vía, e a cambio asegura que así os traballos de desdobramento poderán realizarse máis rápido.
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, di que a Xunta informouna do peche da vía durante máis de dous meses pouco antes de facelo oficial e reclama axuda tanto do Goberno galego como da DGT e da Deputación
Mentres dure o corte, a vila máis afectada é Moaña, por cuxo centro urbano se desvía todo o tráfico dese treito. A alcaldesa, Leticia Santos, di que foi informada do peche pouco antes de que a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o fixera oficial o pasado venres nunha rolda de prensa e logo de que medios locais xa o publicaran. O que reclama agora a rexedora, do BNG, é que o resto de administracións axuden ao Concello: a Xunta, reforzando o transporte público por estrada ou pola ría, como competencia autonómica que é; a DGT, colaborando cos limitados recursos da Policía Local á hora de regular a circulación na vila; e a Deputación, con melloras na estrada provincial pola que é desviado o tráfico do Corredor.
“Nós xa nos queixamos da falta de seguridade das obras, con corrementos de terra e risco tanto para os obreiros como para os usuarios da vía e os veciños da zona”, di Santos, que entende así que o corte poida ser necesario. “No segundo treito o propio Concello impediu que comezasen obras á espera de que a empresa presente un plan de seguridade que garanta que non se van ver afectadas vivendas da zona”, salienta como exemplo de que a seguridade debe ser o primeiro, e di non querer abrir ningún conflito político coa medida.
“Aínda que considere que o seu desdobramento non era o investimento máis necesario agora mesmo, que se debía mellorar o transporte público, se ao convertelo en autovía se mellora a seguridade, benvido sexa”
Santos critica que o propio deseño orixinal do Corredor foi inseguro e lembra os numerosos accidentes mortais rexistrados nel nos seus dez anos de existencia. “Aínda que considere que o seu desdobramento non era o investimento máis necesario agora mesmo, que se debía mellorar o transporte público, se ao convertelo en autovía se mellora a seguridade, benvido sexa”, conclúe.