Seis anos despois de que botase a andar o Movemento pola Base e cando xa pasaron tres anos dende que o Movemento Galego ao Socialismo nacese como tal, a formación integrada no BNG celebra este sábado a súa primeira asemblea nacional e faino cunha dupla intención: "reforzarnos nós mesmos e reforzar tamén o BNG". Un dos principais referentes públicos do MGS, o tamén concelleiro do Bloque en Santiago e membro da Executiva frontista Rafa Vilar, explica para Praza Pública que, despois duns primeiros tempos de andaina, salferidos tanto "por procesos internos" da organización frontista como por eleccións, apostaron por aproveitar o actual "período de certa calma" para, apoiándose na "maior dimensión" que están a adquirir, "afrontar unha fase de reforzamento organizativo e asentamento de estruturas".
O camiño cara á cita asemblearia do MGS veu marcado pola celebración en diversas localidades do país de "asembleas abertas", encontros nos que participaron militantes da formación con outras persoas que non fan parte dela. "Para reforzar o BNG -sinala Vilar- é tamén interesante incorporar xente que por diversas razóns está fóra" pero que pode "dar un paso adiante", "na medida en que poidamos tenderlles as mans e abrirlles as portas" tendo en conta que moitas destas persoas pertenen a "sectores que teñen conciencia política e participan en movementos sociais" como o sindicalismo nacionalista, o feminismo ou o activismo a prol da lingua galega.
Rafa Vilar valora o "xiro perceptible cara á esquerda e o soberanismo" no BNG e aposta pola incorporación á fronte de persoas implicadas en movementos sociais
Sobre esta base o MGS desenvolverá o seu cónclave baixo o lema Fortalecer o soberanismo e a esquerda, uns principios que , coidan, están máis presentes na praxe política diaria do BNG dende a súa pasada Asemblea Nacional. "Por primeira vez na nosa curta andaina apoiamos os textos maioritarios da Asemblea Nacional" e isto aconteceu, di Rafa Vilar, polo "xiro perceptible cara á esquerda e cara a posicións máis soberanistas", tamén "porque se recolleu parte do noso discurso". "Entendemos que iso hai que consolidalo" e é precisamente por iso, salienta, polo que o MGS "fai un chamamento a reforzar un polo soberanista" dentro da fronte "que vai alén de nós mesmos", para que ese "espazo claramente soberanista e de esquerda transformadora" teña "peso específico" na toma de decisións e no deseño de idearios e estratexias políticas.
Ao tempo, a asemblea do 26 de maio non perderá de vista as xa próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, admite Vilar, quen explica que isto será así "na medida en que traballamos dentro do BNG, como referente inequívoco do nacionalismo". De cara a eses comicios "hai que enfrontar as políticas neoliberais do Goberno de Feijóo" pero, di, o MGS tampouco "perde de vista que houbo un proceso interno que provocou que sectores da fronte política decidisen emprender unha aventura en solitario". Neste contexto, a súa aposta é "reforzar o BNG como opción electoral", porque "entendemos que é o referente que deben ter os sectores populares" nun contexto de crise que "esixe clarificación e unha alternativa clara a nivel político e institucional". Ao seu xuízo, esa alternativa pasa por "transcender o marco estatutario" e "combater o neoliberalismo, dando respostas e tamén propoñendo cousas diferentes no plano económico". O portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, participará na clausura do encontro.