"Queren o poder para restituír os privilexios que tiñan cando gobernaron Vimianzo 25 anos"

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

O TSXG vén de darlles a razón aos concelleiros que dende hai meses promoven a presentación dunha moción de censura en Vimianzo, pero iso non significa que a moción se vaia presentar. En marzo a moción non se puidera presentar, pois fora entregada un sábado, fóra do horario da secretaria do Concello, e cando os concelleiros censores tentaron facelo de novo dous deles xa non podían asinala, ao ser considerados tránsfugas (os elixidos na lista do PSdeG xa perderan a súa condición de afiliados). Este novo ditame ratifica o xa dito sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña, que en agosto aceptou os argumentos dos edís censores, argumentando que a secretaria municipal debe estar de garda 24 horas ao día e sete días á semana e que os empregados do rexistro teñen a obriga de valorar os documentos e localizar a secretaria.

Porén, a Lei Electoral impide que esta moción se presente. Para loitar contra o transfuguismo dende 2011 estableceu un novo procedemento para a presentación de mocións de censura: o escrito de presentación da moción debe estar asinado pola maioría dos concelleiros e o secretario municipal debe comprobar que todos os asinantes sexan válidos, e que ningún deles sexa un tránsfuga. Os edís censores son seis, fronte aos catro do BNG e a un concelleiro do PSdeG-PSOE, pero dous deles son trásfugas, polo que non chegan á maioría. 

"Eles saben perfectamente que non poden presentala. Non van presentar a moción até que consigan algunha vantaxe ou até que consigan que o pleno prevarique"

O alcalde, Manuel Antelo (BNG), sinala que "eles saben perfectamente que non poden presentala. Non van presentar a moción até que consigan algunha vantaxe ou até que consigan que o pleno prevarique". Até hai unhas semanas os promotores da moción de censura controlaban a mesa de idade, que é a que no caso de que se presentase, debería aprobala, aínda que isto incumpriría a lei, supoñendo un caso de prevaricacións. Porén, a recente entrada dun novo edil do Bloque, José Trillo, en substitución do número catro da lista, tamén mudou isto, pois Trillo presidiría esa mesa de idade.

Antelo tamén sinala, con preocupación, que a sentenza "pode ter unha transcendencia enorme, máis aló de Vimianzo", pois fixa a obriga de que os funcionarios municipais estean localizables e traballen en fin de semana

Antelo tamén sinala, con preocupación, que a sentenza "pode ter unha transcendencia enorme, máis aló de Vimianzo", pois fixa a obriga de que os funcionarios municipais estean localizables e traballen en fin de semana, e "dálle potestade e obriga o alcalde para fixar a xornada laboral dos empregados do concello máis aló do seu horario, en sábado".

 

"Queren recuperar o poder para restituír os privilexios"

Antelo destaca que "xa non piden a moción de censura, piden a dimisión do alcalde, é unha campaña de acoso e derrubo" e engade que "queren recuperar o poder para restituír uns privilexios que tiñan cando gobernaron Vimianzo durante 25 anos"

Antelo destaca que "xa non piden a moción de censura, piden a dimisión do alcalde, é unha campaña de acoso e derrubo" e engade que "queren recuperar o poder para restituír uns privilexios que tiñan cando gobernaron Vimianzo durante 25 anos". Explica que neste tempo "houbo moitas irregularidades, contratos de subministro, contratos de obras". E salienta que en dous anos o consistorio pasou "dunha situación herdada, con 1,5 millóns de euros de impagamentos" a ter "un remanente de tesouraría de 112.000 euros", sendo ademais "un dos poucos concellos que non tivemos que recorrer a un plan de axuste, nin facer un ERE nin recortes. Pero "despois de sanear o concello economicamente" o grupo de goberno apostou por "sanealo democraticamente", explica. E foi neste punto no que se activou "a moción que viñan anunciando dende que eu asumín a alcaldía".

Este "saneamento", explican dende o goberno municipal, consistiu en "abrir expedientes disciplinarios" contra "funcionarios vinculados familiarmente a parte dos asinantes". Outro dos expedientes abordados e que derivou na imputación do ex alcalde por presunta corrupción e tráfico de influencias foi o vinculado á construción da casa da cultura da vila, tramitada en período electoral supostamente á marxe dos cauces legais e adxudicada a empresas presuntamente vinculadas tamén "á empresa dun dos asinantes

O rexedor destaca que "Vimianzo é un pobo tranquilo, un pobo traballador, un pobo emprendedor" e que o goberno municipal, a pesar das dificultades (non pode presentar mocións ao estr en minoría), traballa con normalidade, "saca adiante as cousas importantes, dende as obras, iniciativas culturais que nos sitúa como un referente en toda Galicia, proxectos modernos coma as investigacións que se realizan sobre os menús castrexos, como comían os nosos antergos hai máis de dous mil anos". E conclúe: "a xente ve quen traballa pola vila e quen busca só o seu interese persoal. Hai quen me para pola rúa e me pide que convoque eleccións para sacar a esa xente do pleno. Iso non o podo facer, claro, pero nas eleccións verase o que pensa a xente".

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG
Castelo de Vimianzo © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.