Quintana culpa das críticas a "pseudopolíticos" e aos "problemas de comunicación"

Rosa Quintana, nun encontro informativo sobre a Lei de Acuicultura © Xunta

Asunción de responsabilidades, pero pouco e, ademais, disparando contra as forzas da oposición, colectivos críticos e mesmo contra o goberno bipartito. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, ofreceu en dúas entrevistas radiofónicas a súa visión sobre a masiva manifestación que o sábado encheu a praza do Obradoiro "en defensa do sector do mar" e criticando a xestión realizada polo Goberno galego. Tanto na concedida á Cadena Ser coma na que emitiu a Radio Galega, Quintana afirmou a súa vontade de "diálogo", "lamentando" que se chegara a esa situación e anunciando que nos vindeiros días convocará o pleno do Consello Galego de Pesca "para analizar todos os puntos que xeran ese malestar”, sinalando que recollera "a luva" lanzada polos manifestantes.

A conselleira limitou os erros a un problema de "comunicación": "Podo entender malestar porque non se transmitira ben o que estabamos a facer dende a administración”

Porén, aí rematou a autocrítica e a asunción de responsabilidade polo conflito creado. Nas dúas entrevistas Quintana dixo asumir "a parte de culpa que podemos ter dende a administración ao non ser capaces de transmitirlles cales eran os obxectivos" do anteproxecto de Lei de Acuicultura. Polo tanto a conselleira limitou os erros a un problema de "comunicación": "podo entender malestar porque non se transmitira ben o que estabamos a facer dende a administración”, dixo na Cadena Ser, engadindo que tiña "a conciencia moi tranquila”. "Non teño nada de ocultar, non creo que fixera nada que fose en contra dos intereses do sector”, afirmou.

Negou, igualmente, que a decisión de retirar o anteproxecto poida ser interpretada como unha "desautorización" da súa xestión por parte de Alberto Núñez Feijoo. “Todo o contrario, o presidente da Xunta e eu sempre traballamos na mesma dirección e estivemos na mesma liña”, sinalou.

“Alguén se adiantou e transmitiu mal as cousas”

“O nunca visto, fomos obrigados a retiralo da exposición pública", laiouse. Rosa Quintana queixouse de que "non nos deixaron nin explicar” o proxecto de lei, “intentei manter reunións informativas co sector, e viñan determinadas persoas a rebentalas”, dixo. “Alguén se adiantou, facéndolle ver ás entidades do sector que esa lei xa estaba no parlamento, que esa lei ía privatizar a costa, que esa lei lle ía vender as praias aos chinos. Sorpréndenme todos estes comentarios cando a lei o que pretendía era regular unha actividade, non dicir como se xestiona o dominio público”, afirmou. “Todos eses bulos que se crearon ao redor deste proxecto de lei fixeron crecer unha corrente contraria, dicindo que iamos contaminar as rías, que iamos botar antibióticos, que iamos encher as rías de especies exóticas, de especies carnívoras... Se a unha mariscadora lle chega isto, pois pensará que a conselleira toleou. Non, a conselleira non toleou, o único que queriamos era regular estas especies exóticas, porque hoxe xa as temos aquí”, engadiu, concluíndo que “alguén se adiantou e transmitiu mal as cousas”.

“Si houbo certa manipulación. Vin nas imaxes da manifestación a moitos políticos, que me gustaría saber onde estaban cando en certos momentos houbo que defender o sector"

Centrou as súa críticas en persoas e colectivos que definiu como "pseudopolíticos", que "pretenderon dicir que o borrador da Lei de acuicultura estaba en tramitación parlamentaria. Iso é enganar". Quintana atacou en ambas as dúas entrevistas á xestión realizada polo goberno bipartito hai unha década, negando a entrada de multinacionais nos últimos anos e acusando, en cambio, ao executivo de PSOE e BNG de dar entrada a unha empresa norueguesa na ría de Arousa.

Finalmente, uniuse ás críticas lanzadas xa o sábado polo deputado Miguel Tellado, que acusou os manifestantes de estar "manipulados", afirmando que "se está usando os homes do mar de forma interesada para facerlle oposición ao Goberno galego". “Si houbo certa manipulación. Vin nas imaxes da manifestación a moitos políticos, que me gustaría saber onde estaban cando en certos momentos houbo que defender o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego”, dixo a conselleira.

 

Rosa Quintana, nun encontro informativo sobre a Lei de Acuicultura © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.