Rafa Cuiña: "Non saio da casa sen poñer os AC/DC a tope para motivarme"

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña CC-BY-SA Praza Pública

Na entrevista alternativa buscamos as fobias e filias (non só políticas) das e dos alcaldes galegos. Quince preguntas rápidas desvelarán as súas preferencias.

Rafa Cuiña aínda segue sendo para algúns o "fillo de". Pero o certo é que a través das redes sociais está demostrando que o seu lema de precampaña "hai alternativa" cúmprese: o alcalde de Lalín declarou o concello libre de desafiuzamentos ,de circos animais, retirou cartos públicos de Bankia e non deixa de humanizar a contorna da súa vila.

Prognosticaba en precampaña que ía ter 3.000 votos e vía a posibilidade de derrocar ao histórico alcalde do PP, Xosé Crespo. As enquisas non lle daban tanto. Finalmente foron 3.010 votos e un goberno en coalición con PSOE e APAC.

O mellor almorzo leva...

A compaña dos meus fillos

Nunca saes da casa sen...

Poñer aos AC/DC a tope para motivarme. Fai falla moito rock and roll na nova política

O primeiro que pensaches ao entrar no despacho logo da investidura foi...

Aquí sobra algunha bandeira 

Madrugador como o cuco ou ave nocturna como o moucho?

Moi madrugador. Ás 6.30 xa estou activo. Durmo pouco e mal

Love of Lesbian ou Los Planetas?

Love of Lesbian. O tema "Mal español" marcoume

Lalín ou San Vicente?

Lalín sen dúbida. E cada día máis...

Costela ou cacheira?

Cacheira, aínda que son de bo dente.

Mencía ou albariño?

Mencía. Estanse facendo algúns moi interesantes agora. Antes eran "complicados de tomar"

Con quen irías de cañas: con Xosé Crespo ou con Núñez Feijóo?

Con Feijóo. Con Crespo xa fun e non é precisamente la alegría de la huerta.

Bufanda ou foulard?

Foulard... cheguei a marcar tendencia en TV con eles (é brincadeira)

Frisonas ou do país?

Frisonas para un bo leite, do país para unha boa carne

Baloncesto ou balonmán?

O balonmán, deporte ao que sempre xoguei, aínda que ao que mellor xogaba era ao basket. Moi fan do Obra

O mellor sitio en Galicia para mocear é...

A rúa dos viños de Lalín

A frase máis vívido que tes de Xosé Cuíña é...

"Algún día tes que ser alcalde de Lalín"

De 0 a 10, canta esquizofrenia hai no nacionalismo?

Doulle un 11. É un pouco cansino todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.