Rajoy di que non decidiu sobre o rescate e asume que os recortes non deron resultado

Mariano Rajoy, durante a rolda de prensa © Goberno de España

Logo de que  o Banco Central Europeo (BCE) decepcionase ao negar a inmediata compra de débeda soberana e logo de que puxese como condición para facelo que os países con problemas acudisen ao fondo de rescate, Mariano Rajoy volveu ser igual de dubitativo que case sempre. O presidente do Goberno asegurou este venres na súa primeira comparecencia pública despois dun Consello de Ministros que aínda non tomou unha decisión sobre a hipotética petición de rescate e aclarou que está a esperar a que o BCE concrete as medidas concretas de axuda directa para estados como España. "Eu farei o que creo que conveña ao interese xeral dos españois", dixo sen máis definición.

Rajoy recoñece que as duras medidas do Goberno aínda non trouxeron efectos positivos

"Quero coñecer cales son esas medidas, se son ou non axeitadas e, daquela, á vista da circunstancia, tomaremos unha decisión", volveu dicir, logo de enumerar unha e outra vez os múltiples problemas polos que pasa a economía española, pero louvar as medidas tomadas polo seu Executivo. "Ninguén pode dicir que o Goberno non tomou decisións", dixo, malia nomear recortes sociais que recoñeceu "duros" para a poboación e que negara unha e outra vez durante a campaña electoral."Non tomei decisión ningunha sobre o rescate", reafirmouse logo.

Incluso Rajoy chegou a recoñecer que as duras medidas non tiveron os efectos que se buscaban, pero insistitu na "perseveranza e constancia" para acadar os resultados desexados. Estes, aclarou, chegarán "máis pronto que tarde", pero non descartou novos recortes e reformas.

O Executivo non asegura que vaia prorrogar a axuda de 400 euros aos parados sen prestación

"Cos datos que eu manexo non teño intención de baixar as pensións o ano que vén. Sería a última partida que recortaría", dixo Rajoy preguntado polas futuras medidas de axuste, ao igual que negara a suba do IVE, por só por un exemplo. Ademais, non asegurou a prórroga da axuda de 400 euros aos parados sen prestación, tal e como lle pide toda a oposición. .

"Estou a facer un balance de seis meses, non de catro anos", afirmou para xustificar os recortes e á espera de que teñan algún resultado positivo, cousa que de momento non ocorre. O que está claro é que seguirá no mesmo camiño para intentar reducir o déficit, a súa verdadeira obsesión por moito que diga que o "paro" é a súa principal preocupación. "Non son amables, non son populares, supoñen un esforzo para familias e empresas", pero é o que hai. Porque "non é discutible a necesidade imperioso de aumentar os ingresos e reducir os gastos", para demostrar que España é un país "cumpridor".

"É unha obriga. Non é cómodo, é incómodo, e non é agradable, é desagradable" O déficit "hai que corrixilo", porque non facelo provoca "un enorme dano á economía dos españois"."É o que hai que facer se non queremos afundirnos máis de cara ao futuro. Non é unha opción, non se pode facer outra cousa. Non se pode gastar se non che prestan. Isto é o que nos fará crecer", insistiu unha e outra vez e como xa fixera.

Para Rajoy o importante é solucionar o problema do paro, que non se poderá arranxar se non se actúa sobre o sistema en xeral que levou á economía española a unha das súas peores situacións ao longo da historia. As causas deste panorama teñen catro vertentes a xuízo do presidente do Goberno: O alto déficit público, a falta de competitividade da economía española, o endebedamento da sociedade e as dúbidas sobre o euro.

Rajoy enviou unha carta á UE pedindo que se materialicen canto antes os acordos adoptados durante o Consello de xuño

Ademais, Rajoy quixo erixirse en líder europeísta dentro da Unión e pediu "máis Europa", tras anunciar que enviou unha carta ao presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, e ao da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, esixíndolles que se materialicen canto antes os acordos adoptados durante a reunión do Consello dos pasados 28 e 29 de xuño.

"O que pido é que estes temas se debatan en outubro, de forma que se aprobe a unión fiscal en outubro". O obxectivo, segundo Rajoy, non é outro que reforzar á UE, pero tamén garantir o acceso ao financiamento por parte dos cidadáns españois.

Mariano Rajoy, durante a rolda de prensa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.