Rajoy insiste en suprimir o Valedor, Meteogalicia e o Consello de Contas

Rajoy, nun mitin cunha silueta de Feijóo no fondo © PP

A reforma administrativa de Rajoy vai en serio. Malia que as primeiras liñas do proxecto, presentadas a principios do verán, non contentaron a ninguén, nin tan sequera á Xunta, o Goberno central teima en pedir recortes en institucións autonómicas. E neles inclúense a supresión de organismos autonómicos, como o Valedor do Pobo e o Consello de Contas, de entes como Meteogalicia ou os diferentes observatorios (da xuventude, da sociedade da información), así como a redución de persoal en institutos como o Inega.

Os recortes que propón o Estado nos órganos autonómicos suporían un aforro de 230 millóns

Iso é o que se tira do informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA), que o Goberno central se encargou de filtrar este martes, e que é a conclusión dun traballo coordinado pola Vicepresidencia e que desde hai un ano busca "racionalizar estruturas, procedementos e recursos" dentro da estrutura administrativa do Estado. Segundo o Executivo, a aplicación destas propostas suporía un aforro de máis de 230 millóns de euros, pero nada di dos custos sociais ou laborais que suporían, nin dos despedimentos de empregados públicos que suporía.

Galicia non se salva dunha proposta de tesoirada que afecta a organismos autonómicos de fonda tradición e raigame e que incluso a Xunta se negara a recortar cando no pasado mes de xuño se presentou a primeira proposta de reforma administrativa. "As recomendacións non discriminan entre comunidades autónomas con órganos previstos no Estatuto e eses mesmos fóra do Estatuto". "E isto é fundamental", advertira Núñez Feijóo, que asegurara con claridade que o Valedor do Pobo e o Consello de Contas "se deben manter".

Feijóo xa asegurara no verán que o Valedor e o Consello de Contas "se deben manter"

Pero Rajoy non quere excepcións, ou polo menos iso é o que se desprende deste informe CORA -que é un borrador da Subcomisión de Duplicidades Administrativas e está datado no pasado 18 de novembro- no que se aposta con firmeza pola supresión de  numerosas institucións autonómicas, incluídas algunhas das máis importantes. De feito, e en canto ao Valedor, o informe do Goberno central asegura que "a multiplicidade de institucións autonómicas supón unha merma da eficiencia e unha duplicidade de gastos e de actuacións que resulta innecesaria, xa que o Defensor estatal fai o mesmo labor". Por isto, entre outras razóns, propón "a supresión dos defensores do pobo autonómicos e a asunción plena das súas funcións polo Defensor del Pueblo".

Segundo os seus datos, o custo por queixa nos defensores autonómicos é o dobre que no estatal (415 euros fronte a 836) e poderíase reducir á metade no caso de centralizar os traballos no Defensor. Ademais, a medida suporía un aforro de máis de 30 millóns de euros.

O Executivo cre que o Valedor supón "unha merma de eficiencia e unha duplicidade de gastos e actuacións innecesarias"

Argumentos semellantes emprega o Estado para xustificar a supresión do Consello de Contas, un dos Órganos de Control Externo (OCEX) que pretende eliminar por, segundo argumenta, o "baixo rendemento dos recursos" destinados a eles, a "desigualdade" entre autonomías -xa que algunhas non o teñen- e a "heteroxeneidade  nas súas funcións, estruturas, composición e resultados". Para Madrid, a existencia do órgano fiscalizador supón "unha redundacia de estruturas", así como a "duplicidade na rendición de contas".

A eliminación de todos estes Órganos de Control Externo, incluído o Consello de Contas, suporía un aforro de máis de 45,5 millóns nun ano e de máis de 136 nos próximos tres exercicios. Ademais, propón que esta supresión, ao igual que no caso do Valedor do Pobo, se leve a cabo entre os vindeiros seis e 18  meses. Sería o Tribunal de Cuentas quen asumiría as funcións do órgano fiscalizador galego, aínda que a medida "suporía crear seccións territoriais nas comunidades autónomas".

A existencia do Consello de Contas supón "unha redundancia de estruturas e unha duplicidade na rendición de contas"

Por outra banda, o informe do Executivo central tamén prevé que se supriman ou unifiquen "aqueles observatorios autonómicos que desenvolvan funcions semellantes, independentemente do ámbito territorial sobre o que actúen". O Estado entende que son "economicamente ineficientes, administrativamente ineficaces e estruturalmente duplicados" e destaca que Galicia é unha das comunidades autónomas que conta con maior número destes organismos a eliminar. Aínda que di non ser capaz de determinar con detalle o aforro, pola amplitude e variedade dos entes, o Executivo proponlle á Xunta a eliminación do Consello da Xuventude, o Osimga (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia) ou o Observatorio Galego da Infancia e de calquera organismo deste tipo "de contido coincidente cos sistemas de seguemento das áreas económicas da Administración do Estado".

Ademais, o informe CORA aposta tamén pola "redución de persoal" en entidades como o Inega (o Instituto Enerxético de Galicia) e a racionalización e centralización dunha morea de estruturas administrativas compartidas. Incluso avoga pola supresión de entidades creadas non hai moito por presidentes populares de autonomías. Ese é o caso do Consello Galego da Competencia, creado en marzo de 2011, na primeira lexislatura do Goberno de Feijóo, e que foi froito da fusión do Tribunal Galego de Defensa da Competencia e o Servizo Galego de Defensa da Competencia, que existían de 2004. A Xunta tamén deixara claro en referencia a este organismo que non só non tiña previsto eliminalo, senón que pensaba reforzalo.

 

A integración de Metegalicia na Aemet

Outra das vítimas desta proposta do Goberno central sería Meteogalicia. Segundo o texto, é necesaria a "racionalización da prestación de servizos  meteorolóxicos de Meteogalicia e a Aemet (axencia estatal)", pero aclara que "a eliminación" do servizo meteorolóxico galego "é a opción máis eficiente", xa que a Aemet "dispón xa da estrutura nacional que precisa para prestar os servizos de apoio á aeronautica e á defensa nacional que non presta Meteogalicia, polo que a prestación do resto de servizos é moito máis económica".

O informe prevé a supresión de Meteogalicia e "a absorción dos seus datos climatolóxicos por parte da Aemet"

"Nos avisos meteorolóxicos de emerxencias debe haber unha única voz autorizada que, por homoxeneidade e coherencia, debe ser a do Servizo Nacional", insiste o Executivo central, que pide "integrar" Meteogalicia na Aemet, suprimir a rede de catro detectores de raios do servizo galego ou a supresión da estación de radiosondaxe, así como "a absorción dos datos climatolóxicos de Meteogalicia por parte da axencia estatal". En definitiva, "a supresión de organización de Meteogalicia".

O Valedor, nun acto público recente © Xunta
Xuntanza da conselleira de Facenda co Consello de Contas, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.