"Din que aos galegos lles gusta agardar ver e din o mesmo de min, pero neste ano de goberno reducín o déficit público estando en recesión, puxen en marcha reformas estruturais e a reforma do sector bancario". O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, vén de concederlle unha entrevista ao Financial Times e tenta, na conversa co influínte xornal británico, mostrarse como un político resolutivo e mesmo ligar as súas decisións políticas á súa orixe en Galicia. "Cantos non galegos tomarían estas decisións?", pregúntase retoricamente.
Os autores da entrevista, Tobias Buck e Lionel Barber, explican no seu texto que "os españois adoitan describir o seu primeiro ministro como o típico galego", a saber, "reservado, reticente a dar unha resposta clara, mesmo interesado en deixar as súas opcións abertas". Non en van, tiran de tópico para explicar que "a sabedoría popular" asegura que "cando atopar un galego nunha escaleira, nunca sabes se sobe ou baixa". Pero Rajoy "retruca que el está orgulloso e feliz de ser de Galicia", un país que para o Financial Times é a "fortaleza do conservador Partido Popular".
Neste contexto, os xornalistas do rotativo británico consideran "evidente" a ligazón "coa súa rexión natal" ao observaren os xornais que están enriba da súa mesa en La Moncla. "ABC, o diario conservador, está por riba, seguido de La Voz de Galicia, o principal xornal rexional; El Mundo e El País, os meirandes diarios españois, están na parte inferior da pila". Tamén ligan o seu xeito de actuar en política ao "aire de rectitude de pequena cidade" que desprende, o cal dá lugar a un "forte contraste" cos seus "máis rechamantes predecesores", o "franco José María Aznar" ou "Felipe González, o carismático socialista". Pero "onde os seus críticos detectan indecisión e dilación, Rajoy ve calma e prudencia". "El é, despois de todo, o home que perdeu dúas eleccións dende que liderou o PP ata a súa esmagadora vitoria de 2011".
"Din que aos galegos lles gusta agardar e ver e din o mesmo de min, pero neste ano de goberno reducín o déficit estando en recesión", gábase Rajoy
Pero, "malia á súa cautela", Rajoy amósase "impresionantemente firme" cando asegura que "a tendencia económica en España comezou, finalmente a se inverter". Así, explícalles aos xornalistas do Financial Times que as exportacións medran e caen os xuros da débeda. Tamén se gaba da súa reforma laboral, que lles deu "competitividade ás empresas españolas". Por todo isto, asegura pensar que "na segunda metade de 2013 será cando comecemos a ver a recuperación", que será "moi clara en 2014". "Non todo mundo comparte o seu optimismo", constatan os autores da entrevista. "Os seus críticos argumentan que a incipiente recuperación está sendo dirixida pola posibilidade de intervención do Banco Central Europeo, máis que polo espírito reformista do Goberno de Rajoy.