Íñigo de la Serna (Bilbao, 1971), enxeñeiro de Camiños, alcalde de Santander desde 2007 e antecesor de Abel Caballero na presidencia da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), onde seguía a ocupar a vicepresidencia, é o novo ministro de Fomento. Así o vén de anunciar o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, logo de comunicarllo ao rei e antes de que este venres tome posesión do seu posto, como os seus outros doce compañeiros de executivo. Con el ponse fin a sete anos e medio de ministros galegos á fronte da carteira das infraestruturas e os transportes, co socialista José Blanco e a popular Ana Pastor. Cantabria, orixe do novo ministro, é, con Galicia e Estremadura, a comunidade con máis atraso nos proxectos de AVE.
Cantabria é, con Galicia e Estremadura, a comunidade con máis atraso nos proxectos de AVE
Foi o 7 de abril de 2009 cando José Blanco (Palas de Rei,1962) asumiu a carteira de Fomento. O 22 de decembro de 2011 o lucense pasáballa á pontevedresa de adopción Ana Pastor (Cubillos, Zamora, 1957), quen a ostentou ata que o pasado 19 de xullo foi elixida presidenta do Congreso dos Deputados. Nestes últimos tres meses e medio as funcións exerceunas o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, que agora seguirá a ocupar esa carteira pero que fora secretario de Estado de Fomento ata setembro de 2014.
Íñigo de la Serna, alcalde de Santander desde 2007, sucede no cargo á popular Ana Pastor e o socialista José Blanco
Tanto Blanco como Pastor impulsaron política e financeiramente o AVE galego máis alá de problemas técnicos e económicos puntuais. A obra, malia que Ciudadanos coqueteou coa idea, está xa nunha fase tan avanzada que non ten volta atrás e a única dúbida é a data concreta en que poderán estar en servizo todos os treitos, ante a evidencia de que a promesa de 2018 que mantén o PP xa non se pode cumprir. Pero o que marcará os mandatos tanto do socialista como da popular será o accidente do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 descarrilou na curva de Angrois, á entrada de Santiago, provocando 80 mortos e 144 feridos. Blanco inaugurara a liña en decembro de 2011, poucos días antes de deixar o cargo e logo de que Adif modificase o proxecto inicial e decidise no instalar na curva de Angrois o sistema de control constante da velocidade ERTMS. E Pastor puxo en servizo os trens Alvia híbridos medio ano despois e con ela no cargo Adif autorizou desconectar tamén a bordo deles o ERTMS. Os dous tentaron afastar as súas imaxes persoais do sinistro, pero os dous negáronse a buscar responsables desas decisións técnicas que supuxeron reducir a seguridade e descargaron así toda a responsabilidade sobre o maquinista.
Outra cousa compartiron Blanco e Pastor: a súa máis que mellorable relación persoal co presidente Feijóo. O titular da Xunta chegou a botarlle en cara ao socialista que non lle devolvera apuntamentos de cando os dous estudaron Dereito en Santiago. Con Pastor no cargo, Fomento e Xunta puxéronse trabas mutuas a diversos proxectos.