Mentres a ex-alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, pensa a súa dimisión, Rajoy garda silencio. O líder do PP volveu recorrer ao plasma durante un dos actos de campaña convocados na localidade de Mos . Rajoy leva dous días esquivando á prensa acreditada para cubrir a súa presenza na campaña galega.
O equipo de campaña do PP utilizou na Cañiza conos para separar os redactores a máis de 50 metros de onde Rajoy pedía o voto
O equipo de campaña do PP chegou hoxe ao límite de utilizar na Cañiza conos para separar os redactores a máis de cincuenta metros dos lugares onde Rajoy pedía o voto para o Partido Popular. No pazo dos marqueses de Mos, Rajoy foi recibido pola plana maior do seu partido nesta pequena localidade. Os xornalistas fomos obrigados a seguir o discurso desde unha sala anexa, nunha pequena televisión de plasma.
"Estamos nunha situación de incerteza", dixo Rajoy, en referencia á situación política a nivel estatal. Sobre Rita Barberá, nin unha palabra durante a súa intervención no acto. O líder do PP pediu que tras as eleccións do 25S Galicia poida evitar o bloqueo político que atravesa a política española: "Espero que en Galicia se impoña o sentido común e a finura, que é unha calidade que todos os presentes temos".