Rato xa non é fillo adoptivo de Viveiro

Rodrigo Rato © Bankia

Nos tempos da bonanza económica, nomeadamente no ano 2000, o PP de Viveiro fixo valer a súa maioría absoluta no pleno municipal para concederlle a Rodrigo Rato o título de "fillo adoptivo da vila". O goberno conservador, sen o apoio da oposición, quixo recoñecer con esta honra a "vinculación con Viveiro e a proxección que ten para o municipio o feito de que" o daquela vicepresidente económico de José María Aznar "veranee aquí cada ano coa súa familia". Trece anos despois pasaron moitas cousas e varios cargos polas mans de Rato, dende a dirección do Fondo Monetario Internacional ata a presidencia de Bankia, e o mesmo pleno municipal, agora doutra cor, retíralle o título.

A retirada de honras, formulada a través dunha iniciativa do BNG local, tivo o apoio do grupo socialista no Concello -seis edís-, suficiente para saír adiante no pleno municipal do pasado venres, no que os seis concelleiros do PP votaron en contra e os independentes se abstiveron. As razóns argumentadas polo voceiro nacionalista na corporación, Bernardo Fraga, non son outras que a necesidade de evidenciar que "a crise económica ten culpables" e Rodrigo Rato é un deles, tanto polo seu labor no FMI como en Bankia, entidade que deixou "na creba absoluta" 

"É un dos rostros da crise e non queremos que sexa fillo da nosa cidade", di Bernardo Fraga, do BNG de Viveiro

"O transcorrer vitar de Rodrigo Rato está totalmente afastado de Viveiro, non ten nada que ver coa cidade", sinala Fraga, para quen o ex ministro é "un dos rostros da crise na que estamos inmersos", que ten "responsables políticos e sociais que levaron o Estado español á situación na que se atopa". Ademais, abonda, Rato é tamén un dos responsables "do engano que se produciu a milleiros de persoas coas participacións preferentes e con políticas dedicadas aos grandes capitais transnacionais". "Non queremos que sexa fillo da nosa cidade", conclúe. Unha vez aprobada, o Concello comunicaralle a decisión oficialmente a Rato.

Rodrigo Rato © Bankia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.