Rebelión municipal contra o "taxazo" da Xunta nas escolas infantís

Circular remitida a un dos concellos, feita pública polo PSdeG CC-BY-SA Praza Pública

Durante a lexislatura do bipartito, pero tamén durante os primeiros tempos do goberno Feijóo, numerosos concellos foron dotados con servizos no ámbito social, nomeadamente escolas infantís e centros de día para persoas maiores, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este Consorcio foi albo de duras críticas do PP na súa etapa na oposición e ao chegar ao goberno forzou a aprobación da súa disolución e integración na nova Axencia de Servizos Sociais. Malia ao prometido, este proceso foi accidentado e, sobre todo, lento, ata o punto que é neste ano 2015 cando os municipios comezan a percibir os seus efectos reais. Un deles, denuncian os gobernos de formacións diferentes ao PP, é a imposición "unilateral" dunha suba das achegas municipais.

Nesta ocasión os primeiros en erguer a voz foron os concellos gobernados por PSdeG e BNG. En senllas comparecencias públicas ambas formacións políticas fixeron público o que, en verbas da voceira socialista de servizos sociais, Carmen Gallego, é "unha chantaxe da Consellería de Benestar para obrigar os concellos a adherirse á Axencia Galega de Servizos Sociais, abandonando o Consorcio". Nos últimos meses, denuncia, os concellos están a recibir "unha circular" na que se "advirte" da "liquidación dos convenios" para, por exemplo, xestionar as escolas infantís a través do Consorcio. Ese documento inclúe a obriga de pagar "unha contía fixada unilateralmente" que "nalgúns casos -asegura- chega aos 600.000 euros".

No entanto, resaltan os socialistas, o Goberno galego abéirase nunha norma incluída na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2014 para "advertir de que, no caso de formalizar" a integración na nova Axencia, "a obriga de pago reducirase á metade". A xuízo de Gallego este movemento é comparable ao "taxazo de Sogama", empregando "a chantaxe para aumentar unilateralmente os custos sobre os concellos e as persoas usuarias".

"A Xunta emprega a chantaxe para aumentar unilateralmente os custos sobre os concellos e as persoas usuarias"

Os alcaldes e alcaldesas do PSdeG anuncian unha "batería de recursos" contra estas liquidacións e os rexedores e rexedoras do BNG advirten, pola súa banda, de que "non van asinar os convenios" que a Axencia "pretende impoñer unilateralmente, modificando sen negociación previa as condicións polas que se prestan servizos básicos". Nunha comparecencia xunto ao portavoz nacional do Bloque a a deputada Carme Adán os dirixentes locais resaltan que non están dispostos a asumir a "imposición dun canon aos municipios que obriga a pagar 3.600 euros anuais máis por usuario" nos centros de día e 1.500 euros máis nas escolas infantís.

"Non imos asinar eses convenios porque para os concellos é inasumible pagar por servizos de competencia autonómica"

"Non imos asinar eses convenios porque para os concellos é inasumible ter que pagar por prestar servizos que son competencia autonómica", resalta o alcalde de San Sadurniño, nun contexto no que a rexedora de Moaña, Leticia Santos, engade que "entre os custes que a Xunta pretende trasladar aos concellos" está "mesmo o persoal das escolas". "Ata agora -explica Xavier Vence- os concellos tiñan convenios" co Consorcio "con condicións negociadas entre as partes", que xeralmente implicaban "que os municipios achegaban as infraestruturas, asumían o mantemento e o persoal de apoio, segundo os casos". Pero "co novo modelo, a Xunta aplica un canon uniforme" que é "un produto máis das políticas de recorte de Feijóo".

A Xunta nega que os concellos vaian ter que pagar máis

Tanto socialistas como nacionalistas ven neste caso un intento de "extorsión" aos consistorios que tentarán frear con iniciativas no Parlamento e tamén a través da Federación Galega de Municipios e Provincias. Cómpre, din, "volver ao consenso cos concellos" e, ao tempo, "reverter os recortes" en materia social. A Xunta, pola súa banda, nega que o novo sistema implique un maior pagamento por parte dos concellos.

Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.