Recortar antes nos concellos que no Senado?

Sesión solemne do Senado, na pasada lexislatura © Senado

Este venres o pobo irlandés está chamado a votar nun referendo. O Goberno vaino consultar sobre a conveniencia de suprimir o Senado, unha decisión defendida polo Executivo de conservadores e laboristas e que supón unha reforma constitucional, polo que debe ser aprobada directamente pola cidadanía. Segundo os cálculos gobernamentais suprimir o Senado do país suporía un aforro duns 20 millóns de euros anuais e, ademais rematar cunha Cámara que ven "anticuada", "elitista" e, en última instancia, "innecesaria". Salvando as diferenzas entre ambos sistemas políticos, o referendo irlandés pode ser un bo motivo para recuperar un debate abordado en innumerables ocasións, o da supresión do Senado español. Quen non concorda con esta consideración é o presidente da Xunta.

A vinte e catro horas da consulta popular en Irlanda Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado ao respecto tras a reunión semanal do Consello da Xunta. En tempos de recortes, a prensa dirixiuse ao presidente por ser el un dos máximos defensores de meterlle a tesoira ás institucións públicas coa fin de aforrar. Pero a pregunta semellou collelo co pé cambiado. Obviando a circunstancia de que a Cámara Alta española manexa uns orzamentos de máis de 50 millóns de euros ao ano, máis do dobre que en Irlanda, Feijóo lembrou que o pasado verán "tiven ocasión de estar co presidente desa nación", Michael Higgins, "que veranea en Portosín" e "non me formulou que ían facer isto", polo que non ten "información suficiente para pronunciarme en relación coas Cámaras".

Irlanda vota este venres en referendo sobre a eliminación do seu Senado

Non obstante, o titular do Executivo galego considerou que "Irlanda é un pais de cinco ou seis millóns de habitantes" e "para os paísese e as nacións desa poboación probablemente sexa razoable formular cales deben ser as Cámaras necesarias". Pero, no caso español, o presidente prefire "pronunciarse" cando "se dea este debate". Mentres, Feijóo volve a terreo seguro para realizar unha das súas reclamacións habituais: a fusión de concellos. Así, á pregunta de se ve necesario suprimir o Senado responde que considera pertinente "unha reforma da Administración local e unha reflexión sobre o númeor de concellos en España". No ámbito lexislativo, a súa aposta é a "redución ordeada do número de deputados das asembleas lexislativas das comunidades", porque "só dando exemplo podemos dar exemplo".

Neste sentido, coida que as fusións municipais -polo momento en Galicia só se produciu unha, entre Oza dos Ríos e Cesuras- deberían facerse "por lei" -xa existe unha que permite que a Xunta as propicie-, dado que "non hai o consenso suficiente na reforma local" que tramita o Goberno de España. No medio da fenomenal polémica provocada por este proxecto Feijóo tercia para asegurar que "é un paso na boa dirección", pero, en todo caso, a súa "opinión" é que "deberíamos ter un pacto, polo menos co PSOE" para "diminuír ostensiblemente" os "máis de 8.000 municipios" existentes actualmente no Estado. Do Senado, polo momento, case nin falar.

Feijóo, co presidente de Irlanda © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.