"Non vou descoñecer as dificultades, só faltaría, pero nos centraremos en dar alternativas". O pasado 20 de febreiro o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, resumía deste xeito o roteiro da formación nacionalista para os vindeiros meses. Facíao ante o grupo parlamentario nacionalista, acabado de reestruturar e con Ana Pontón xa á fronte tras a renuncia de Carlos Aymerich. E precisamente Aymerich terá esta mesma semana un papel sobranceiro na cita que, a priori, está chamada a pechar o ciclo aberto na formación frontista coa Asemblea Nacional do pasado xaneiro: o cónclave no que, o vindeiro domingo, Máis Galiza se constituirá en partido e decidirá se continúa ou non formando parte do Bloque.
A dirección do BNG subliña a "vontade" de "tender pontes e restablecer a convivencia"
Coa obvia diferenza de interpretacións, as diferentes sensibilidades da formación frontista observan as pasadas semanas como as máis complexas da historia recente do Bloque. A tensión previa á asemblea, primeiro, e acontecementos como a escisión do Encontro Irmandiño, despois, protagonizaron un período no que os dirixentes elixidos na Asemblea insistiron na necesidade de "centrar os esforzos" en situar o BNG como "alternativa real" ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Nesta liña, Pontón sintetizaba, nunha entrevista en Praza Pública, a "vontade" da dirección nacionalista: "superar as diferenzas" e "restablecer a confianza" para ""fortalecer un proxecto imprescindíbel para este país".
Cos irmandiños xa fóra, as olladas sitúanse esencialmente sobre Máis Galiza, que evitou chegar á súa propia cita asemblearia cunha "confrontación" aberta, en virtude do pactado no seu Consello Político Nacional. Así e todo, a existencia de dous polos internos, o dos que avogan pola permanencia no BNG e o dos que avogan por marchar, marcará a asemblea. Entre os primeiros sitúase boa parte dos representantes institucionais e o propio Aymerich, "facultado" polo Consello Político para procurar a "unidade" no seo do Bloque. "Iso significa traballar para que se dean as condicións, os cambios que signifiquen que no BNG se recoñece que hai dúas grandes sensibilidades, dúas grandes correntes", ten explicado o ex voceiro parlamentario.
O grupo de +G que aposta pola marcha ve con bos ollos o achegamento ao 'Novo Proxecto Común'
Pero non só se agarda por Máis Galiza desde dentro do BNG. Tamén se olla para a corrente a piques de se converter en partido dende os colectivos que tentan artellar o que se deu en chamar Novo Proxecto Común, isto é, o Encontro Irmandiño e outros grupos de menor dimensión. No caso de que +G decidise marchar, neste ámbito tentaríanse tender pontes para a creación dun "novo referente político". Esta opción vese con bos ollos, por exemplo, no grupo de militantes do novo partido que, encabezados por Xoán Bascuas, defenderán na asemblea unha proposta de resolución encamiñada a iniciar unha nova andaina fóra do Bloque.