José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, preside a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que vén de aprobar por unanimidade as emendas á polémica reforma local que prepara o Goberno central. Os alcaldes galegos, maioritariamente do PP como o rexedor ferrolán, únense nunha voz única tras meses de negociacións que acabaron por unha postura común malia as diferenzas partidarias e o rexeitamento da maioría de municipios populares a unha norma impulsada polo partido que goberna neles. O voceiro dos concellos galegos confía en que o trámite parlamentario corrixa un proxecto sobre o que é difícil atopar unha voz a favor.
Unha voz única desde a Fegamp para defender os concellos da reforma local do Goberno central...
É o que estabamos intentando e o que esperaban todos os alcaldes. O que queríamos e queremos e que prime o interese dos concellos por riba dos intereses partidarios, mantendo unha posición clara que é a do rexeitamento dalgúns puntos importantes desta reforma local que nos afectan de manera importante.
"A posición da Fegamp é lóxica; levamos desde marzo traballando neste tema"
Foi complicado lograr esta fronte común de alcaldes de diferentes partidos?
Levamos traballando neste tema desde o mes de marzo e xa nos sucesivos borradores. A posición final responde a unha posición que desde marzo se vén mantendo a Fegamp. Entra dentro do lóxico.
Pero alcaldes do PSdeG e do BNG amosáronse críticos coa Fegamp e chegaron a ameazar con marchar da Federación se non había un rexeitamento claro e rotundo á reforma...
Esas cousas son habituais neste tipo de procesos, pero nós sempre fomos cumprindo os prazos para ir artellando a nosa posición contraria. O proxecto de reforma local foi aprobada a finais de xullo e creo que xa imos polo décimo borrador. Sobre cada un deles fixemos emendas e coido que a Fegamp foi a primeira federación de municipios que presentou alegacións por unanimidade dos seus membros. Cumprimos co noso deber.
Non debe ser fácil que unha maioría de alcaldes do PP se poñan tan radicalmente en contra dunha medida do seu propio partido.
Os alcaldes tempos moi claro que sempre deben primar os intereses xerais por riba dos intereses partidistas. Podemos ter unha discrepancia sobre unha norma que, ademais, se aproba noutro ámbito territorial. Hai que ter en conta varios aspectos: primeiro, que hai realidades municipais moi diferentes en España porque non se parecen en nada os concellos de Galicia aos de Madrid ou aos de Castela e León, o que sempre vai provocar disfuncións. Ademais, esta reforma local lévase esperando moitos anos e as expectativas son moi elevadas, sobre todo tendo en canto ás competencias asumidas polos concellos nos últimos anos.
"A dispersión, a poboación envellecida e o feito de que a maioría de concellos de Galicia teñan menos de 20.000 habitantes fannos diferentes"
As particularidades de Galicia fan que sexa máis prexudicada por esta reforma?
A enorme dispersión poboacional ou a poboación envellecida son dous factores que nos fan diferentes, pero tamén o feito de que a maioría dos concellos galegos teñan menos de 20.000 habitantes e, polo tanto, estean afectados de cheo por esta reforma. Son eses concellos os que prestan moitos servizos á cidadanía e os que garanten o equilibrio.
Manifestou vostede aos seus compañeiros no Goberno central ou na Xunta o rotundo rexeitamento á reforma local en Galicia?
Claro que falei con membros do Executivo central e tamén cos da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Expreseilles as miñas preocupacións porque a miña responsabilidade é defender os municipios galegos e as súas reivindicacións. Tamén, por suposto, manteño un diálogo coa Xunta, que ten competencias en materia de réxime local e que presentou alegacións. En moitas cousas, compartimos co Goberno galego a oposición á reforma local.
Que fará o PP durante o trámite parlamentario no Congreso? Como articulará a oposición de tantos alcaldes á reforma do seu Goberno?
A reforma local é aínda un anteproxecto aprobado inicialmente polo Consello de Ministros. Aí é onde esperamos ter avances en relación ao que se defende desde Galicia. Tamén é verdade que desde o mes de marzo, desde o primeiro borrador, houbo xa avances.
"Espero que non se acabe co rural e que prime o sentido común para que a reforma local se adapte á realidade"
Hai alcaldes que din que aprobar a reforma local suporía "aniquilar" o rural...
Espero e desexo que non se acabe co rural e que prime o sentido común. Espero que acabe sendo unha norma que se adapte á realidade.