Riobóo aposta por confluír con Mareas en Común de cara ás autonómicas

Breogán Riobó, na entrevista en Radio Galicia © Radio Galicia-Cadena SER

Breogán Riobóo aposta por confluír coas Mareas en Común, o movemento das diferentes plataformas municipalistas que pulan pola confluencia de cara ás eleccións autonómicas. Nunha entrevista en Radio Galicia-Cadena SER, o secretario xeral de Podemos-Galicia e aspirante a sr reelixido nas primarias do vindeiro mes da formación morada, deixou clara que a proposta das diferentes candidaturas "do cambio" no país é a súa preferida para non repetir os erros de En Marea, que acabou por ser unha coalición de partidos. 

Riobóo cre que Mareas en Común é o espazo ideal para confluír para facer algo "amplo, participativo, diverso e ademais transparente"

Así, o aínda líder de Podemos en Galicia -aínda que sen atribucións tras o nomeamento dunha xestora- aposta polas Mareas en Común como espazo de confluencia "transparente e democrático" que "está aprendendo de erros cometidos anteriormente e que, polo tanto, vai máis na liña de facer algo amplo, participativo, diverso e ademais transparente". E contrapono ás “cuestións que non estiveron todo o ben garantidas que tiñan que  estar” de En Marea, nunha diagnose que comparte tanto coas plataformas municipalistas como coa maioría de patas que formaron a coalición entre a formación morada, Anova e EU, que contou tamén co apoio do Encontro Cidadán por unha Marea Galega.  

Ademais, Riobóo aclara que segue a considerarse o secretario xeral de Podemos-Galicia e que toma as primarias e a súa candidatura ao proceso aberto na formación como "unha moción de confianza" para revalidar o cargo. De feito, di non entender "en base a que presentan unha candidatura Ángela Rodríguez e Carmen Santos cando o cargo de secretario xeral xa está en vigor". 

Riobóo di afrontar con moita ilusión e ganas o proceso de primarias, así como todo o seu equipo, que forma parte da candidatura Decide Galicia. Ademais, en canto á situación do partido a nivel estatal, cre acertada a elección de Pablo Echenique como secretario de Organización e asegura que todo o que acontece arredor da súa formación acábase magnificando. 

Breogán Riobó, na entrevista en Radio Galicia © Radio Galicia-Cadena SER

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.