Riobóo defende os cambios en Podemos e reafirma o seu liderado ante as críticas internas

CC-BY-SA Praza Pública

Breogán Riobóo mantén o seu pulso en Podemos Galicia e reafirma o seu liderado ante as críticas internas. O secretario xeral da formación vén de renovar a súa executiva nunha votación do Consello Cidadán no que o apoio aos cambios foi aprobado por maioría absoluta, pero na que non participou ningún dos membros afíns aos deputados por En Marea, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez. 

Riobóo defende os cambios na executiva, que ve "algo natural" nunha organización "diferente ao resto"

Os dous parlamentarios foron dous dos cargos do núcleo duro de Podemos Galicia destituídos pola dirección -decisión argumentanda en evitar a acumulación de cargos- ademais do secretario de Organización e outros tres responsables, por perda de confianza. En rolda de prensa, Riobóo xustifica as remudas para "garantir a igualdade de oportunidades" e abrir a "participación", así como no feito de que a formación segue "viva". "É algo natural", asegura o líder do partido morado, que asegura que os cambios "teñen que ver" tamén con que Podemos "é unha organización nova, diferente ás do resto do Estado e de Galicia". "Non queremos parecernos aos demais", insiste. 

A fractura é evidente e quedou patente na proposta da nova executiva -con tan só un membro da dirección orixinal- que foi sometida a votación do Consello Cidadán, órgano formado inicialmente por 35 membros e agora por 27. A proposta da secretaría xeral foi apoiada por 15 votos, mentres que unha persoa abstívose e outra votou en contra. Os dez integrantes do Consello afíns aos deputados e ao senador García Buitrón nin tan sequera participaron no proceso, deixando claro o seu rexeitamento, pero Riobóo non ten previsto modificar nada e insiste en que houbo "maioría absoluta" a prol das modificacións. 

O líder de Podemos Galicia defende os cambios malia as discrepancias internas e insiste en que foron aprobados por "maioría absoluta"

Buitrón, xunto con Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, enviaran a Riobóo unha proposta para "reestruturar" o Consello Cidadán e afrontar cambios, pero o secretario xeral insistiu en que é unha achega que toma "como calquera outra doutros compañeiros". A nova dirección, ou Mesa Cidadá, cambia nomes e inclúe unha secretaría de Organización e Igualdade, que ocupará Cristina Laya. Marcelino Armendáriz ocuparase de Economía, Inés Mallada de Educación e Cultura e Marisol do Barro de Medio Rural, quedando pendente quen ocupara a secretaría de Rescate Cidadán. 

Ademais, impúlsase a secretaría de Coordinación de Programa, que dirixirá Eduardo Nieto, coa intención de abrir un "proceso participativo" para lanzar "en quince días" unha proposta para "ter listas en tres meses propostas concretas" de cara ás eleccións autonómicas, nas que "Podemos vai estar presente", ben sexa en solitario ou integrando na coalición En Marea ou noutro espazo máis amplo. 

Riobóo cre que sería "unha irresponsabilidade" que os deputados de En Marea se centrasen no debate sobre a fórmula de cara ás autonómicas

Riobóo parece querer volver marcar distancias con En Marea e tamén coas palabras de Gómez-Reino, diversos deputados da coalición, alcaldes das mareas e o seu propio líder a nivel estatal, Pablo Iglesias, que insisten en repetir a fórmula de cara ás eleccións galegas e que rexeitan as críticas que fixo sobre a campaña da formación galega nas xerais. "Somos unha organización plurinacional e decidimos en Galicia", asegurou para aclarar que será a militancia no país quen decida como acoden aos comicios.  

"Son opinións pesoais", engadiu, tras insistir en que "un escenario posible" é que Podemos se presente en solitario ás autonómicas, pero que esa só é unha opción máis, xunto coa de repetir con En Marea ou conseguir "unha confluencia máis ampla". Preguntado pola opinión contraria dos deputados da coalición, que optan por repetir fórmula, Riobóo chegou a dicir que "sería unha irresponsabilidade" que se centrasen neste debate en lugar de "centrarse" nas súas "prioridades" no Congreso. 

Riobóo di que se presentará ás primarias pero non para optar á candidatura á Xunta porque prefire "que sexa unha muller a nova presidenta"

Ademais, Riobóo confirmou que se presentará ás primarias de Podemos Galicia de cara ás autonómicas, pero insinuou que non o fará para optar á candidatura para presidir á Xunta, xa que lle gustaría "que fose unha muller a próxima presidenta de Galicia". Ao tempo, anunciou a apertura dunha "nova dinámica no contacto coa militancia", polo que xa empezou unha serie de reunións a nivel comarcal para "analizar o resultado das xerais, o traballo feito e o proceso futuro". 

Respecto do posible apoio de En Marea a unha investidura de Pedro Sánchez, Riobóo aclara que Podemos sempre foi "partidario de non permitir, nin por activa nin por pasiva, un gboerno do PP", aínda que asegurou que pode que "haxa xente que se sinta desilusionada" polas últimas políticas do PSOE, así como pola actitude dos socialistas á hora de vetar o grupo propio da coalición galega no Congreso. 

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.