É o mentor político do presidente da Xunta. Con el á fronte da Consellería de Sanidade Alberto Núñez Feijóo converteuse no número dous do departamento. E con el deu o salto ás altas esferas do Goberno de José María Aznar, primeiro como presidente do Insalud e despois como máximo responsable de Correos. José Manuel Romay Beccaría, actual presidente do Consello de Estado, foi considerado tamén alma mater do PP do birrete, denominación que adoitaba recibir o sector dos conservadores galegos máis escorado ás cidades e a Madrid e contraposto ao da boina, de perfil máis asentado en Galicia. Con toda esta bagaxe Romay reapareceu este sábado fugazmente na escena política galega para asistir a un acto das Novas Xeracións do seu partido na Cidade da Cultura e tamén para defender a Feijóo no medio da intensa treboada política provocada polas súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado.
Tomadas cando Feijóo era o seu home de confianza en Sanidade, as fotografías "disgustaron" ao veterano dirixente conservador pero non por que denoten conduta irregular ningunha, senón porque "aí non hai boa intención". Romay "non" cre que o titular da Xunta deba dimitir, porque está "seguro de que non fixo nada nunca que estivese contra a lei". Máis aínda, coida que "poucos políticos teñen o nivel de compromiso ético" do que fora o seu protexido".
Romay di estar "disgustado" porque as fotos non teñen "boa intención" e gaba o "compromiso ético" do presidente
"Temos un gran presidente", asegura, e ao ser cuestionado pola posibilidade de que Dorado se beneficiase de contratos coa Xunta nos tempos en que el era conselleiro e Feijóo, secretario xeral, Romay Beccaría mantén que "non hai nada diso", por iso Feijóo está "tranquilo" e "coa conciencia tranquila". Iso quere dicir, polo tanto, que o ex conselleiro e ex ministro tampouco sabía quen era Marcial Dorado na época en que foron tomadas as controvertidas instantáneas? "Eu non o coñecía", mantén, malia dirixir o departamento sanitario da Xunta nunha das épocas máis duras no que ao impacto da droga en Galicia se refire. Todo o mundo sabía quen era, repuxéronlle os xornalistas. "Como tanta xente que coñeces na vida", sentenzou Romay.
Sen "interese xornalístico", segundo o Valedor
Xunto a Romay, este sábado aínda se sumou un actor máis á polémica, o Valedor do Pobo en funcións, Julio José Fernández. Preguntado pola prensa pola difusión das fotos nos medios e nas redes sociais antes da inauguración dun foro organizado pola institución, o alto comisionado parlamentario amosouse convencido de que, "a día de hoxe, non había interese xornalístico" para a "difusión" das imaxes de Feijóo con Dorado "dende o punto de vista dos dereitos fundamentais", xa que a "esixencia do dereito fundamental á propia imaxe" precisa "consentimento das persoas que saen" nas fotos, agás que "o personaxe sexa público e a natureza da fotos, por razóns de interese xeral ou xornalístico, aconselle a súa difusión".
Fernández coida que "non se deben establecer censuras adicionais" aos medios de comunicación
Así e todo, e malia considerar que non deberan ser difundidas, Fernández desmárcase das propostas chegadas dende o sector máis duro do PP, como o representado polo presidente rexional de Madrid, Ignacio González, quen o pasado venres apostaba por impoñer a censura previa nos medios de comunicación para evitar que fotografías como estas vexan a luz. "A regulación xa existe", evidencia do Valedor, quen tamén lembra que os "límites" para a difusión da inf ormación non son outros que "os dereitos fundamentais" a "intimidade" e a "honra". "Se hai un desfase actuarán os xuíces", pero "non se deben establecer censuras adicionais que non existen a día de hoxe", conclúe.