Rueda evita aclarar se seguirá como deputado: "verase no futuro"

Vista xeral dun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

O pleno solemne de apertura da IX Lexislatura autonómica foi coherente co resto de actos do inicio do noveno mandato da historia da autonomía. Tras un discurso de investidura sen escasas novidades e despois do acto de toma de posesión do presidente sen apenas contido e finalizado en tempo récord, a sesión deste martes, máis curta e de trámite que todas as anteriores, tampouco pasará á historia do país. Quizais por este motivo o interese informativo estivo menos no hemiciclo e máis nos corredores do Pazo do Hórreo, onde un dos máis buscados foi o flamante vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen ten encomendada dende o luns a "interlocución" do Goberno co Parlamento pero que segue sen aclarar se manterá ou non a súa acta de deputado, imprescindible no caso de que o PP o manteña como plan B para a Presidencia no caso dunha eventual marcha de Alberto Núñez Feijóo.

Rueda nega hostilidades entre Feijóo e Javier Guerra, a quen o PP situou na última ringleira de escanos

Cuestionado polos xornalistas ao respecto Rueda apostou polo circunloquio e por fialo todo á instrucións que poida ditar o seu xefe de filas. "A día de hoxe téñoo", respondeu ao ser preguntado por se terá "voto" no pleno da Cámara ao longo da lexislatura. "O que pase no futuro, no futuro se verá", evidencia, para despois engadir que realizará o traballo de "coordinación" entre o Executivo e o lexislativo con independencia de ser ou non membro do segundo.

Na que foi a súa primeira e improvisada comparecencia pública como vicepresidente a Rueda tocoulle tamén ofrecer explicacións sobre a outra novidade do día, a saída da bancada do Goberno do ex conselleiro de Industria, Javier Guerra, a quen o PP situou na última ringleira dos seus escanos. Mentres Guerra camiñaba polos corredores con apariencia de estar aínda a asentarse á súa nova condición de deputado raso, Rueda tentaba espantar os rumores de que o relevo en Industria se produciu entre hostilidades. Non hai enfrontamento entre Guerra e Feijóo, de feito o presidente, di, "agradeceulle" o seu "traballo" e o "empeño" manifestado durante catro anos. "Eu alegreime moitísimo de velo e ter a ocasión de darlle unha aperta", asegurou Rueda mentres o ex titular de Industria rexeitaba responder aos xornalistas, cos que nunca rematou de encaixar.

Rojo 'vende' "austeridade" e pide "revalorizar" a política

As consideracións a respecto do novo Goberno producíanse unha vez rematado o discurso co que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, inaugurou oficialmente a lexislatura. Evitando entrar en calquera cuestión controvertida, a xefa do lexislativo aproveitou a súa intervención para vender os plans de austeridade aplicados na institución ao longo do seu primeiro mandato. "O plan de axuste e aforro está racionalizando de xeito relevante o gasto na Cámara", afirmou, nunha intervención ateigada de referencias aos "novos modelos de xestión pública" e á dotar de maior relevancia ao que, cando menos polo momento, é un dos talóns de Aquiles do funcionamento ordinario do Parlamento: o acceso á información a través da súa páxina web.

Rojo pide "desterrar as opinións que repondan a unha concepción retrógrada da política"

Á marxe das tecnoloxías Rojo coida que "é o momento de revalorizar a política" e, para isto, di, a "honestidade é unha permanente garantía de éxito". "Debemos desterrar dunha vez para sempre as condutas, actitudes e mesmo as opinións que respondan a unha concepción retrógrada, anquilosada e estéril da actuación política", di a popular, quen asegura que "loitará" por que o Parlamento acade "as máis altas cotas de transparencia", tamén "facilitando o labor dos xornalistas e dos medios". "A divulgación será a máxima posible no marco dunha ampla estratexia de información e educación", asegura.

Pilar Rojo, nunha sesión solemne © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.