Rueda obvia que o PP prometeu "cero" gastos en alugueiros: "o obxectivo non está marcado"

Treito do programa do PP sobre as medidas de aforro © PPdeG

A austeridade. Foi unha das bandeiras do Goberno de Alberto Núñez Feijóo no seu primeiro mandato á fronte da Xunta e o PP asegurou durante a campaña electoral que mantería a mesma liña se, como aconteceu, recuncaba no poder. Un dos ámbitos que os conservadores poñen como exemplo das súas políticas de contención de gasto público é a redución dos alugueiros que a Administración paga para ter parte das súas instalacións en inmobles que non lle pertencen, unha práctica que, en xeral, se desenvolveu de maneira expansiva tanto nos mandatos de Manuel Fraga como co bipartito. Tras unha lexislatura na que, segundo cálculos da propia Xunta, o aforro neste ámbito foi de arredor de 2 millóns de euros anuais, o PP concorreu ao 21-O cun ambicioso plan: "reducir o gasto en alugueres da Xunta de Galicia a cero". Tres semanas despois dos comicios ese obxectivo semella comezar a relaxarse.

Esa relaxación da promesa é unha das conclusións que é posible tirar das verbas do conselleiro da Presidencia en funcións, Alfonso Rueda que, en ausencia de Feijóo -de viaxe no Brasil-, este xoves foi o encargado de presidir o Consello da Xunta e tamén de explicar ante a prensa os asuntos tratados. O Goberno tivo sobre a mesa un informe no que a Consellería de Facenda sinala que os 7,6 millóns de euros anuais que a Xunta pagaba polos seus alugamentos en 2008 pasaron agora a 5,7. Isto logrouse "resolvendo contratos e trasladando eses servizos a inmobles propios, infrautilizados ou baleiros", ou tamén "renegociando á baixa a renda de locais" aproveitando "a baixada de prezos do mercado inmobiliario", explica Rueda.

"Cando se presente o plan que se vai facer tamén se fixarán os obxectivos e agardamos cumprilos", resolve Rueda

Neste escenario, cal é o roteiro para a vindeira lexislatura? Dende Facenda anúnciase xa un "novo plan de racionalización" e, a preguntas deste diario, o número dous de Feijóo asegura que os gastos nesta materia "poden seguir reducíndose", porque "hai marxe", mesmo tendo en conta as "dúas subas do IVE". "É un plan que ten que seguir na seguinte lexislatura", abonda, algo que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, "comprometeu" ao presentar o informe no Consello. Pero, fronte á claridade do programa do PP, Rueda opta por non prometer con tanta rotundidade: "o obxectivo non está marcado, cando se presente o plan que se vai facer tamén se fixarán os obxectivos e agardamos cumprilos", resolve.

Así as cousas, semella que o recorte non será tan ambicioso e si máis adaptado ao ritmo que leven outras accións, como a "supresión de entes" dependentes da Xunta. "Se hai supresión de entes tamén ten que habela de espazos físicos", sinala o conselleiro en funcións. Na nota oficial difundida pola Xunta tras a xuntanza do Goberno tampouco houbo lugar para o "cero" prometido en campaña. "O novo Goberno presentará outro plan de racionalización do gasto do patrimonio inmoibliario (...) que permitirá seguir consolidando e incrementando os aforros acadados nesta", sinala.

Rueda, na comparecencia posterior ao Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.