Un mes despois do inicio o pasado 7 de febreiro da folga indefinida do persoal da Xustiza, precedida de paros puntuais en decembro e xaneiro, este martes o vicepresidente da Xunta e responsable desa área, Alfonso Rueda, compareceu no Parlamento de Galicia para dar conta da situación actual do conflito. Fíxoo cunha intervención na que de xeito reiterado, apoiado polo representante do PP, tentou rachar a unidade sindical asegurando que “a maioría” das organizacións convocantes do paro desexan rematar xa a folga fronte a algúns representantes, que non identificou, que estarían interesados en prolongala. Rueda, que acusou os sindicatos de ser os responsables da actual ruptura das negociacións, deuse un día máis e anunciou que este mércores a Xunta volverá poñerse en contacto con eles para retomalas. Mentres, ás portas da Cámara, un grupo de traballadores da Xustiza fixo ver que as súas reivindicacións seguen activas.
A oposición enmarca o conflito na vaga de protestas sociais contra os gobernos do PP e nunha caída do peso político do vicepresidente mentres un grupo de traballadores se manifesta ás portas do Parlamento
A resposta dos sindicatos non se fixo esperar. O comité de folga --onde están representados os sete sindicatos con representación no sector-- ancunciou nun comunicado que acudirá, "como non pode ser doutro xeito", á convocatoria da Xunta "con vontade de negociación e diálogo", pero advertiu que espera que a representación do Goberno "non estea encabezada polo director xeral de Función Pública". Hai xa semanas, as centrais pediron que José María Barreiro non volvese estar presente nas conversas.
Rueda insistiu na postura do Goberno galego de que “as arcas públicas non poden asumir” a petición de incremento salarial dos folguistas xa que, trasladada ao resto de empregados públicos autonómicos, “serían máis de 500 millóns de euros”. Ese argumento, que a Xunta vén empregando desde o primeiro momento da negociación, non impediu ata o de agora, como este martes admitiu o propio Rueda, que nas “12 reunións celebradas desde que se plantexou o conflito” o Goberno galego puxese xa sobre a mesa “catro ofertas económicas cada unha á alza” ata os mil euros máis ao ano fronte aos “2.700 ao ano” en que resumiu a petición dos sindicatos. Ao tempo, Rueda tamén acusou os sindicatos de non querer dar por pechados outros acordos laborais noutras materias en conflito ata que se acade un acordo económico.
Fronte a esa visión de Rueda, a oposición enmarcou o conflito na vaga de protestas sociais contra os gobernos do PP e relacionou o seu enquistamento cunha caída do peso político do vicepresidente. A deputada de En Marea Carmen Santos, por exemplo, vinculou a protesta da Xustiza coa folga de mulleres convocada para este xoves e dixo que “isto é o patriarcado, o patriarca é don Vito Feijóo e o consigliere é vostede señor Rueda”, unha expresión que foi retirada do diario de sesións da Cámara polo seu presidente, Miguel Santalices, por entender ofensiva. Santos tamén criticaría ao PP que “a súa maioría absoluta co dopping da corrupción non é un aval absoluto” das súas políticas.
O presidente do Parlamento retirou por ofensiva a acusación da deputada de En Marea Carmen Santos de que o conflito ten relación co patriarcado e "o patriarca é don Vito Feijóo e o consigliere é vostede señor Rueda”
Desde o PSdeG a deputada Patricia Vilán insistiu na perda de peso de Rueda na Xunta, ao que acusou de chegar “nove anos tarde” a atender dos problemas da Xustiza. “Séntese, duplique a oferta para empezar”, díxolle a socialista ao vicepresidente, ao que propuxo que para mellorar a súa oferta económica aos traballadores empregue os fondos que a Xunta ten consignados no fondo de continxencia co que atende imprevistos e emerxencias. Pola súa banda, desde o BNG o deputado Luís Bará, que tamén vinculou a protesta con outras como as dos pensionistas ou as mulleres, salientou que esta “non é unha folga económica senón pola dignidade”, ao tempo que dixo que se os sindicatos aceptan o acordo que lles ofrece a Xunta “en 2020 estarían cobrando un 9% menos que a media do Estado”.
Rueda nega agora que condicionase a súa volta ás negociacións a que os sindicatos desconvocasen a folga, como si puxo por escrito a semana pasada
Ante esas críticas, Rueda criticou á oposición por non propor no seu momento aumentos das partidas salariais no debate dos orzamentos autonómicos para este ano. Igualmente, tamén tentou xustificar como “pensando na cidadanía” a súa petición da pasada semana de “suspensión, que non desconvocatoria da folga, para negociar”. Porén, no escrito no que comunicou a súa postura aos sindicatos, Rueda dicía estar disposto a negociar “ao día seguinte mesmo de que se desconvoque a folga”.
Pola súa banda, o deputado do PP Alberto Pazos, incidiu na tese de que a maioría dos sindicatos quererían rematar xa a folga malia non obter os seus obxectivos pero que esta estaría a continuar polo interese particular de “algunha organización sindical moi concreta” que tampouco nomeou.
Ante estas afirmacións, no seu comunicado o comité de folga insiste en "manter a folga como dereito fundamental dos traballadores e traballadoras en defensa das súas reivindicacións laborais" e lembra que xa pecho "un calendario de mobilizacións para o mes de marzo".