Sanidade cre "anticuado" falar de peches de camas e reprocha os do bipartito, a metade dos actuais

Vázquez Almuiña, nunha intervención no Parlamento © Xunta

Como cada ano, o Servizo Galego de Saúde prepárase para pechar parte das súas camas durante os meses de verán. Segundo os datos fornecidos polo Sergas estes peches afectarán a "entre o 15% e o 20%" das camas dispoñibles, o que vén confirmar os augurios dos sindicatos, que agardaban arredor de 1.000. Con este pano de fondo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, foi interpelado ao respecto polo voceiro socialista en materia sanitaria, Julio Torrado, a quen reprochou que o cuestionase por un asunto "anticuado", ademais de reprocharlle o número de camas pechadas durante o mandato do goberno de coalición de PSdeG e BNG, cuxos peches deixaban fóra de servizo en torno á metade de camas que os do Goberno do PP.

"Vostede ten un discurso anticuado", lamentouo conselleiro. "Fala de camas, camas; eu creo que hai que falar de actividade". O Executivo de Alberto Núñez Feijóo, sinalou, "aumentou a infraestrutura en camas" aínda que a "tendencia europea" é diminuíla, pero na actualidade a mellor da "actividade" cirúrxica e a "calidade" do sistema, "que cada día é mellor", permite que un maior número de pacientes poidan ser atendidos sen quedaren ingresados. Adicionalmente, asegura, a "planificación" do Sergas permite manter os niveis de asistencia. En calquera caso, afirmou, Torrado debera explicar por que reprocha ao PP estes peches se o goberno bipartito no ano 2007 decidiu realizar 430, dixo esgrimindo unha nota de prensa da época.

O PSdeG lembra que o PP cualificou de "grotesco" que o bipartito pechase 430 camas e insta o conselleiro a aclarar "que é" que o seu departamento prevea pechar máis do dobre

"Non pensei que mo fose poñer tan fácil", ironizou o parlamentario socialista. "Se antes se pechaban 430 e vostedes, 1.200, como o cualificaría? Eu creo que é un retroces", sinalou antes de esgrimir, el tamén, un comunicado da época, pero asinado polo PP. Nomeadamente, a referida a unha rolda de prensa ofrecida por quen naquela altura era voceiro de sanidade popular, Miguel Santalices, actual presidente da Cámara, que consideraba "grotesco" pechar camas no verán mentres houbese lista de espera. "Se aquilo era grotesco, isto que é?", pregúntase Torrado, nun contexto no que aqueles 430 peches, resalta, producíanse con "2.500 profesionais máis" no Sergas que na actualidade.

Neste contexto e en aras da "planificación", o parlamentario do PSdeG recomenda ao conselleiro ter en conta aspectos obvios, como que "o ano que vén, en xaneiro vai haber gripe" e "no verán, a xente vai coller vacacións". "Moito non preparou este tema", replicou Almuíña, para quen o Goberno do PP fai "un uso moito mellor" que o da esquerda dos recursos sanitarios dispoñibles, os cales están planificados en función das circunstancias de cada estación e "de cada área sanitaria concreta".

Julio Torrado, deputado do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.