Sanidade ratifica que cobrará polas ambulancias non urxentes cando o impoña o Estado

A conselleira de Sanidade, na comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Xa o dixera o presidente e a conselleira ratifícao ao presentar os orzamentos do seu departamento. A titular de Sanidade, Rocío Mosquera, acudiu este luns ao Parlamento para explicar as contas que xestionará ao longo de 2013 e deixou caer que, como nos anteriores paquetes de recortes, o Goberno galego aplicará o repagamento no transporte sanitario non urxente en canto o Ministerio de Sanidade o determine. Tras unha primeira exposición xenérica, sen apenas baixar ás cifras, os grupos da oposición reprocháronlle a Mosquera que non tocase os recortes orzamentarios que vén sufrindo o Sergas dende o inicio da crise. E a conselleira confirmou que as ambulancias non urxentes tamén se pagarán.

"Quen a escoite pensaría que non é a conselleira de Sanidade de Galiza" por "non falar do impacto dos copagamentos e dos recortes", reprochou o nacionalista Carlos Aymerich. "Escoitándoa a vostede, parece que nos está a falar doutros orzamentos, o malo é que cos números non funciona iso de que todo depende", agregou a socialista Carmen Acuña. "Evidentemente, nas ortopróteses e no transporte sanitario cumpriremos a normativa" estatal ou, o que é o mesmo, a Consellería reproducirá en Galicia o novo repagamento que chegue de Madrid. Será, di, "adaptado á nosa demografía" e "analizándoo coas asociacións de pacientes", pero será. "É como se nos veñen atracar e lle temos que dar as grazas ao atracador por non nos dar unha malleira", ilustrou a voceira de AGE, Eva Solla, para ilustrar o impacto das tesoiradas.

A conselleira nega as restricións na asistencia sanitaria para as persoas inmigrantes

O reproche da parlamentaria de Alternativa chegaba despois de que a conselleira realizase unha autogabanza dos seus orzamentos "realistas" que, afirma, reflicten que en Galicia as medidas non son "tan drásticas" e por iso "tanto os profesionais as entenderon e as apoiaron". "Algúns terán cartos para pagar o que xa non dea o Sergas e os demais terán que asumir o risco de enfermar", abondou Solla. "Continúan co imparable deterioro da sanidade pública, lévannos camiño de Madrid", subliñou Acuña. Ambas referíanse a, entre outras restricións, as aplicadas ás persoas inmigrantes, inexistentes segundo a conselleira: "Non hai ningún cidadán que estea a vivir en Galicia que non teña asistencia sanitaria segundo as súas necesidades, para iso creamos o programa de protección social", retruca Mosquera, obviando que este programa limita a atención sanitaria para as persoas sen papeis a casos urxentes e, en prácticas como o seguemento posparto, a asistencia redúcese a dous meses.

Defensa dos concertos coa privada

Outras das críticas que Mosquera tamén tentou esquivar durante o debate foron as vinculadas aos concertos coa sanidade privada, especialmente co hospital vigueś POVISA no que, lembra Aymerich, traballou a propia conselleira. "Unha das súas primeiras decisións" na nova lexisaltura "foi prorrogar o concerto con POVISA mantendo as cantidades". "Debe ser pola boa xestión", ironiza o nacionalista, acompañando a crítica cunha petición de explicacións que tamén formulan AGE e PSdeG. "Os concertos coa privada evidentemente, mantéñense", di Mosquera, para quen estes acordos "seguen sendo complementarios co sistema público". Os hospitais privados "tamén son empresas", di a conselleira, e "son empresas coas que queremos manter uns concertos que lles permitan dar unha certa estabilidade".

Allea á práctica totalidade das preguntas da oposición, como a redución de salarios do persoal, a eliminación das áreas sanitarias ou o financiamento do hospital de Vigo, a conselleira teima en que o orzamento sanitario de Galicia é, porcentualmente, "o máis alto de todas as comunidades autónomas". Isto pode ser así porque "repensamos todo o que facemos para poder priorizar o beneficio dos pacientes", mantén.

A conselleira de Sanidade, na comparecencia CC-BY-SA Praza Pública
Acuña, Solla e Aymerich, no debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.