Sanidade "reforza" a seguridade dos exames tras o escándalo do marido da conselleira

CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) foi contundente: o marido da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, conseguiu un ascenso no Hospital Clínico de Santiago cunha "clamorosa falta de motivación" cando a súa dona era xerente do Servizo Galego de Saúde. O alto tribunal galego viu no baremo empregado para outorgarlle o posto a Manuel Bustamante un "cheque en branco" absolutamente "arbitrario" e considerou que a "sorte" do proceso xa estaba "botada de antemán". Ante este duro ditame o presidente da Xunta optou polo perfil baixo, circunscribindo o asunto a un "proceso interno" do CHUS e mantendo a Mosquera na consellería. No entanto, un mes despois anuncia un reforzamento da "seguridade" nos procesos selectivos do Sergas.

Mentres a conselleira esixe "respecto" para o seu marido e defende o seu "dereito" a ascender e a oposición en pleno segue a esixir a súa destitución ou dimisión, Mosquera levou este xoves ao Consello da Xunta un informe sobre como vai "garantir e reforzar os principios de acceso ao emprego público, particularmente os de igualdade e imparcialidade". O proxecto, "aprobado unanimemente por todas as organizacións sindicais" con representación da Mesa Sectorial de Sanidade "xa serán aplicables" aos próximos procesos selectivos, os do "persoal estatutario fixo, licenciado sanitario", xa convocados para as categorías de facultativos especialistas de áreas e médicos de urxencias.

As novas medidas de seguridade chegan despois de que a Xustiza anulase o ascenso do cónxuxe de Rocío Mosquera no Clínico de Santiago

Cando aínda paira a sombra da dúbida sobre o organismo público pola "predeterminación do resultado" do proceso selectivo do CHUS que detectou a xustiza, a Xunta di que de agora en diante vai establecer "garantías específicas na composición dos tribunais, que recollen un máximo dun membro por estrutura organizativa de xestión integrada". Introdúcense, segundo informa o Goberno galego, "criterios de antigüidade na designación de membros", regúlanse de xeito "pormenorizado" as "causas de abstención e recusación" e faise "referencia á documentación de todas actuacións dos membros e colaboradores".

O TSXG viu "predeterminado" o "resultado" do ascenso de Manuel Bustamante

"Identificación dos roles dos membros dos tribunais", "rastrexabilidade de todo o proceso", "confidencialidade no proceso de elaboración das preguntas", "selección dos exames" de forma aleatoria ou "imposibilidade de xerar ningún documento electrónico ata a data do exame" son outras das novidades para uns tribunais que xa están designados e que, afirma a Xunta, serán máis garantistas que nunca. Así serán os procesos cuxa última responsable será, paradoxalmente, a cuestionada conselleira de Sanidade.

Feijóo, coa conselleira de Sanidade e a xerente do Sergas © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.