Santalices pide "respecto" aos membros do Parlamento e non "articular alternativas" fóra da Cámara

Os membros da Mesa do Parlamento, durante a interpretación do himno galego © Parlamento de Galicia

A X Lexislatura autonómica comeza de vez. Tras a constitución do Parlamento e as tomas de posesión do Goberno a sesión solemne de apertura da lexislatura deu paso este martes ao inicio dos traballos ordinarios da Cámara conformada nas eleccións do 25S. Fíxoo, como é costume, cun discurso do titular da presidencia do lexislativo, Miguel Santalices, que aproveitou esta intervención institucional para, xunto coas tradicionais chamadas ao "respecto" e á concordia, introducir valoracións a respecto de, sen mencionalas, unha das declaracións de intencións de parte das forzas da oposición no novo período: exercer o seu labor no Parlamento, pero tamén na rúa.

Esa aposta por combinar o traballo político institucional coa presenza a pé de rúa non é, nin de lonxe, a primeira vez que é escoitada na política galega. Desta volta os grupos que máis están a poñer o acento nela son En Marea e BNG, e ambos veñen de recibir unha resposta implícita por parte da segunda autoridade do país. "A democracia só é viable na medida en que practiquemos a democracia parlamentaria", proclamou o xefe do lexislativo, instando os deputados e deputadas a non ir alén "dos límites fixados polas normas xurídicas emanadas da propia institución parlamentaria". "Porque, señorías, nunha democracia, nun estado de dereito, non hai nin pode haber atallos", dixo.

Santalices: "Teñamos claro que articular alternativas sen contar co Parlamento constitúe unha deriva perigosa que non podemos nin debemos permitirnos"

É neste contexto no que chegou, sen apelacion explícita, o que semella un recado para a banda esquerda do hemiciclo. "Teñamos claro que articular alternativas sen contar co Parlamento constitúe unha deriva perigosa que non podemos nin debemos permitirnos", apelou. Os "problemas das persoas", asegura, "nunca estiveron fóra dos debates deste Parlamento", polo que agora o que toca é seguir a "acertar" para que "todas as cuestións de interese se continúen abordando entre estas catro paredes". "Do mesmo xeito que as discusións se suceden nas redes sociais con absoluta lexitimidade -abondou-, debemos esforzarnos para que ningún asunto sexa furtado do debate, serio e ordenado, na sede da representación popular".

O presidente da Cámara insta a que "todas as cuestións de interese se continúen abordando entre estas catro paredes" e dá por "materializado, en boa parte", o "galeguismo difuso" que reclamaba Piñeiro

Santalices realiza este chamado nun contexto no que, non obstante, o popular aplaude o "clima de sá confrontación dialéctica" da sesión de investidura, unha "normalidade institucional" que insta "solemnemente" a manter. "Enchamos o Parlamento de ideas, en lugar de enchelo de tensión", reclamou nun discurso no que deu por "materializado, en boa parte", o "galeguismo difuso" que "defendía" Ramón Piñeiro na primeira lexislatura, nun contexto no que, coida, "unha enorme maioría de galegas e galegos" xa "non concibirían nin permitirían que servizos públicos esenciais como a sanidade ou a educación" se "xestionasen dende fóra de Galicia".

Regresa así, no inicio da lexislatura, un debate sobre a actividade política dentro e fóra do Parlamento que é recorrente e que rexurdiu con máis intensidade en períodos de maior conflitividade social. No entanto, membros de practicamente todos os grupos que pasaron pola Cámara participaron, especialmente mentres estiveron na oposición, en numerosas mobilizacións de todo tipo e alentaron e mesmo promoveron colectivos e organizacións de tipo reivindicativo, ademais de partidario, entre eles o propio Santalices.

Vista do hemiciclo durante a sesión de apertura © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.