Se quere votar nas eleccións galegas... percorra 3.200 quilómetros

Vista da cidade de Tromso © Jambocruceros.com

Moito se ten escrito e reflexionado sobre as escasas garantías do voto exterior, o que emiten as persoas rexistradas no chamado Censo de Residentes Ausentes (CERA), o instrumento creado na etapa da Transición política inicialmente pensado para facilitar a participación electoral da cidadanía española exiliada pero que, ao pouco tempo, xa se convertera nunha ferramenta moi susceptible de control político e con escasísimos trazos de transparencia. Corenta anos despois o voto CERA segue a ser obxecto de reformas, a última, a do "voto rogado", que esixe á emigración e á súa descendencia solicitar previamente o dereito ao sufraxio, evitando así que todos reciban automaticamente a documentación electoral sen comprobar, por exemplo, se o elector ou electora segue con vida. Pero non é o electorado integrado no CERA o único que vota dende fóra e nin sequera o que máis dificulades ten para facelo.

Dende hai lustros é habitual que se produza, tamén en Galicia, outro tipo de voto exterior, o dos "electores residentes temporalmente no estranxeiro", persoas traballadoras ou estudantes que marchan por un tempo determinado pero con intención de regresar. Quen se atope neste caso para, por exemplo, as vindeiras eleccións galegas ten que solicitar un certificado nunha embaixada ou consulado español como paso previo a poder participar nos comicios. Este é o caso no que se atopan seis estudantes galegos, actualmente residentes na cidade norueguesa de Tromso, aos que a burocracia, denuncian, lles está a "privar de facto de exercer o dereito ao voto nas vindeiras eleccións galegas".

Ao estaren empadroados nos seus respectivos concellos galegos deben achegarse ás devanditas embaixadas ou oficinas consulares e alí dar o primeiro paso para poder votar. Na cidade onde residen existe un consulado de España, pero ninguén se ocupa del e, polo tanto, non existe a efectos prácticos. Ante esta eventualidade decidiron dirixirse, primeiro telefonicamente e despois por carta á embaixada de España na capital do país nórdico, Oslo, situada a máis de 1.600 quilómetros de Tromso. "Nos dous casos -explican- infórmasenos de que para iniciar o trámite para exercer o dereito ao voto debemos presentarnos persoalmente naquela embaixada" ou, o que é o mesmo, percorrer 1.600 quilómetros de ida e outros tantos de viaxe de volta.

"Do embaixador só recibimos boas palabras e ningunha solución que non sexa viaxar máis de 3.200 quilómetros"

"Na práctica resúltanos inviable poder desprazarnos ata a delegación española", subliñan os estudantes, tanto por "incompatibilidade coas nosas ocupacións" académicas como polos "gastos de desprazamento e estancia" que implica achegarse a Oslo para realizar o tŕamite. "A circunstancia foi posta en coñecemento do señor embaixador", Santiago Salas, "do que até agora só recibimos boas palabras mais ningunha outra solución que non fose realizar a viaxe de máis de 3.200 quilómetros para despois recibir na nosa residencia actual a documentación precisa para votar", lamentan, nun contexto no que esta "privación do dereito ao voto" está a ser "padecida por moitos estudantes galegos espallados por Europa", din.

Vista da cidade de Tromso © Jambocruceros.com
Carta ao embaixador (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.