Severino Rodríguez: “Avecíñanse tempos interesantes e realmente distintos aos que vivimos”

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte © Concello de Monforte

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte de Lemos polo BNG dende o ano 2003, confirmou o pasado venres que non se presentará ás eleccións municipais de maio, poñendo fin a 12 anos de xestión á fronte do Concello. A decisión, meditada nos últimos meses, era a esperada, aínda que houbo que agardar até esta comunicación, primeiro ante afiliados e afiliadas do Bloque e despois ante os medios, para a súa confirmación. Un anuncio que realizou sentado canda a Iván Álvarez Merayo, responsable local da formación, e os ex concelleiros Xosé Manuel Pavón e Alicia Cadarso, que formaron parte do equipo co que Rodríguez acadou a alcaldía hai máis dunha década.

O aínda rexedor monfortino explica a súa decisión en que "na política, igual que noutros aspectos da vida, é tan importante chegar como saber marchar"

O aínda rexedor monfortino explica a súa decisión en que "na política, igual que noutros aspectos da vida, é tan importante chegar como saber marchar". "Sempre pensei que as ideas non hai que defendelas só coas palabras, senón tamén cos feitos. Creo que os cargos institucionais e políticos deben de ter unha duración máxima, que poden ser dúas lexislaturas, tres como máximo, pero non deben pasar de aí", engade.

Salienta sobre todo o traballo colectivo realizado á fronte do concello: "Nos tres mandatos houbo un equipo de persoas no goberno municipal que permitiu un bo funcionamento, unha fortaleza como grupo e un illamento total das cuestións persoais. Por suposto, había distintas maneiras de pensar en varios asuntos, pero por riba diso estaba o convencemento de que o importante era o proxecto". Para Severino Rodríguez, foi este traballo en equipo o que lle permitiu ao BNG ser a forza máis votada, a pesar de partir en inferioridade de condicións: "en Monforte, a priori, o PSOE ten o dobre de forza ca nós, e o PP catro veces máis, e mesmo así o Bloque puido estar gobernando durante 12 anos, e cun goberno estable e firme, unha mostra de que o grupo e a organización estivo á altura das circunstancias".

"Nos tres mandatos houbo un equipo de persoas no goberno municipal que permitiu un bo funcionamento, unha fortaleza como grupo e un illamento total das cuestións persoais"

Nos últimos meses tense especulado sobre a súa situación dentro do BNG, a raíz do relativo cuestionamento da estratexia política da formación realizado por Severino Rodríguez a través, por exemplo, do manifesto Somos Maioría. "Creo que porque unha persoa que está nunha organización plantexe diferenzas con esa organización, iso non quere dicir que teña que marchar. Somos persoas adultas e non somos robots", responde. O rexedor considera, iso si, que "o Bloque ten unha dinámica que creo que non axuda a que se perfile como unha organización política que está ou debe estar para tentar solucionar os problemas que ten a sociedade. Está habendo cambios moi grandes e en vez de analizar eses cambios, estase cometendo o erro de botarlles a culpa aos demais, en vez de analizar os erros que un comete".

"O Bloque ten que analizar a realidade, que está cambiando dunha maneira rapidísima. E en vez de seguir cos clixés de sempre, o que ten que facer é escoitar e modular determinadas cousas para adaptarse ao que está pasando"

"O Bloque o que ten que facer é, con valentía, analizar a realidade, que está cambiando dunha maneira rapidísima. E en vez de seguir cos clixés de sempre, o que ten que facer é escoitar e modular determinadas cousas para adaptarse ao que está pasando. Creo que non se está facendo ben e iso vai supor uns resultados realmente negativos", sinala. No que respecta á presentanción de candidaturas en Monforte, Severino Rodríguez cre que o BNG "debe abrir un período de debate, no que non debe haber ningún apriorismo. Se ao final o mellor para Monforte é incorporarse xunto con outra xente nunha lista, debe facelo, e se considera que, como consecuencia de que non hai outras alternativas, debe ir como Bloque, pois que vaia como Bloque". "O que non sería bo sería ir a un debate sabendo xa o que se vai facer", conclúe.

"Creo que estou máis obrigado ca nunca, despois do meu paso pola alcaldía, a ter unha actitude cívica, de compromiso e de axuda e colaboración, para que a sociedade mellore"

Supón a súa decisión de non presentarse ás eleccións municipais un abandono da política? Severino Rodríguez asegura que non. "Creo que tanto en Galicia coma no Estado Español se aveciñan tempos realmente interesantes, e realmente distintos aos que vivimos nos últimos 20 anos", destaca. "Que eu non me vaia presentar ás eleccións non quere dicir que me vaia retirar da política. A maior parte da miña vida estiven en política, aínda que fóra das institucións. Creo que estou máis obrigado ca nunca, despois do meu paso pola alcaldía, a ter unha actitude cívica, de compromiso e de axuda e colaboración, para que a sociedade mellore. Que xa non sexa alcalde non quere dicir que vaia deixar de facer cousas que axuden a miña cidade e ao meu país", di.

 

12 anos de xestión

"Foron 12 anos dunha convivencia e dunha democracia que non se parecía en nada ao que sucedera nas lexislaturas anteriores"

Severino Rodríguez destaca que nas tres lexislaturas que estivo á fronte do concello monfortino "conseguimos unha normalidade moi positiva no funcionamento da institución e na relación cos cidadáns. Creo que os temas non se valoraban por cuestións políticas, senón en función do que necesitaba a cidade". Entre os aspectos máis positivos, sinala que "foron 12 anos dunha convivencia e dunha democracia que non se parecía en nada ao que sucedera nas lexislaturas anteriores". Valora moi poitivamente, ademais, que neste tempo "a ordenación da cidade sufriu unha transformación importante", por exemplo no relativo ás obras de mellora nas marxes do río Cabe.

Entre os aspectos negativos da súa xestión, salienta que "o máis negativo foi non ter aprobado un PXOM, que é un instrumento vital", o que cualifica de "fracaso estrepitoso". E, igualmente, destaca a non aprobación do Plan Especial de Protección do Casco Histórico, aínda pendente. En canto aos retos de futuro que deben enfrontar Monforte, Severino Rodríguez subliña que "o máis importante sería seguir mantendo a actual convivencia e participación cidadá". No aspecto económico o obxectivo fundamental "sería poñer en marcha a plataforma loxística, o porto seco, que entren empresas aí". E a nivel urbano destaca que "a obra máis necesaria sería continuar as obras de mellora nas marxes do río Cabe, ata a parroquia de Ribasaltas. Dese xeito estaría completado todo o cano do río no seu paso por Monforte".

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.