Só Marcial Dorado logra que Feijóo compareza

Puy, Romeu, Beiras e Jorquera, durante unha Deputación Permanente CC-BY-SA Praza Pública

Vinte e un de xullo de 2010 e 10 de abril de 2013. Son as dúas últimas ocasións nas que o presidente da Xunta compareceu no Parlamento á marxe das sesións obrigatorias, isto é, dos plenos de investidura e de política xeral e das sesións de control bisemanais. A de abril do ano pasado é, polo momento, a única comparecencia do titular do Goberno galego da súa segunda lexislatura no poder. Daquela, o excepcional escándalo provocado pola publicación en El País das fotografías de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado en 1995 arrastrou o líder da dereita galega á tribuna do Pazo do Hórreo. Dende ese momento as peticións de comparecencia formuladas pola oposición séguense a acumular e a bater coa maioría absoluta do PP, como aconteceu de novo este xoves.

A Deputación Permanente da Cámara, órgano que substitúe o pleno nos períodos inhábiles, reuniuse a instancias do PSdeG -único grupo opositor con escanos dabondo para solicitalo- para pedir a celebración dun pleno extraordinario que abordase "algúns dos principais problemas que afectan á sociedade galega", caso por exemplo da venda de Novagalicia Banco ou da posición da Xunta ante a contrarreforma da lei do aborto, cuestións que os socialistas pedían que explicase Feijóo en primeira persoa, algo que, admitiu durante o debate o seu voceiro, José Luis Méndez Romeu, sería "inédito". Trataríase de que Feijóo non fale ante o lexislativo "cando quere, senón cando cómpre".

Feijóo só compareceu nesta lexislatura tras o escándalo das fotos co narco

Consciente de que na bancada de enfronte ía atopar a negativa como resposta Romeu lamentou que os conservadores desdeñen temas como os propostos polo PSdeG mentres centran a súa atención nunha reforma electoral para recortar escanos. "Estamos ás portas do recorte da democracia" nunhas  "institucións políticas que se lexitiman cando son útiles" e que "quedan deslexitimada" cando "non conseguen esa utilidade" por non "escoitar a voz dos máis fables". "Coincidindo coa máxima crise económica a actividade do Goberno está sendo mínima" e aínda por riba, lamenta, o PP non accede a que a Cámara o active.

"Non é entendíbel que non se poudan debater cuestións como a venda de Novagalicia Banco, o aborto, as privatizacións ou a escandalosa destrución de emprego", agregou Francisco Jorquera polo BNG, que apoiou a solicitude do PSdeG. "O presidente da Xunta debe comparecer" tanto para falar de NCG como do aborto, "un ataque sen precedentes aos dereitos das mulleres que só responde ás formulacións ideolóxicas de grupos integristas" e ante o que Feijóo "quere aproveitar para cultivar unh falsa imaxe de persoa sensata e centrista, como cultivou durante anos o señor Gallardón". Isto é o que cómpre abordar e non "reformas á medida dos intereses do PP", resume.

Negativa baseada nas competencias

Beiras: "Queren que os fetos nazan para poder matalos ou convertelos en escravos"

A celebración do pleno apoiouna tamén AGE, que a través do seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, abordou a sesión coa "conciencia plena de que se nos vai dicir que non" nun Parlamento cada vez máis emellante, na súa opinión, "á Casa dos mortos de Dostoievski". "Este Parlamento está agónico" e o PP tenta "cortarlle o osíxeno", ata o punto de que "podemos propoñer que as sesións plenarias sexan substituídas por funerais" polas "caixas fenecidas", "polos mortos que se producen polos recortes nos servizos sanitarios" ou "polos nenos do planeta que morren cada día" mentres ao PP lle "preocupan os nasciturus" no que identifica como un "problema freudiano": "queren que so fetos nazan para poder matalos ou convertelos en escravos cando cheguen á idade de traballar". Os populares, acusa, mantéñense nunha "posición de delincuencia, porque é un crime contra a democracia impedir que a Cámara de representantes trate os dramas que está a padecer a poboación".

Este foi o escenario no que o voceiro popular, Pedro Puy, escenificou a negativa prevista, que non supón "un crime contra a democracia, senón algo habitual en todas as democracias". Apoiándose nos datos da actividade parlamentaria -públicos ata o ano pasado, cando a Presidencia deixou de publicalos- Puy "reta" os demaias grupos a "que me digan un Parlamento no que a oposición teña esta capacidade de control e impulso ao Goberno". Alén disto, o popular réstalle valor ás peticións de comparecenicia, porque "se pide que o presidente expoña o seu punto de vista sobre cuestións nas que o Goberno ten traballado moito, pero son competencia estatal". "Non é un problema dos galegos que desapareza a única entidade financeira que quedaba? Non é un problema das mulleres galegas que se modifique a lexislación sobre o aborto?", retrucou Romeu, convencido de que ao PP "o que lle sobra é o Parlamento". Finalmente, 8 votos contra 7.

Votación na Deputación Permanente CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.