Só o PP avala as inspeccións ao correo do persoal da CRTVG

Izquierdo, durante unha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

"E, se os demais se guindan por unha fiestra, ti tamén o farías?". A tradicional pregunta de pais e nais para facerlles ver a fillos e fillas que unha conduta maioritaria non é necesariamente correcta ben podería ser aplicada á xustificación ofrecida polo director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, para defender as inspeccións ao correo electrónico e á navegación por internet do seu persoal. Como adiantou Praza Pública, dende o pasado xaneiro o ente público está autofacultado para intervir as comunicacións electrónicas dos seus traballadores e traballadoras en virtude dunha norma que, adicionalmente, veta a entrada nas instalacións da TVG e da Radio Galega de calquera dispositivo electrónico alleo á compañía. Sánchez Izquierdo tivo que acudir este xoves a explicar a medida a petición de AGE e BNG e só o PP avalou esta nova fórmula de control.

Fronte ás acusacións de ter creado unha caste de "gran irmán" que "todo o ve" para infundir "medo" no cadro de persoal Sánchez Izquierdo deféndese argumentando que a CRTVG non fai nada "que non fagan os demais". A polémica normativa, di, veu cubrir unha "lagoa" que equipara a compañía a outras "empresas que incorporaron normas semellantes" e que ten como principal finalidade evitar o "risco de roubos ou fugas de información" e só "persegue a seguridade informática e a calidade do servizo". Nada de "censura" e moito menos de "autoritarismo".

"Non sei se teñen medo de que lles marchen coa fórmula do Luar e lla pasen á competencia ou revelen o último capítulo de Pratos Combinados", ironizou ante a resposta de Sánchez Izquierdo a voceira do BNG na comisión de control, Montse Prado, a quen lle "dá a impresión" de que "os homes e mulleres que traballan na CRTVG máis que entrar nun medio público" o fan "nunha factoría na que se agochan altísimos secretos". Fronte ao discurso da "liberdade", reprocha a nacionalista, a dirección do ente dotouse dunha "normativa para poder controlar a quen lles dea a gana" pasando por riba mesmo de elementos esenciais do oficio xornalístico, como a "confidencialidade das fontes".

"Non sei se teñen medo de que lles marchen foa fórmula do Luar ou revelen o último capítulo de Pratos Combinados"

Na mesma liña Juan Fajardo, de AGE, pregúntase que é "o que teñen que ocultar" na sede dos medios públicos para establecer tales controis e respóndese que o temor dos directivos é que saia á luz o "entramado que crearon na TVG" para amosar unha "realidade alternativa de Galicia". Por iso "precisan o control absoluto" e commo "no século XXI" saben que iso "é imposible", introducen "a ferramenta do medo", introducido para que "non se poidan probar as probas dunha evidencia", que a televisión e a radio públicas son empregadas como "artiluxio para amosar a realidade que lle interesa ao PP".

Defensa do control e críticas a 'Eu non manipulo'

Onde Fajardo e Prado ven control e manipulación o conservador Agustín Baamonde ve unha "garantía para o funcionamento" da compañía "e para os propios traballadores". El, afirma, non está en contra de que se "poidan conseguir probas de manipulación" pero estas "téñense que conseguir a través de medios legais". En calquera caso, afirma, actualmente "a xente non se deixa manipular", polo que as críticas da oposición son "pura retórica política" para "acusar os medios de comunicación do Goberno". "Dixo unha verdade como un mundo -retrucoulle Fajardo-, referiuse á TVG como medio de comunicación do Goberno".

Izquierdo acusa o persoal que denuncia "manipulación" de "arrogancia profesional ou intelectual"

Neste escenario, Sánchez Izquierdo aproveitou o resto da súa intervención para sacar peito polos bos datos de audiencia e rexeitar calquera posibilidade de que a súa dirección estea a inxectar o "medo" para manipular máis facilmente. Neste sentido, o director xeral aproveita para lanzar unha andanada dialéctica contra unha das súas principais pedras no zapato, o blog Eu non manipulo, creado polo comité de empresa da CRTVG para denunciar, precisamente, a "manipulación". El asegura "escoitar" estas críticas malia seren "anónimas", se ben especula con que "probablemente, quen estea por tras diso" sexa alguén cunha gran "arrogancia profesional ou intelectual" que leva estas persoas a "pensar que poden dar leccións de xornalismo día a día" dicindo "que esta noticia debe ir ou non".

Izquierdo, durante unha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
Fajardo e Prado, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.