SOS Sanidade cre que o PP bloquea a súa iniciativa lexislativa por "medo"

Rolda de prensa de SOS Sanidade, no Parlamento CC-BY-SA Merixo

Durante os últimos meses SOS Sanidade Pública percorreu o país coa súa iniciativa lexislativa popular (ILP). Nunha intensa campaña de información a plataforma que agrupa a organizacións profesionais da saúde, sindicatos, partidos políticos e diversos colectivos sociais xuntou en torno ao triplo das 15.000 sinaturas que son necesarias para convertir unha proposta cidadá nunha proposición de lei a tratar no Parlamento. Xunto a estas sinaturas a pasada semana a ILP completou todos os trámites preceptivos e quedou, polo tanto, disposta para poder ser debatida en pleno. Así o solicitaron PSdeG e BNG en dúas ocasións e por diferentes vías. En ambas a petición bateu contra a maioría absoluta do PP e este martes SOS Sanidade valoraba a decisión. Os conservadores, din, queren evitar este debate por "medo".

A plataforma coida que o PP tenta fuxir "do debate público sobre a súa política sanitaria" e as "consecuencias" que provoca

Nunha rolda de prensa na propia sede do lexislativo galego e xunto ás responsables de sanidade de PSdeG e BNG -é a terceira rolda de prensa conxunta dos grupos da oposición en pouco máis dun mes- o voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, explicou que a "urxencia" do debate da súa ILP non é en absoluto casual. Ten que ver, esencialmente, coa inminente entrada en vigor do Real Decreto que, entre outros aspectos reforma o copagamento farmacéutico e o estende ás persoas que reciben pensións de xubilación. "Sabíamos que íamos perder" dada a maioría absoluta do PP, constata Martín, o que o leva a concluír que os conservadores temen "o debate público sobre a súa política sanitaria" e sobre as "consecuencias" de, por exemplo, introducir as fórmulas público-privadas na construción de hospitais. "Preténdese ocultar o debate" e iso, di, é "un rexeitamento da democracia".

Na mesma liña, as deputadas de PSdeG e BNG concordan na urxencia de que este debate se producise, non só polas reformas a nivel de Estado senón tamén, di a nacionalista Ana Luisa Bouza, porque con este pleno remata o período de sesión e "non hai garantías de que se reinicie", dada a posibilidade de que o traballo parlamentario non se reinicie en outubro a causa dun adianto electoral. O PP, di, rexeitou introducir a ILP na orde do día "sen ningún argumento". Esa "actitude", abonda a socialista Carmen Acuña, revela "falta de interese pola sanidade pública" e "despotismo" dende o punto de vista político.

Así e todo dende o PP o seu voceiro, Pedro Puy, nega a existencia de "veto" ningún. Tanto esta iniciativa como a que defende a continuidade de Preescolar na Casa, di, serán tratadas "nun prazo de tempo menor que os dezasete  meses que tardou o bipartito de socialistas e nacionalistas na anterior lexislatura con outras dúas iniciativas lexislativas populares". Unha desas iniciativas foi, precisamente, a primeira lei abordada e aprobada polos populares no seu retorno ao Goberno. Tratábase da ILP da Red Madre, auspiciada polo Foro Español de la Familia. Nesta liña María Xosé Abuín, representante da CIG Saúde en SOS Sanidade, lamenta que esas "présas" por aprobar unha lei para reducir a "función" da muller "á reprodución" non se reproducisen no caso de defender o carácter público do sistema sanitario.

Rolda de prensa de SOS Sanidade, no Parlamento CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.