A Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal do Concello de Teo leva facendo este tipo de iniciativas solidarias dende hai anos, pero en concreto o Banco Veciñal de Alimentos (BVA) nace en decembro do ano pasado debido ás necesidades que no último ano os servizos sociais notaron en moitos fogares, sobre todo en xente maior e familias cuxa paga en moitas ocasións apenas chega para as facturas. Con esta iniciativa, o Concello de Teo pretende cubrir a alimentación das familias máis necesitadas e poder manter a peculiaridade que os diferenza dos demais bancos de alimentos, que fan entrega de produtos frescos e non só secos ou non perecedeiros. Actualmente según o concelleiro desta área, Xosé Ignacio Iglesias, axudan a "máis de dez familias con dous repartos semanais, un onde recollen os produtos no concello e outro de reparto por domicilios".
O principal obxetivo desta campaña de verán e a recolleita de alimentos frescos, xa que é nesta época cando hai máis excedentes deste tipo de produtos. "Normalmente a xente que ten horta sabe que hai uns momentos no que existe excedente de produto que en ocasións se acaba estropeando ou tirando", afirma o concelleiro, "hai moitas persoas que xa fan ese reparto de excedente entre a súa rede máis próxima, mais se ainda queda produto queremos que poida chegar por medio do banco de alimentos ás persoas que máis o precisan". Lanzan a campaña para facer un reparto máis axustado ás necesidades nutricionais da poboación, "o que máis soen pedir é leite e conservas debido ó seu alto contido nutricional, pero intentamos dar o máis variado posible".
Con esta iniciativa, o Concello de Teo pretende cubrir a alimentación das familias máis necesitadas
Dende o concello animan a seguir o exemplo das froitarías e supermercados da zona que colaboran coa iniciativa do Banco Veciñal na entrega de produtos alimenticios. A Concellaría, a pesar de que lanza a campaña no verán, pretende que a iniciativa se preserve todo o ano "e cada un colabore co que poida". Para isto, puxo en marcha dende o departamento de Cultura unha inicitativa que "está funcionando moi ben". Tratase de animar ás persoas que asisten ás actividades culturais organizadas polo Concello a colaborar coa entrega de productos ó BVA de Teo, xa que este tipo de actividades xeralmente son de balde. Nos actos hai un carro da compra no que se poden deixar os alimentos. "No último concerto celebrado nos Tilos conseguimos máis de 200 quilos de comida".
Ademáis do BVA, en Teo existe un roupeiro municipal que funciona dende hai máis dunha década "grazas ás mulleres voluntarias que o puxeron en marcha" ademais dun programa de acompañamento de persoas. Para todas estas tarefas, a Concellaría de Benestar abriu un programa de voluntariado que xa leva funcionando varios anos e que conta actualmente tanto o BVA como o roupeiro municipal con 15 voluntarios cada un. Según o concelleiro, "estas persoas non poderán continuar todo o verán de xeito estable e resulta moi interesante a colaboración puntual que poida chegar doutro tipo de poboación máis nova". Por este motivo, fan dende o Concello un chamamento a facerse voluntario no verán enfocado sobre todo "a persoas que estean estudando e teñan estes meses libres e por suposto estean interesadas en colaborar con algún dos programas que están funcionando, tanto o banco de alimentos, o roupeiro municipal ou o voluntariado de acompañamento".