Os chiringuitos. É a denominación que durante lustros veñen recibindo as empresas públicas e demais entes dependentes da Xunta que, dende a súa creación, tiveron máis ou menos control en función do interese do Goberno de quenda e nos que os salarios dos directivos chegaban a deixar en remuneración modesta o soldo de quen, a priori, máis responsabilidade ten no Goberno, o seu presidente, fixado en 72.232,58 euros ao ano. Ata o momento, os cálculos da Consellería de Facenda falan de que, cando menos 14 responsables destas entidades tiñan un soldo fixo ao mes superior ao de, neste caso, Alberto Núñez Feijóo, salario ao que se lle engadían ademais complementos como, por exemplo, os derivados de asistir a xuntanzas ou dietas de quilometraxe. Dende agora, asegura o Goberno galego, haberá unha rebaixa xeralizada e só dous destes altos cargos terán a mesma remuneración que Feijóo: o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo e tamén o presidente de Sogama, Luis Lamas quen, tal e como ten informado Praza Pública, ata agora ingresaba cada ano 84.999 euros. Mentres, o director desta mesma compañía, Francisco Silva, recibía ata agora 82.449 por realizar o seu labor profesional.
O presidente de Sogama percibía ata agora case 85.000 euros anuais e o seu director, 82.400
Os criterios para fixar os novos salarios, explicou Feijóo tras o Consello no que a titular de Facenda, Elena Muñoz, explicou o plan, serán "obxectivos" e estarán centrados no volume de negocio, número de traballadores e investimentos de cada empresa. En función destes baremos, cuxa concreción non se coñecerá ata que o decreto sexa público, as empresas dependentes da Xunta organizaranse en catro niveis con cadansúa "retribución fixa máxima". Os máximos responsables das compañías públicas de "nivel catro" cobrarán como máximo o mesmo ca un subdirector xeral, os de nivel tres, un soldo equivalente a un director xeral -uns 55.000 euros-, os de nivel dous estarán equiparados aos conselleiros -en torno aos 63.000 euros- e os de nivel un, ao presidente, caso de Sogama e a CRTVG. Deste xeito, asegura o xefe do Executivo, fréanse as "diferentes regulacións sectoriais onde a tradición e intelixencia negociadora das partes producía algún efecto sorprendente".
Neste contexto, sempre segundo os cálculos do Goberno, a rebaixa de salarios e dietas suporá que a estes altos cargos se lles aplique un recorte medio dun 9%, aínda que nalgúns casos chegará ao 21,8%. Para os directivos que vaian ver diminuído o seu soldo en máis dun 10%, aplicaráselles esta porcentaxe en 2012 e a restante, en 2013 para así, di Feijóo "diminuír o impacto" da rebaixa. Quen notará que o seu peto reduce notablemente as dimensións serán os doce membros do Consello de Adminstración da CRTVG. Dado que o novo decreto establecerá que en ningún consello de administración se poderá cobrar máis ca un director xeral, perderán un 40% dos seus salarios. Disto se deduce que ata agora estiveron a ingresar preto dos 80.000 euros anuais.
Quere isto dicir, polo tanto, que ninguén na Xunta cobrará xa máis ca o presidente? Non. Os directivos de empresas públicas, a comezar polos da CRTVG e Sogama, seguirán a percibir dietas por outros conceptos e, polo tanto, recibirán máis cartos públicos ca Feijóo, se ben eses complementos tamén se verán reducidos. Do mesmo xeito, na propia Administración xeral seguirá a haber, cando menos, un alto cargo que terá un soldo máis xeneroso. Trátase do secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que entre salario e complementos chega aos 93.009 euros anuais. En calquera caso, os detalles definitivos do decreto non se coñecerán ata que sexa aprobado definitivamente, algo que o Goberno galego prevé poder facer en maio. Antes terá que recibir o ditame favorable do Consello Consultivo.