Touriño e Laxe avalan a candidatura de Leiceaga: "Pode ser un bo presidente da Xunta"

Laxe, Leiceaga e Touriño, este martes en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

"Podo asegurar que Laxe e Touriño serán referentes na nosa campaña". O novo candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, expresaba deste xeito nunha recente entrevista en Praza.gal a súa vontade de "contar" cos expresidentes socialistas do Goberno galego para apoiar a súa candidatura. Apenas unha semana despois o PSdeG retornou ao que fora escenario da sinatura do pacto de coalición que sustentou ao Goberno bipartito, o Centro Galego de Arte Contemporánea, para facer ver o apoio de Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe á complexa tarefa que Leiceaga ten por diante. O novo aspirante, din os antigos mandatarios, "pode ser un bo presidente".

A presenza de Laxe e Touriño ao carón do candidato ten moito de mensaxe interna, pero tamén cara ao electorado. Despois de que boa parte da considerada 'vella garda' da formación se alinease nas primarias con José Luis Méndez Romeu, o "aval" explícito dos expresidentes sérvelle a Leiceaga para amosar que é a súa opción a que, di, combina "a capacidade suficiente para poder xestionar este país" coa "renovación que é precisa nestes momentos. Touriño e Laxe "representaron un cambio na forma de facer política e espero que o meu futuro Goberno tamén o represente", sinala.

Leiceaga: "Representaron un cambio que espero que o meu futuro Goberno tamén represente"

Touriño, que tivera a Leiceaga entre o seu equipo de confianza durante a súa etapa en Monte Pío, non dubida de que o economista "ama e coñece ben o país", pero ademais "ten unha sobrada experiencia e capacidade". "Teño a convicción de que pode ofrecer un proxecto de solvencia e estabilidade para liderar o Goberno deste país", sinala quen liderara a Xunta entre 2005 e 2009. O agora candidato, afirma, pdoe ser quen de "impulsar as transformacións necesarias no eido social que permitan lreducir a lacerante desigualdade provocada pola crise e a austeridade" e, ao tempo, encadralo "nun proxecto solvente para España".

Touriño: "Leiceaga coñece e ama o país, pode ofrecer un proxecto solvente para liderar o Goberno"

Tamén González Laxe di concordar nas posibilidades de Leiceaga. "Nos sistemas democráticos prodúcese a alternacia" e en Galicia "ás veces goberna o PP e ás veces, tócalle ao PSdeG". Neste contexto, di, "a partir deste ano tócalle ao PSdeG liderar o Gobenro, e non hai mellor que Xoaquín Fernández Leiceaga no noso partido" para facelo. É por iso "que os expresidentes estamos aquí para avalar a súa persoa, a súa capacidade e a súa decisión de ser o próximo presidente". "Hoxe está Feijóo, mañá estará Leiceaga", ilustra.

Concerto económico

A comparecencia de Leiceaga ante a prensa viuse condicionada pola votación no Parlamento, unhas horas antes, na que o Grupo Socialista aprobou a toma en consideración dunha proposición de lei na que o BNG apostaba pola implantación en Galicia dun modelo de concerto económico semellante ao de Euskadi e Navarra. O voceiro do PSdeG no debate, Juan Carlos González Santín, sustentou o seu voto afirmativo na necesidade de que o país conte con máis recursos, se ben considerou que o concerto tería un "difícil encaixe" constitucional e, ademais, resultaría "contraproducente" para Galicia en "termos económicos".

O PSdeG votou a prol dunha proposta do BNG sobre o concerto económico, pero para amosar que Galicia "precisa máis recursos"

Nesta liña, ao ser preguntado ao respecto Leiceaga advertiu de que o voto a prol da iniciativa do Bloque "non é unha decisión sobre o fondo", senón favorable a que "puidese discutirse unha iniciativa doutro grupo da oposición". "Calquera deicsión sobre o fondo sería equivocada", di o candidato socialista, quen apela a estudos realizados por el mesmo no ámbito do Foro Económico de Galicia para subliñar que "o concerto sería unha fórmula que prexudica gravemente os intereses de Galicia", cunha perda de fondos que cifra nuns 1.000 millóns anuais. "Defendemos unha reforma do sistema de financiamento autonómico sobre novas bases, teremos a oportunidade de explicalo", conclúe.

Laxe, Leiceaga e Touriño, este martes en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.